Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2000 Páx. 2.093

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 29/2000, do 20 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

A entrada en vigor da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica supuxo, o establecemento e a aplicación, a partir do 1 de xaneiro de 1996, dun novo imposto que recae sobre a contaminación atmosférica, producida por emisións de dióxido de xofre e de calquera outro composto osixenado do xofre e de dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

Co obxecto de lle dar cumprimento ó texto legal, promulgouse o Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, no que se regulaban, entre outras materias, aspectos de xestión e liquidación do citado tributo.

Non obstante, a experiencia acumulada na xestión e liquidación do tributo vén suxerir unha serie de modificacións que permitan unha xestión máis flexible e máis axeitada ó obxecto do propio tributo.

Quedaban, así mesmo, unha serie de aspectos por regular, como son a determinación da base impoñible do imposto mediante o método de estimación obxectiva e o fondo de reserva para atender danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocadas por catástrofes ambientais, que se pospuxeron para un decreto posterior.

Mediante este decreto defínese, así mesmo, o concepto, para os efectos do imposto, de foco emisor, establecido pola lei no seu artigo 9, sen que isto veña supoñer modificación ningunha respecto do establecido polo Decreto 4/1996, por se-lo foco emisor o elemento fundamental ó redor do que se constrúe o tributo, e iso baseado na diferente incidencia que teñen na atmosfera as emisións realizadas en puntos xeográficos distantes respecto das emisións realizadas de forma concentrada por un suxeito pasivo a través de distintas chemineas, válvulas, canais de desaugamento ou outros puntos ou fontes concretos de emisión. Pola importancia que ten o control dos distintos focos, é imprescindible contar cun bo instrumento de xestión: o rexistro de focos emisores.

De cara á seguridade xurídica e co desexo de que un só texto normativo regule os aspectos regulamentarios previstos na lei, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Apróbase o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica que figura como anexo deste decreto.

Disposición derrogatoria

A partir da entrada en vigor deste decreto quedará derrogado o Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, así como toda a normativa de igual rango ou inferior que se opoña ó establecido neste decreto. Exceptúase expresamente desta derrogación a Orde do 26 de xaneiro de 1996, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se aproban os modelos de xestión e liquidación do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dictar cantas disposicións se consideren oportunas para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

REGULAMENTO DO IMPOSTO SOBRE A CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito do tributo.

O imposto sobre a contaminación atmosférica recaerá sobre as emisións de substancias contaminantes a que se refire o artigo 5 deste regulamento, producidas polos focos que se atopen situados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Foco emisor.

Para os efectos de aplicación do imposto entenderase por foco emisor o conxunto de instalacións de calquera natureza, constituído, de se-lo caso, por unha ou máis chemineas, válvulas, canais de desaugamento, ou outras fontes ou puntos de emisión que emitan á atmosfera substancias contaminantes gravadas.

Artigo 3º.-Competencias.

A xestión, inspección e recadación do imposto sobre a contaminación atmosférica corresponderalle á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 4º.-Afectación dos ingresos.

Os ingresos provenientes do imposto sobre a contaminación atmosférica, deducidos os custos de xestión, destinaranse a financia-las actuacións da Comunidade en materia de protección ambiental e

conservación dos recursos naturais de Galicia, en virtude do que cada ano se determine nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e, en particular, á constitución do fondo regulado no capítulo V deste regulamento.

Capítulo II

Elementos do imposto

Artigo 5º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible a emisión á atmosfera de calquera das seguintes substancias:

a) Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado do xofre.

b) Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

2. Presumirase realizado o feito impoñible mentres as instalacións emisoras non cesen na súa actividade e tal circunstancia sexa posta en coñecemento da Administración.

Artigo 6º.-Suxeito pasivo.

Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas ou entidades que sexan titulares das instalacións ou actividades que emitan as substancias contaminantes referidas.

Artigo 7º.-Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a suma das cantidades emitidas de cada unha das substancias contaminantes por un mesmo foco emisor.

Para estes efectos:

a) As cantidades emitidas de dióxido de xofre e de dióxido de nitróxeno expresaranse en toneladas.

b) As cantidades emitidas de compostos osixenados de xofre expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de xofre e,

c) As cantidades emitidas de compostos nitroxenados expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de nitróxeno.

2. A cuantificación da base impoñible referirase ó ano natural.

Artigo 8º.-Determinación da base impoñible: estimación directa.

A base impoñible determinarase por estimación directa, nos casos en que as instalacións incorporen sistemas de medida de cantidade de substancias contaminantes emitidas.

Artigo 9º.-Determinación da base impoñible: estimación obxectiva.

1. Nos supostos de focos emisores que non conten cos aparellos de medición a que se refire o artigo anterior, procederase á determinación da base impoñible mediante a estimación obxectiva que resulte

dos indicadores aprobados no punto 5 deste artigo aplicados de acordo coas regras establecidas neste artigo.

2. Os indicadores aprobados no punto 5 deste artigo poderán ser utilizados para determina-la base impoñible nos supostos nos que sexa de aplicación o artigo seguinte.

3. O método de estimación obxectiva ten como finalidade a determinación da base impoñible mensual do imposto, medida en tm.

4. Deberán calcula-la base impoñible mediante estimación obxectiva os suxeitos pasivos que reúnan os requisitos seguintes:

a) Que non conten cos aparellos de medición a que se refire o artigo 8º.

b) Que, polo menos o 80% dos combustibles utilizados na/s súa/s instalación/s, sexan fluídos.

5. A cantidade estimada de SO emitida mensualmente realizarase aplicando a seguinte fórmula:

X= 2 * C * PCS * (x - y * z)

Onde:

X= cantidade de SO emitida mensualmente expresada en Tm equivalentes de dióxido de xofre (Tm/mes).

C= cantidade de combustible consumido mensualmente en Tm (Tm/mes).

x= tanto por un en peso de xofre no combustible.

y= tanto por un en peso de cinzas no combustible.

z= tanto por un en peso de xofre nas cinzas (g/kg).

6. A cantidade estimada de NO emitida mensualmente realizarase aplicando a seguinte fórmula:

Y= FENO * C * PCS * 10

Onde:

Y= cantidade de NO emitida mensualmente expresada en Tm equivalentes de dióxido de nitróxeno (Tm/mes).

C= cantidade de combustible consumido mensualmente expresado en Tm (Tm/mes).

PCS= poder calorífico superior do combustible (Mj/kg).

FENO= factor de emisión de compostos oxidados de nitróxeno expresados en g/Gj equivalentes de dióxido de nitróxeno, que será, en cada caso, o que resulte da táboa seguinte:

Potencia térmica nominal (Mw th)

Combustible e tipo de combustión

menor

50

50-100

100-300

maior

300

Fueloil número 2
-Ignición parede ou fondo180190210260
-Ignición tanxencial140150170210

Fueloil número 1100100100na*

Gasóleo ou fueloil BIA 80100100na*

Gas natural100125150170

* Non aplicación.

Artigo 10º.-Determinación de oficio da base impoñible.

A Administración poderá sinalar de oficio, coa información dispoñible, a base que corresponda a aquel suxeito pasivo que, incumprindo as normas fiscais, fixera imposible a súa determinación a través das vías previstas nos artigos precedentes.

Artigo 11º.-Tipo de gravame.

O gravame sobre a contaminación atmosférica esixirase conforme a seguinte tarifa por tramos de base:

Tramos de baseptas./Tm

1º De 0 a 1.000 Tm anuais0

2º De 1.001 a 50.000 Tm anuais5.000

3º De 50.001 Tm anuais en adiante5.500

Artigo 12º.-Devengo.

O imposto devengarase no momento da emisión de calquera das substancias contaminantes gravadas.

Capítulo III

Xestión do tributo

Artigo 13º.-Declación-liquidación mensual.

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentaren unha declaración liquidación segundo o modelo aprobado para o efecto, dentro de cada mes, perante a delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente á situación xeográfica do foco emisor.

