Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2000 Páx. 2.541

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2000, da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de febreiro de 2000 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Actuación industrial Río do Pozo sector II, no termo municipal de Narón (A Coruña).

Por acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de outubro de mil novecentos noventa e nove, declarouse a incidencia supramunicipal do proxecto denominado Actuación industrial Río do Pozo sector II para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, designando esta Consellería de Industria e Comercio como órgano competente para a tramitación do expediente.

En cumprimento do disposto no artigo 25.3º da citada lei, o dito proxecto someteuse durante o prazo dun mes ós trámites de audiencia e información pública, mediante resolución desta dirección xeral do 20 de outubro de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia do 19 de novembro de 1999, sen que se presentasen alegacións no prazo previsto para os devanditos trámites.

O proxecto foi informado pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda con data do 25 de xaneiro

de 2000 e pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, con data do 28 de xaneiro de 2000.

Por todo o anterior, tramitado o expediente de conformidade coa lexislación vixente, e toda vez que as instalacións proxectadas cumpren as condicións requiridas para a súa aprobación como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, ó abeiro do sinalado no artigo 25.4º da reiterada Lei 10/1995, visto o informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 25 de xaneiro de 2000, e por proposta da Consellería de Industria e Comercio, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezaoito de febreiro de dous mil, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Actuación industrial Río do Pozo sector II, en Narón.

Segundo.-En consecuencia, o planeamento do Concello de Narón queda vinculado ás determinacións contidas no citado proxecto sectorial, sen prexuízo de cantos permisos e autorizacións resulten preceptivos para a execución das instalacións.

Terceiro.-Para os efectos previstos na disposición adicional segunda da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias de réxime orzamentario, función pública e xestión, declárase expresamente a utilidade pública das obras e a urxente ocupación para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para a execución das instalacións.

Esta publicación realízase para os efectos previstos no artigo 25 da mencionada Lei 10/1995 e no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de notificación da presente resolución ós titulares descoñecidos dos predios que se describen.

Contra esta resolución que é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, segundo os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2000.

José Manuel González González

Director xeral de Programas Industriais

e Infraestructuras Tecnolóxicas

ANEXO

Relación de propietarios, bens e dereitos afectados

Parcela nº: 200.01.

Titular: Fernández Robles, Irms.

Superficie (m): 1.054 m.

Parcela nº: 206.

Titular: descoñecido.

Superficie (m): 43 m.

Parcela nº: resto parcelas.

Titular: Sepes.