Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2000 Páx. 2.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 17 de febreiro de 2000 pola que se regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas.

O Regulamento (CEE) 136/1966, do consello, do 22 de setembro, que establece a organización común de mercados no sector de materias graxas, prevé que o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas se beneficie dun réxime de restitucións á producción.

As normas xerais e modalidades para a aplicación do dito réxime establécense nos Regulamentos (CEE) 591/1979, do consello, do 26 de marzo, e 1963/1979, da comisión, do 6 de setembro.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, modificado posteriormente polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle ó dito instituto, entre outras funcións, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados, na Comunidade Autónoma de Galicia, como, neste caso, a concesión das restitucións á producción para os aceites de oliva utilizados na fabricación de determinadas conservas.

Con base no anterior, esta orde establece o procedemento para a tramitación e concesión das restitucións á producción nesta Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular para o ano 2000 na Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para a concesión de restitucións á producción para os aceites de oliva utilizados na fabricación de conservas de pescado, crustáceos, moluscos e hortalizas, nos supostos e coas excepcións previstas no punto 1º do artigo 20 bis do Regulamento (CEE) 136/1966, do consello, do 22 de setembro.

Artigo 2º.-Feito xerador da restitución.

O feito xerador da restitución nacerá no momento en que finalice a utilización do aceite de oliva no proceso de fabricación das conservas, e poderán beneficiarse dela aqueles interesados que cumpran os requisitos sinalados no artigo seguinte.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Para poder acceder ás restitucións reguladas nesta orde, deberanse cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ter na Comunidade Autónoma de Galicia un centro de producción das conservas a que se refire o artigo 1º desta orde.

b) Levar unha contabilidad de existencias diarias para as conservas, que inclúa, alomenos, as indicacións previstas no artigo 1 do Regulamento (CEE) 1963/79, axustada ós modelos dos anexos VIII (A) e VII (B).

c) Presentar na primeira quincena de cada ano unha declaración relativa ós consumos habituais de aceite de oliva para a elaboración de conservas, segundo o modelo que se xunta como anexo IV.

d) Presenta-la solicitude de control a que se refire o artigo 4º desta orde.

e) Utiliza-lo aceite para a fabricación das conservas no recinto da empresa fabricante, agás autorización expresa do Servicio Provincial do Ilgga, por instancia do interesado e por causa debidamente xustificada.

2. En todo caso, os solicitantes deberán acredita-lo cumprimento das obrigas impostas ós beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitude de control.

1. Unha vez que o aceite estea almacenado no establecemento de fabricación das conservas e, en calquera caso, con anterioridade á data prevista para o inicio da fabricación, o fabricante presentará, da mesma forma prevista no artigo 5º.1, unha solicitude de control, xunto co programa da súa fabricación, segundo o modelo do anexo I.

2. A dita solicitude terá validez desde o día seguinte ó da súa presentación ata o último día do terceiro mes seguinte. Excepcionalmente, o dito prazo poderá ser ampliado, sen superar, en todo caso, o oitavo mes seguinte á solicitude, se o proceso de fabricación das conservas esixe que o aceite permaneza en contacto co peixe ou hortalizas por un tempo superior.

Así mesmo, o Ilgga poderá autorizar, por instancia do fabricante e en caso de forza maior, unha prorróga do dito prazo, polo período que considere necesario por razón da circunstancia alegada.

3. Calquera modificación do programa de fabricación deberá comunicarse previamente ó servicio provincial do Ilgga correspondente, utilizando, no suposto de traslado do aceite a outra industria conserveira, o modelo de solicitude previsto no anexo VII desta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes de restitución.

1. As solicitudes, debidamente asinadas, formalizaranse de acordo co modelo que se xunta como anexos III A e III B e presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga ou por calquera das canles previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Nas ditas solicitudes faranse consta-las cantidades de aceite utilizadas no proceso de fabricación das conservas, así como a súa orixe.

3. O prazo de presentación das solicitudes de restitución iniciarase o día da finalización da utilización do aceite e rematará ó cabo de seis meses desde tal día.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución das solicitudes.

1. Os servicios provinciais do Ilgga comprobarán que as cantidades reflectidas na solicitude e a orixe do aceite se corresponden realmente co utilizado no proceso de fabricación das conservas.

Se a cantidade para a que se solicitou a restitución non coincide coa realmente utilizada, de acordo cos controis efectuados, establecerase a cantidade de aceite sobre a que se fixará o importe da restitución.

2. Efectuados os controis pertinentes, os servicios provinciais do Ilgga elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial do Ilgga, ó director do Instituto sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

3. O prazo máximo de resolución e pagamento das restitucións á producción para o aceite de oliva será de seis meses desde que a solicitude de restitución tivo entrada no servicio provincial do Ilgga.

4. A falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Importe da restitución.

1. A restitución concederase segundo os valores vixentes o día da presentación da solicitude de control a que se refire o artigo 4º da presente orde.

2. O seu importe fixarase en función dos valores establecidos, cada dous meses, pola Comisión Europea, conforme o previsto no punto 4º do artigo 20 bis do Regulamento 136/1966, do consello.

Artigo 8º.-Anticipos e garantías.

1. Non obstante o disposto no artigo 6º, números 1 e 2, desta orde, presentada a solicitude de control o fabricante poderá solicita-lo anticipo do importe da restitución, no modelo que se xunta como anexo II, sempre que acompañe garantía polo seu importe, en forma de aval ou póliza de seguro de caución, conforme os modelos que constan nos anexos V e VI.

2. Comprobado polo servicio provincial do Ilgga que o solicitante do anticipo leva a contabilidade de existencias a que se refire o artigo 3º.1.b) desta orde, e que o aceite de oliva indicado na solicitude de control se atopa no establecemento de fabricación das conservas, elevará a oportuna proposta, a través da delegación provincial do Ilgga, ó director do Instituto sobre os anticipos solicitados, para que este dicte a correspondente resolución no prazo e cos efectos previstos no artigo 6º.3 e 4 desta orde.

3. Recoñecido o dereito á percepción da restitución pola cantidade anticipada de acordo co artigo 6º.2 e 3 desta orde, o delegado provincial do Ilgga, por instancia do interesado, procederá á devolución da garantía presentada, agás no suposto en que a restitución se conceda por cantidade inferior á anticipada, no que poderá executarse a garantía pola diferencia entre ambalas dúas cantidades.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das restitucións previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Reintegro da restitución.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da restitución e mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 11º.-Recursos administrativos.

As resolucións do director do Ilgga, dictadas en aplicación da presente orde, non esgotan a vía administrativa e, contra estas, poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o beneficiario da restitución ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión das restitucións previstas na presente orde existe crédito axeitado e suficiente con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 0950614A779, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de 550 millóns de pesetas.

A aplicación financeira e contía das restitucións para os anos seguintes determinarase de acordo coa lei orzamentaria da cada exercicio.

Segunda.-Seralles de aplicación ós beneficiarios das restitucións reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Terceira.-No presente ano, o prazo previsto no artigo 3º.1 c) desta orde para presenta-las declaracións relativas ós consumos habituais, será de quince días naturais seguintes á entrada en vigor da presente orde.

Disposición transitoria

Única.-As solicitudes de restitución presentadas ó abeiro da orde da anterior Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, e non resoltas expresamente, aboaranse con cargo ó presente exercicio orzamentario.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a orde da anterior Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, pola que se regula o procedemento de concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de certas conservas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para modificar, por medio de resolución publicada

no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa comunitaria reguladora das restitucións á producción para os aceites de oliva utilizados na fabricación de determinadas conservas, así como nos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para cada exercicio.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria