Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2000 Páx. 2.532

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2000 pola que se convoca un curso sobre estranxeiría.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre estranxeiría, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal dá-los coñecementos necesarios en materia de estranxería, situacións conflictivas con estranxeiros, para que os policías poidan atallar e resolve-los posibles problemas que se lles poidan presentar na rúa.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e ós membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 14 de marzo, ás 14 horas

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico e seladas, será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo á non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) A Lei de estranxeiría. Dereitos e liberdades dos estranxeiros en España. b) Entrada e situación dos estranxeiros en España. Visados: clases, estadías, residencias, etc. c) Pasaportes ordinarios. Tipos e características. Outros documentos para saír ó estranxeiro. Permisos de traballo e residencia. Réxime xeral e comunitario. O NIE d) Inmigración. Xenofobia. Racismo. Inmigración en Galicia. Colectivos máis significativos e actividades. Polisóns. Inmigración ilegal. Medios utilizados, lugares e formas de entrada, etc.

Datas.

O curso celebrarase en datas do 27 ó 31 de marzo.

O horario será das 16 ás 20 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 21 de marzo, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono: 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de febreiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade