Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2000 Páx. 2.281

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

CÉDULA de notificación (276/1999).

Nos autos de referencia dictouse a resolución que, copiada literalmente, é como segue:

«Auto de arquivo.

A maxistrada-xuíza María Fe López Juiz,

En Santiago de Compostela o vinteoito de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Feitos.

Primeiro.-O procurador Sr. González Concheiro Álvarez, en nome e representación da sociedade limitada Servi-Sport Santiago, S.L., con data do 6 de abril de 1999, presentou escrito no que solicitaba a declaración da quebra voluntaria do seu representado polos motivos que constan na memoria que se xunta ó balance xeral dos negocios da sociedade, certificación do acordado pola xunta xeral en relación coa solicitude de estado de quebra e documentos de comprobación ou xustificación.

Segundo.-Seguindo os trámites, por auto do 6 de maio de 1999, declárase en estado de quebra voluntaria a sociedade Servi-Sport Santiago, S.L., quedando inhabilitada para a administración e disposición dos seus bens, retrotraéndose os efectos da quebra ó día de presentación do escrito de solicitude dela ante o xulgado o 6 de abril de 1999.

Noméase comisario de quebra a José Carmelo Fraile Renieblas e noméase, así mesmo, depositario a José Luis Folqueral Martínez.

Decrétase a retención da correspondencia postal e telegráfica do quebrado, participándoselle este acordo á Administración de correos e telégrafos para que cumpra o acordado. Mandamentos por duplicado ó Rexistro Mercantil. Decrétase a acumulación a este xuízo universal participándolle-la existencia deste xuízo universal de tódalas execucións pendentes contra o quebrado, con excepción daqueles en que só se persigan os bens hipotecarios.

Unha vez que o comisiario presentase a relación dos acredores que deberá formar no termo de tres días, acórdase o necesario para a celebración da primeira xunta xeral para proceder ó nomeamento dos síndicos.

Terceiro.-Con data do 27 de setembro de 1999 presentouse informe emitido polo comisario da quebra, que consta en autos, logo de comparecencia efectuada neste xulgado e manifestacións efectuadas nela, dáse traslado á entidade Servi-Sport Santiago, S.L. para que manifeste o que estime oportuno, transcorrido o prazo de 3 días non realizou ningún tipo de alegacións, dándoselle traslado ó Ministerio Fiscal do informe e manifestacións emitidas polo comisario da quebra emita dictame acerca de se

debe continuarse coa tramitación da solicitude de quebra ou proceder ó seu sobresemento e arquivo, evacuado o dito trámite co escrito que consta e obra en autos quedan os autos sbore a mesa para dicta-lo procedente.

Razoamentos xurídicos.

Primeiro.-Como di o informe do comisario da quebra, Carmelo Fraile Reinieblas, e nas manifestacións da comparecencia, a entidade quebrada no presentou no xulgado ou lle facilitou ó comisario a documentación contable referida á data de solicitude da quebra, que permitía determina-los bens e dereitos da entidade quebrada posuía nese momento, así como identificar e valora-la débeda mantida con acredores infrinxindo o artigo 1324 da L.A. Civ. que remite ós artigos 1017, 1018, 1019, 1020 do Código de Comercio de 1829.

Ademais, o comisario considera que, polos balances de exercicios anteriores a 1990 existen bens que non foron relacionados polo administrador da sociedade para efectos da súa ocupación, descoñecendo este comisario onde se encontran na actualidade ou se os transmitiron no período comprendido entre o 1 de xanerio e 6 de abril de 1999, período de que non existe documentación ningunha sendo os meses inmediatamente anteriores á solicitude xudicial de quebra. Co que sería difícil delimita-lo contido da masa da quebra, tendo que realizarse as operacións de reintegración da masa, é dicir, unha serie de operacións destinadas a traer á masa cantos bens estean fóra, porque a entidade quebrada presumindo a súa ruína puido proceder, en épocas inmediatamente anteriores á declaración de quebra, a realizar certos actos para colocar parte dos seus bens fóra do patrimonio, para prexuízo dos seus acredores. Así, o auto declarativo de quebra, 6 de maio de 1999, retrotrae os efectos da quebra ó día de

presentación do escrito de solicitude dela, 6 de abril de 1999. Neste caso dispón o artigo 878.2º que tódolos actos de dominio e administración pertencen á época en que se retrotraen os efectos da quebra son nulos. Xunto a este sistema de retroacción ... o Código de Comercio establece un sistema de impugnación de determinados actos realizados en determinados prazos. Así, son actos ineficaces pola proximidade ó estado da quebra os establecidos no artigo 879 do Código de Comercio. Os establecidos no artigo 880 do Código de Comercio realizados 30 días anteriores, por presunción legal de fraude e os actos recollidos nos artigos 881 e 882 do Código de Comercio por proba de ter procedido o quebrado con ánimo de fraude.

Por outra parte, como primeira conclusión do informe, di que a compañía nin no momento de consta-la quebra nin posteriormente achega documentación contable suficiente. Presentando por tanto imposible determina-la relación de acredores a ese momento. Incumprindo o disposto no artigo 1432 da L.A.Civ.: «O comisario presentaralle ó xuíz o estado dos acredores do quebrado que debeu formar ós tres días seguintes á declaración da quebra e en vista del

fixarase o día para a celebración da primeira xunta xeral». Por tanto, o comisario no pode realizar unha relación de acredores para poder celebra-la primeira xunta xeral e elevar un convenio, porque non sabe quen son eses acredores.

Terceiro.-Dado o oportuno traslado ó Ministerio Fiscal, manifesta que conforme o establecido no artigo 1383 da L.A.Civ., a única interveción do Ministerio Fiscal na quebra se produce na cualificación da quebra.

Parte dispositiva.

Acordo que se arquive definitivamente este procedemento de declaración de quebra voluntaria da sociedade Servi-Sport Santiago, S.L., por carecer dos orzamentos necesarios para a súa admisibilidade, deducindo tódolos documentos presentados á entidade demandada».

E para que sirva de notificación en forma a quen abaixo se indica, estendo e asino a presente cédula en Santiago de Compostela o vintecinco de xaneiro de dous mil.

O/a secretario/a

Rubricado