Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 23 de febreiro de 2000 Páx. 2.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de febreiro de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó Programa de Apoio á Innovación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993 de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998 aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001), que está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais e que ten como misión fundamental potencia-lo Sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia para convertelo nun elemento estratéxico ó servicio do desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

Dentro dos programas xerais figura o programa de apoio á innovación tecnolóxica que é crucial para a competitividade industrial, o desenvolvemento económico e social sostido e a creación de emprego; por iso é o branco ó que apunta o plan no seu conxunto e determina, en gran medida, as súas características.

A xestión e o financiamento deste programa están encomendados á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia e para pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e neste caso concreto para a execución do programa de innovación e como continuación das accións realizadas no ano 1999,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria das axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do Programa de Apoio á Innovación e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia:

1. Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en temas de innovación (anexo I).

2. Axudas para a realización de proxectos de investigación de innovación empresarial (anexo II).

3. Bolsas para a incorporación de titulados superiores a centros tecnolóxicos de Galicia. Prórrogas e novas concesións (anexo III).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará ata un máximo de 50.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2000 a 2002 de acordo coa seguinte distribución: 35 millóns no 2000, 10 millóns no 2001 e 5 millóns no 2002.

Para as axudas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 210.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2000 a 2002 de acordo coa seguinte distribución: 175 millóns no ano 2000, 25 millóns no 2001 e 10 millóns no 2002.

Non obstante, no caso das actuacións ás que se refire o punto 3, letra b), do anexo II, as cantidades que deban percibi-las institucións públicas participantes de acordo co previsto no correspondente contrato de colaboración poderanse librar directamente á institución pública con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 prevista para o

anexo I desta convocatoria e respectando os límites antes citados.

Para as bolsas convocadas no anexo III destinarase ata un máximo de 7.080.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos anos 2000 e 2001 (3.540.000 ptas. no ano 2000 e 3.540.000 ptas. no 2001).

Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Esta convocatoria axustarase ó disposto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), e nas leis, decretos e ordes supletorias de rango nacional.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de 6 meses, contados a partir do día seguinte ó da data de peche da respectiva convocatoria.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que dicten as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

Secretario Xeral de Investigación

e Desenvolvemento

ANEXO I

Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en temas de innovación

Estas axudas teñen como obxectivo contribuír á formación de novos grupos así como prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa existentes para o desenvolvemento de proxectos de investigación de innovación coa finalidade de mellora-lo sector, de acordo coas áreas establecidas no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Innovación.

Para os efectos desta convocatoria defínense os seguintes conceptos:

a) Grupo de investigación: conxunto estable de persoas que baixo a dirección continuada dunha delas realizan coordinadamente e de forma habitual tarefas de investigación nun reducido número de liñas, afíns ou complementarias.

b) Equipo de investigación: membros dun grupo de investigación, que baixo a dirección dun deles realizan ou solicitan un proxecto de investigación.

c) Proxecto de investigación coordinado: proxecto de investigación no que participan equipos de investigación que pertencen a grupos de investigación distintos que achegan coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación con ese proxecto.

d) Persoal con vinculación estable: persoal numerario, contratado laboral estable ou outras figuras equivalentes.

e) Persoal con vinculación: persoal con relación laboral ou contractual non estables, bolseiros de predoutoramento ou análogos. Non se considerará como vinculación dispor dunha bolsa de terceiro ciclo ou análoga excepto naqueles supostos en que así o indiquen as correspondentes bases da convocatoria.

1. Grupos solicitantes.

Para poder participar nesta convocatoria os investigadores deberán integrarse en grupos que se han de manter, cando menos, durante o período de vixencia da axuda concedida, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación dela e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; cada investigador só poderá formar parte dun grupo e cada grupo só poderá presentar unha solicitude nesta convocatoria non computándose para estes efectos as axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Para os efectos desta convocatoria establécense os seguintes tipos de grupos:

1.1. Grupos en formación. Trátase de investigadores que presentan propostas orientadas a crear grupos de investigación para desenvolver novas liñas de investigación aplicada en temas de innovación, non cubertas por grupos existentes no seu contorno. Tamén poderán constituírse novos grupos de acordo coas liñas existentes se se alegan razóns circunstanciais de forza maior. No caso de grupos en formación cada grupo só poderá ter un equipo. Os novos grupos deberán cumprir como mínimo as seguintes características de composición:

1.1.1. O grupo terá como mínimo tres membros.

1.1.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de dous anos como tal e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

1.1.3. Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo. Para este caso e só para un deles, admitirase tamén como vinculación ser bolseiro de terceiro ciclo.

1.2. Grupos/equipos consolidados. Trátase de grupos/equipos experimentados como tales e con coherencia interna. Neste caso cada grupo poderá ter máis dun equipo e todos eles deberán ter como mínimo as seguintes características de composición:

1.2.1. O grupo/equipo terá como mínimo tres membros.

1.2.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de catro anos como tal e deberá ter vinculación estable ó organismo ó que pertence.

1.2.3. Outro investigador deberá ser doutor con vinculación ó correspondente organismo e dedicación a tempo completo. No caso de que a súa dedicación non sexa a tempo completo deberá ser reemplazado por dous investigadores coas mesmas características pero con dedicación a tempo parcial.

Este/s investigador/es e o investigador principal deberán posuír experiencia investigadora afín ou complementaria.

1.2.4. Os restantes membros (mínimo un) deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo.

1.2.5. No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, como mínimo, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total catro membros).

1.3. Grupos/equipos de excelencia. Trátase de grupos/equipos consolidados que cumpren unhas condicións mínimas en canto á súa composición e uns criterios preestablecidos de calidade.

1.3.1. Carácterísticas mínimas de composición:

a) O grupo/equipo terá como mínimo cinco membros.

b) No grupo/equipo deberán figurar un mínimo de tres doutores:

b.1) O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de oito anos como tal e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

b.2) Outro dos investigadores deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de seis anos e tamén con vinculación estable ó organismo.

b.3) Un terceiro doutor con vinculación e dedicación a tempo completo.

c) Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser, alomenos, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó organismo.

d) No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, alomenos, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total seis membros).

1.3.2. Criterios de calidade.

Para que o grupo/equipo poida ser considerado de excelencia, o conxunto dos seus membros deberá reunir alomenos catro dos seguintes criterios de calidade:

a) Catro sexenios recoñecidos.

b) Cinco teses de doutoramento dirixidas e lidas.

c) Doce publicacións de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina.

d) Dúas patentes nacionais ou internacionais rexistradas.

e) Dirección de seis proxectos competitivos de ámbito nacional ou internacional.

f) Unha presidencia dun comité organizador dun congreso dunha sociedade internacional.

g) Ser membro do Comité Científico dunha revista de prestixio internacional.

h) Enderezo de seis proxectos financiados por empresas.

1.4. Incorporación doutros membros ó grupo/equipo.

Para calquera das modalidades de grupos definidas anteriormente o tamaño mínimo característico do equipo poderase incrementar, obviamente, por incorporación ó proxecto doutros investigadores que serán considerados para os efectos de avalia-la viabilidade do proxecto e de determina-lo importe da subvención concedida se cumpren o requisito de que as súas categorías profesionais (titulación, vinculación co organismo, etc.) son como mínimo igual ás que se lle requiren ó membro menos cualificado de tódolos que forman o equipo base. Como investigadores no proxecto solicitado poderán figurar outros titulados superiores sen vinculación, que non serán computados na valoración del. Tamén poderán incorporarse asesores científicos e colaboradores para accións específicas pertencentes a outros grupos que só serán considerados para os efectos da avaliación científico-técnica do proxecto.

22. Axudas ás que poden opta-los grupos e limitacións que afectan os seus membros.

2.1. Grupos en formación.

2.1.1. Axudas.

Os grupos en formación poderán solicitar unha axuda destinada á realización de actividades encamiñadas á formación do grupo e polo tanto unha

axuda que só poderá ser solicitada previamente á obtención dun proxecto de investigación por parte del. A contía máxima desta axuda ascende a un millón de pesetas por ano, para un período de dous anos e só se poderá conceder por unha soa vez.

2.1.2. Limitacións.

a) Non poderán concorrer a estas axudas aqueles grupos que desfrutasen de dous proxectos da modalidade A (equipos de iniciación á investigación) ou dalgún proxecto da modalidade B de convocatorias anteriores da Xunta de Galicia ou proxectos equivalentes doutros organismos, agás circunstancias excepcionais que deberán ser debidamente acreditadas na correspondente solicitude.

b) Non poderán participar nesta convocatoria aqueles grupos que resultaran beneficiarios dun proxecto da modalidade A (Programa de Promoción Xeral da Investigación) ou dun proxecto de calquera programa do Plan Galego de IDT, de dous ou máis anos de duración, na convocatoria do ano 1999.

c) Os grupos en formación, e polo tanto os seus membros, mentres desfruten dunha axuda concedida ó abeiro desta convocatoria non poderán dispor (ou participar) doutro proxecto, independentemente de cal sexa a orixe do seu financiamento. Para os efectos desta convocatoria non se contabilizará a participación dos membros do grupo noutros proxectos vixentes concedidos previamente, agás os indicados na letra b), sempre que non sexan investigadores principais deles.

2.2. Grupos/equipos consolidados.

2.2.1. Axudas.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar dous tipos de axudas debendo optar nesta convocatoria por só unha delas:

a) Incentivos.

Os grupos/equipos consolidados que nas convocatorias do ano 1999 obtiveran un proxecto aplicado do plan nacional relativo á innovación (non se consideran os proxectos financiados con fondos FEDER, concedidos ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro), ou do Programa Marco Europeo poderán solicitar, en lugar dun proxecto de investigación, por cada un dos proxectos obtidos e vixentes, unha axuda destinada a reforza-la capacidade competitiva do grupo. O importe máximo desta axuda, que abranguerá como máximo un período de tres anos, será de tres millóns no caso de proxectos do Plan Nacional e de cinco millóns no caso do Programa Marco e só se poderá conceder unha vez por cada proxecto.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de catorce millóns de pesetas para un período de tres anos. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e as esixencias da investigación formulada, a calidade

do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no número 4 destas bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase un mínimo de dous investigadores a saber:

-O responsable de cada subproxecto deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de catro anos como tal e deberá ter vinculación estable ó organismo ó que pertence. Un deles será o coordinador do proxecto.

-Os restantes membros de cada subproxecto (mínimo un), deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación a tempo completo ó correspondente organismo.

2.2.2. Limitacións.

Os investigadores con vinculación estable ó corresponte organismo que figuren no proxecto, poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas seguintes limitacións, computando o proxecto solicitado:

a) Se teñen unha antigüidade como doutores de catorce ou máis anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de catro proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e en dous se é a tempo parcial.

b) Se teñen unha antigüidade como doutores entre dez e trece anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de tres proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e en dous se é a tempo parcial.

c) Se teñen unha antigüidade como doutores entre catro e nove anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de dous proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e nun se a dedicación é a tempo parcial.

Os restantes membros do grupo/equipo non incluídos nalgunha das tres alíneas anteriores só poderán participar no proxecto que se solicita.

Ningún grupo/equipo consolidado poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de Innovación do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa cun proxecto do programa de promoción xeral da investigación do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco.

Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2001, os proxectos concedidos con fondos FEDER ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.3. Grupos/equipos de excelencia.

2.3.1. Axudas.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar dous tipos de axudas, debendo optar nesta convocatoria por só unha delas:

a) Incentivos.

Trátase do mesmo tipo de axudas descritas no punto 2.2.1.a) para os grupos/equipos consolidados e coas mesmas características e limitacións agás que neste caso poderán ascender ata un máximo de catro millóns para proxectos do Plan Nacional e seis millóns para proxectos do Programa Marco.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de dezaoito millóns de pesetas para un período de tres anos. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e esixencias da investigación formulada, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no número 4 destas bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase que os membros deste cumpran as condicións establecidas para os grupos de excelencia, podendo prescindirse dun dos investigadores que se indican no punto 1.3.1.

2.3.2. Limitacións.

Os investigadores doutores con vinculación estable ó correspondente organismo, que figuren no proxecto poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas mesmas limitacións que as descritas para os grupos consolidados no punto 2.2.2.

Ningún grupo/equipo de excelencia poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de Innovación do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa cun proxecto do programa de promoción xeral da investigación do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional

que rematen antes do 1 de xaneiro do 2001, os proxectos concedidos con fondos FEDER ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.4. Outras axudas: Axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Ademais das axudas descritas anteriormente e co fin de promove-la competitividade no V Programa Marco os grupos/equipos consolidados e os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar axudas encamiñadas a cubri-los gastos que supón a elaboración dun proxecto europeo. O importe máximo destas axudas será de 250.000 ptas. referidas ós conceptos específicos recollidos nos punto 4.4 e 4.5 destas bases, sempre en relación cos gastos de elaboración do correspondente proxecto. Estas axudas son compatibles coas axudas descritas nos puntos 2.2 e 2.3.

3. Solicitudes.

As solicitudes serán presentadas polo investigador principal do proxecto que deberá pertencer a unha das universidades do sistema universitario de Galicia ou a outros centros/organismos públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma. Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, estes terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto; estes investigadores non computarán para os efectos da composición mínima requirida a cada tipo de grupo/equipo solicitante.

O modelo oficial de solicitude número INN-1 (do que a cara externa se publica como anexo IV a esta orde), está á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto de tódalas administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude. Así mesmo, deberán razoa-lo carácter aplicado e o interese socioeconómico do proxecto e considera-la posibilidade de explotación dos resultados e a súa posible transferencia á empresa.

As solicitudes presentaranse por triplicado, no Rexistro Xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992 modificada pola Lei 4/1999. No caso de que o director do grupo non participe na composición do equipo investigador requirirase o seu visto e prace á correspondente solicitude.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro). Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector no caso das universidades).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de marzo de 2000.

4. Conceptos subvencionables.

En xeral as axudas solicitadas deberanse referir a algún dos conceptos que de seguido se relacionan, se ben cada tipo de grupo deberá ter en conta as limitacións que lle son específicas:

4.1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Poderá solicitarse persoal nas diferentes modalidades de axuda previstas neste anexo agás para o caso de grupos en formación (punto 2.1) e para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (punto 2.4).

O importe máximo por este concepto será de 5.100.000 ptas. para proxectos de tres anos, 3.400.000 ptas. para proxectos de dous anos e 1.700.000 ptas. para proxectos dun ano, e no caso dos incentivos de grupo/equipos consolidados ou de excelencia (puntos 2.2.1.a) e 2.3.1.a) destas bases) poderase imputar a este concepto ata o importe total de subvención permitida descontados os custos indirectos.

4.2. Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificados. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo ó que pertence o investigador responsable do proxecto.

4.3. Material funxible.

4.4. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

4.5. Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

4.6. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 10% do custo total do proxecto, co fin de resarci-lo correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

5. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende as deficiencias observadas, con advertencia de que de non o facer será

considerado desistido da súa solicitude, procedéndose, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992 modificada pola Lei 4/1999.

Aqueles investigadores que non cumpran os requisitos establecidos nas presentes bases serán excluídos e no caso de que o grupo/equipo de investigación resultante non cumpra os requisitos mínimos esixidos a súa categoría (grupo en formación, grupo/equipo consolidado ou de excelencia) a solicitude será desestimada.

A ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

Cando a temática do proxecto o aconselle, logo de informe do xestor do programa e audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá determina-lo trasvase de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

6. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas relativas a proxectos de investigación será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos seus membros actuará como presidente e outro como secretario. Para a selección dos beneficiarios e a cuantificación das axudas de proxectos de investigación teranse en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos como referencia fundamental.

b) A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que forman o equipo en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Innovación.

d) O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto cara á resolución de problemas do sector relevantes para a Comunidade Autónoma.

e) A incidencia que nos mecanismos de transferencia de tecnoloxía poidan te-los resultados do proxecto proposto a través de empresas ou ben directamente pola propia institución.

f) Para o axuste económico e cando sexa necesario como complemento do criterio a) terase en conta a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do equipo e a natureza e esixencia da investigación que se vai realizar.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva, podendo financiarse total ou parcialmente o orzamento presentado. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O solicitante deberá comunica-la súa aceptación á concesión e á súa contía, para a realización do proxecto aprobado.

Para a selección dos beneficiarios e o establecemento da contía das axudas para a formación de novos grupos, os incentivos de grupos consolidados e de excelencia así como para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (puntos 2.1.1.a), 2.2.1.a), 2.3.1.a) e 2.4 respectivamente), terase en conta fundamentalmente a calidade do grupo e as actividades que se pretenden realizar coa axuda solicitada.

7. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que a universidade ou organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o seu compromiso, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese. Ademais, no caso das axudas recollidas no punto 2.4 requirirase documento acreditativo de ter presentado solicitude ó V Programa Marco.

Para efectua-lo derradeiro pagamento o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto de acordo coas valoracións feitas polos expertos.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propo-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivase unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos do proxecto.

Finalizado o proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito impreso cuberto, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do Rexistro Xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, previas as comprobacións e aclaracións que sexan necesarias emitirá un informe sobre o cumprimento do proxecto, con destino á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que poderá convoca-lo investigador principal, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

9. Difusión de resultados.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores, que, no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do seu rexistro xeral un exemplar das correspondentes publicacións.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento de calquera resultado útil obtido no desenvolvemento do proxecto incluída unha posible patente.

10. Incidencias.

Os investigadores que se integran nun grupo que resulte seleccionado quedan obrigados a manterse no dito grupo (e non poderán integrarse ou formar parte doutro grupo), durante o período de vixencia do proxecto financiado, agás circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación do proxecto e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto nos artigos 78.7º e 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

ANEXO II

Axudas para a realización de proxectos

de investigación de innovación empresarial

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, de acordo cos obxectivos xerais estable

cidos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), dirixidos ó estímulo do sector empresarial co fin de incrementar tanto a súa competitividade como as posibilidades de creación de emprego, considera do maior interese incentiva-la capacidade de innovación das empresas galegas mediante a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de innovación empresarial.

Desde o punto de vista estructural, esta acción non define modelos de actuación predeterminados. Con todo, debido á carencia de medios adecuados que se observa en gran número de empresas e á existencia de notables recursos científicos de carácter público, serán obxecto de apoio especial os proxectos nos que se conte coa colaboración de centros de investigación sen prexuízo da consideración favorable con que se contemplen os proxectos presentados por empresas que teñan unha estructura e activos en I+D que lles permita abordar con solvencia a súa realización en solitario.

1. Obxecto.

Nestas bases regúlase o procedemento de concesión, en réxime de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, das axudas a empresas, asociacións ou agrupacións destas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, de acordo cos seguintes fins:

a) Fomenta-la realización de proxectos de iniciativa empresarial para favorece-la innovación nas empresas.

b) Incrementa-la colaboración dos centros de investigación e universidades da Comunidade Autónoma coas empresas de Galicia.

c) Estimular a medio prazo a participación das empresas de Galicia, sobre todo pequenas e medianas empresas, nos programas nacionais e europeos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

2. Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas e asociacións ou agrupacións destas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Te-lo seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e realiza-lo proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

e) As demais esixibles en virtude de normas de dereito necesario.

3. Modalidades.

Poderán presentarse proxectos nalgunha das seguintes modalidades:

a) Modalidade A: proxectos presentados por empresas que teñen unha estructura e activos de I+D que lles permite abordar por si mesmas a realización do proxecto.

b) Modalidade B: proxectos presentados por empresas que debido á carencia de medios adecuados encargan a totalidade ou parte da investigación que se vai realizar no proxecto a equipos das universidades, dos centros públicos de investigación ou dos centros tecnolóxicos de Galicia.

4. Ámbito temporal.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto por un período máximo de tres anos e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 31 de decembro de 2002.

5. Contía das axudas.

A contía das axudas concedidas poderá acadar como máximo ata un 70% dos gastos necesarios para a consecución dos resultados finalistas obxecto do proxecto no caso de que se trate de investigación básica e ata un 45% no caso de que se trate de investigación aplicada e desenvolvemento. Para tal efecto poderanse incluí-los custos seguintes:

5.1. Gastos de persoal adicional imprescindible para a realización do proxecto. Só será subvencionable aquel persoal alleo ó cadro de persoal da empresa que sexa contratado especificamente para colaborar no proxecto e que non teña vinculación laboral coa mesma nin a tivese nos dous últimos anos debendo especificarse na solicitude o perfil requirido. A subvención que poderá concederse por este concepto ascende a un máximo de 5.100.000 ptas. para proxectos de tres anos, 3.400.000 ptas. para proxectos de dous anos e 1.700.000 ptas. para proxectos dun ano.

A empresa poderá computar como achega súa á realización do proxecto e polo concepto de persoal propio que se dedica á investigación e que colabore no proxecto ata un máximo do 60% do orzamento que deba achega-la empresa.

Os proxectos de investigación empresarial a que se refire esta orde poderán incluí-la contratación laboral de xoves titulados universitarios e de formación profesional de segundo grado ou ciclo superior. Estas contratacións poderán concorrer ós incentivos dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica que convoca a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Para que as ditas contratacións poidan ser obxecto de subvención deberán reuni-los requisitos e condicións e observa-los prazos que se establezan para a presentación de solicitudes na correspondente orde de convocatoria e requrirán o informe previo da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

5.2. Custos de adquisición e utilización de instalacións, equipos, instrumentos, aparellos e demais material inventariable, na medida en que ditos bens se destinen á actividade de investigación proposta. Admitirase material a escala de laboratorio e de planta piloto pero en ningún caso se admitirá material a escala productiva (investimentos productivos).

5.3. Gastos en materiais funxibles necesarios para a execución do proxecto.

5.4. Gastos xerais suplementarios da empresa imputables con cargo directo ó proxecto tales como viaxes, comunicacións, etc. En ningún caso estes gastos poderán supera-lo 5% do custo do proxecto.

5.5. Custos de colaboracións externas coa universidade, centros públicos de investigación ou centros tecnolóxicos de Galicia.

5.6. Gastos para a protección dos resultados da investigación.

5.7. Outros gastos directamente derivados da actividade de investigación.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes segundo número INN-2 (do que a cara externa se publica como anexo V a esta orde) está á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos: http://www.cesga.es/sxid, ou http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm.

As solicitudes presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

Á solicitude xuntaránselle os seguintes documentos:

1. Copia compulsada do CIF da empresa solicitante, ou NIF no caso de empresario individual, así como xustificante de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e na Seguridade Social.

2. Copia compulsada do documento nacional de identidade e do poder bastante de representación co que actúe o solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

3. Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

4. Declaración expresa de estar ó corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

5. No caso de proxectos da modalidade B xuntarase copia do contrato de colaboración asinado entre a empresa e o organismo/s público/s de investigación que realizará/n o proxecto ou que colaborará/n na súa realización ou no seu defecto unha carta de inten

cións. Neste documento deberá consta-la composición do/s equipo/s de investigación do/s dito/s organismo/s público/s.

6. Xuntarase tamén unha declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto de tódalas administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2000.

7. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non facelo considerarase que desistiu da súa solicitude procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

8. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento; un dos seus membros actuará como presidente e outro como secretario. A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos como referencia fundamental.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Innovación.

c) O impacto das actuacións e resultados do proxecto cara á resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma no sector.

d) Capacidade da empresa para a execución do proxecto.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Libramento da subvención.

Para poder percibi-las axudas correspondentes será necesario presentar, antes do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

9.1. Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

9.2. Memoria xustificativa das actividades realizadas e do custo dos traballos executados, así como os xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

9.3. Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de encontrarse ó corrente no pagamento das cotas de Seguridade Social.

9.4. Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

9.5. No caso de proxectos plurianuais aval bancario ou de entidade aseguradora conforme o establecido na normativa vixente, por un prazo que medie entre a data de solicitude de pagamento da corrrespondente anualidade e a data límite de xustificación da última anualidade.

9.6. Para efectua-lo derradeiro pagamento o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

9.7. No caso de proxectos da modalidade B copia do contrato de colaboración entre a empresa e o organismo público.

Poderán realizarse pagamentos parciais a conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

10. Seguimento dos proxectos.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o límite establecido no punto 5 destas bases. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propo-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivase unha mala utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos do proxecto. Neste contexto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá asignar a cada proxecto un investigador titor, que baixo a

coordinación do xestor do programa poida colaborar no desenvolvemento e seguimento del.

Finalizado o proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ás empresas beneficiarias destas axudas un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedando a empresa obri

gada a presenta-lo dito impreso cuberto, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, logo das comprobacións e aclaracións que sexan necesarias, expedirá un informe sobre o cumprimento do proxecto con destino á Secretaría Xeral de Investigación. Esta poderá convoca-lo responsable da empresa, se o consideran necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento de calquera resultado útil obtido no desenvolvemento do proxecto incluída unha posible patente.

11. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas segundo o disposto no artigo 78.7º e 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

ANEXO III

Bolsas para a incorporación de titulados superiores a centros tecnolóxicos de Galicia

A) Nova adxudicación.

