Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 29 de febreiro de 2000 Páx. 2.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 11 de febreiro de 2000 pola que se convocan axudas de formación en réxime de empresa tutelada para os alumnos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se revelaron como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada, no que a entidade formadora facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa ficticia, no que se reproducen os medios e procesos de producción e xestión reais, pero no que a titularidade dos medios de producción é da administración responsable do proceso de formación.

Como experiencia innovadora dese tipo comezarán a funcionar no exercicio de 2000 dúas empresas tuteladas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa, dedicadas á producción de cría de bivalvos.

Resulta necesario selecciona-los alumnos participantes nese itinerario de perfeccionamento profesional e adxudicarlles unha bolsa de axuda para desenvolve-la súa actividade durante o tempo de permanencia como traballadores en formación dentro das empresas tuteladas.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0, formación profesional F.S.E., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000, convócanse catro (4) bolsas para a especialización posformativa para alumnos de formación profesional específica do Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que acadará o conxunto das axudas é de tres millóns oitocentas corenta mil pesetas (3.840.000 ptas.).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

O obxecto desta convocatoria é a concesión de catro bolsas, dun ano de duración, para a realización dun proxecto de xestión e producción de cría de bivalvos na modalidade de empresa tutelada para tódolos alumnos que remataron os ciclos formativos de acuicultura no Igafa dentro dos 3 anos anteriores á publicación desta orde de convocatoria.

A contía de cada unha das bolsas será de novecentas sesenta mil (960.000) pesetas que se aboarán en doce mensualidades de oitenta mil (80.000) pesetas cada unha e nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario e normas de funcionamento do centro onde realiza á súa formación; nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social, aínda que quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período de concesión.

Terceira.-Condicións dos aspirantes.

-Ter rematado un dos ciclos formativos no Igafa dentro dos 3 anos anteriores ó da publicación desta orde de convocatoria.

-Formar equipo de dúas persoas para a redacción, presentación e posterior execución do proxecto, no caso de ser seleccionados.

-Que, como mínimo, un dos membros do equipo sexa do ciclo de grao superior.

Cuarta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, segundo o modelo normalizado do anexo II, xunto cos seguintes documentos:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Currículum vitae de cada membro do equipo solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

-Fotocopia compulsada do título do ciclo formativo cursado.

-Proxecto de execución e producción da cría de bivalvos por equipo.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

3. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e publicará unha resolución no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, perante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase ó arquivo do expediente logo de resolución.

Quinta.-Outorgamento da bolsa.

1. As bolsas serán adxudicadas polo director xeral de Formación Pesqueira e Investigación, por proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección, presidida polo director xeral de Formación Pesqueira e Investigación ou persoa en quen delegue estará, ademais, formada por dous vocais en representación do Instituto Galego de Formación en Acuicultura e un vocal en representación do Instituto de Investigacións Mariñas; un dos membros actuará como secretario.

3. Na fase de selección teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Proxecto de execución elaborado polo equipo e a súa defensa perante a comisión de valoración, puntuación máxima de 6 puntos.

b) Expediente académico e profesional de cada un dos membros, puntuación máxima 4 puntos.

4. Efectuada a selección pola comisión de selección, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios seleccionados mediante anuncios publicados nos taboleiros de anuncios do Igafa e da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días. Transcorrido o dito prazo, a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó director xeral para que resolva.

5. A resolución da convocatoria farase pública no taboleiro de anuncios do centro e poñerá fin á vía administrativa.

Contra a dita resolución e de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderá interpoñerse, perante o órgano xurisdiccional competente, recurso contencioso-administrativo no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ó da publicación da citada resolución.

6. Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no taboleiro de anuncios os bolseiros non formalizasen a aceptación, perderán a bolsa e procederase a cubri-las vacantes cos suplentes nomeados.

Sexta.-O beneficiario está obrigado ó reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Sétima.-Pagamento.

Unha vez producida a incorporación á empresa tutelada e tras ser certificada esta polo director do Igafa, procederase ó pagamento da cantidade mensual con efecto a mes vencido.

Oitava.-Duración.

As bolsas concederanse polo período dun ano prorrogable por outro máis por solicitude da parte interesada.

Novena.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.