O obxecto desta convocatoria é a concesión dunha bolsa dun ano de duración, prorrogable por un máximo doutros dezaoito meses, logo de solicitude, de acordo coa normativa que se elabore para o efecto, destinada a titulados superiores, co fin de que se incorpore ó Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira), colaborando nas actividades de investigación que nel se desenvolven.

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a estas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto, se o houbese, no ano 1996 ou en data posterior.

2. Contía da bolsa.

O importe da bolsa incluirá:

2.1. Unha asignación mensual de 115.000 ptas. brutas mensuais. Esta cantidade poderá incremen

tarse para o ano 2001, no caso de existir crédito adecuado e suficiente, co fin de consegui-la total homologación desta bolsa coas de formación de persoal investigador que convoque o Ministerio de Educación e Cultura para o ano 2001 e coas propias bolsas de predoutoramento da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

2.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

3. Período de desfrute.

A duración desta bolsa é de 12 meses comprendidos entre xullo de 2000 e xuño de 2001.

4. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial INN-3 (que se publica como anexo VI a esta orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

4.1. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico deberán xuntar ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese e o título dela.

4.2. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados. Utilizarase o modelo oficial de currículum da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento dispoñible nos mesmos puntos que o modelo oficial de solicitude.

4.3. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 31 de marzo de 2000.

5. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

6. Selección de candidatos.

6.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente e outro como secretario. Á comisión incorporarase como vocal un representante do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira).

6.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase fundamentalmente en función dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

Expediente académico: ata catro puntos.

Adecuación do perfil do solicitante á actividade do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira): ata 4 puntos.

A comisión poderá realizar unha entrevista a aqueles aspirantes que resulten preseleccionados; o resultado da entrevista poderá ser valorado con un máximo de 2 puntos.

7. Resolución do concurso.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante poida necesitar realizar, de acordo co centro ó que se incorpore, (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

No momento en que se produza algunha circunstancia que determine a incompatibilidade no desfrute da bolsa, o bolseiro deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese. Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior á súa renuncia deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira).

9. Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases. Así mesmo, o bolseiro presentará declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa.

10. Obrigas do bolseiro. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a axustarse ás normas propias do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira).

Antes de finaliza-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento un informe do labor realizado ata o momento. Nos 15 días seguintes á finalización da bolsa, remitirán un informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. Nos informes, asinados polo bolseiro, deberá figura-lo visto e prace do director do centro.

Os bolseiros antes do último pagamento terán que remitir declaración complementaria de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma las pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracions públicas competentes o calquera dos seus organismos ou sociedades.

B) Prórroga das bolsas para a incorporación de titulados superiores a centros tecnolóxicos de Galicia.

1. Solicitantes.

Aqueles beneficiarios dunha bolsa para incorporación a centros tecnolóxicos, concedida por resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento do 14 de xullo de 1999 (DOG do 3 de agosto), poderán solicita-la prórroga por un novo período dun ano.

2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial INN-4 (que se publica como anexo VII a esta orde están á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid, presentaranse no rexistro xeral da Secre

taría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992 modificado pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria das actividades investigadoras realizadas durante o primeiro ano de desfrute da bolsa. Deberá ir asinado polo bolseiro e co visto e prace do director do centro tecnolóxico correspondente.

2.2. Informe do director do centro tecnolóxico no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación foron adecuadas.

2.3. Memoria realizada polo bolseiro acerca do estado actual do traballo e plan de traballo durante a prórroga, co visto e prace do director do correspondente centro tecnolóxico.

2.4. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de maio de 2000.

3. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento; un dos seus membros actuará como presidente e outro como secretario.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a axustarse ás normas propias do centro tecnolóxico ó que se incorporen.

Antes de finaliza-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento un informe do labor realizado ata o momento. Nos 15 días seguintes á finalización da bolsa, remitirán un informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. Nos informes, asinados polo bolseiro, deberá figura-lo visto e prace do director do centro.

Os bolseiros antes do último pagamento terán que remitir declaración complementaria de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma las pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes o calquera dos seus organismos ou sociedades.

5. Outras condicións da convocatoria.

Análogas ás indicadas nos puntos 2, 3, 5, 8 e 9 da letra A deste anexo III.