A devandita declaración liquidación referirase á base impoñible acumulada no ano ata o final do mes inmediatamente anterior, ingresándose a diferencia que resulte entre a cota correspondente á dita base e a ingresada nos meses anteriores referida ó exercicio obxecto de liquidación.

No mes de xaneiro presentarase a declaración liquidación correspondente a decembro.

Artigo 14º.-Declaración-resumo anual.

Ademais, no mes de marzo de cada ano, e no modelo aprobado para tal efecto, presentarase un resumo anual, referido ó ano natural inmediatamente anterior.

Artigo 15º.-Ingreso.

O ingreso das cantidades correspondentes ó pagamento do imposto efectuaranse na caixa da delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda, ou, de se-lo caso, a través de entidades financeiras colaboradoras na recadación, cando a normativa correspondente así o prevexa.

Artigo 16º.-Límites cuantitativos da obriga de declarar.

Non estarán obrigados a presentara-las correspondentes declaracións liquidacións mensuais e o resu

mo anual os suxeitos pasivos que, respecto a un foco emisor, non superasen as 800 toneladas emitidas das substancias gravadas no ano inmediato anterior.

Nestes casos, se ó longo dun exercicio se chegasen a supera-las 1.000 toneladas emitidas, presentaranse as oportunas declaracións liquidacións a partir do mes seguinte a aquel en que se producise esa circunstancia e, no prazo indicado no artigo precedente, o correspondente resumo anual.

Da forma expresada no parágrafo anterior procederán os suxeitos pasivos titulares de novos focos emisores a partir da súa posta en funcionamento.

Artigo 17º.-Comprobación.

As declaracións liquidacións presentadas conforme os artigos anteriores serán obxecto de comprobación por parte dos servicios de xestión da delegación territorial de Economía e Facenda e, para estes efectos, poderase solicitar dos servicios técnicos da consellería competente en materia de ambiente a información precisa.

Artigo 18º.-Recursos en vía administrativa.

Os actos de xestión, liquidación, inspección e recadación do tributo poderanse reclamar perante o Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da interposición do recurso de reposición.

Artigo 19º.-Infraccións e sancións.

As infraccións tributarias do imposto sobre a contaminación atmosférica serán cualificadas e sancionadas de acordo co establecido na Lei xeral tributaria.

Capítulo IV

Rexistro de Focos Emisores de Substancias

Contaminantes

Artigo 20º.-Sede.

O Rexistro de Focos Emisores de Substancias Contaminantes incluídas no feito impoñible do imposto sobre a contaminación atmosférica, creado para os efectos deste, terá a súa sede nas delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda respecto dos situados no ámbito da súa demarcación territorial.

Artigo 21º.-Declaración de alta.

1. Tódolos titulares de focos emisores están obrigados a presentar unha declaración de alta, no modelo que se aprobe para o efecto, perante a delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente.

2. No caso do establecemento e posta en marcha dun novo foco emisor, a dita declaración indicará

o número de toneladas das substancias gravadas que se prevén emitir no ano. O prazo para realizala será o dun mes contado desde o día da súa posta en funcionamento.

3. Os titulares de focos emisores en funcionamento á entrada en vigor da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, consignarán na oportuna declaración os datos relativos a 1995.

Artigo 22º.-Inscrición.

1. Procederá a inscrición no citado rexistro dos focos emisores que superen as 100 Tm anuais de emisión das substancias contaminantes gravadas.

2. Se dos datos obtidos da declaración a que se refire o artigo anterior se deduce que non procede a inscrición no Rexistro de Focos Emisores, conforme o establecido no parágrafo anterior, persistirá a obriga de efectuar nova declaración de alta no suposto de que a contaminación efectiva anual superase as 100 Tm. A dita declaración presentarase dentro do mes de xaneiro seguinte.

Artigo 23º.-Modificación.

Cando se produza unha circunstancia modificadora dos extremos que figuran na declaración a que se refire o artigo 21º, e segundo o que se dispoña na correspondente orde de desenvolvemento, o titular do foco emisor, e no prazo dun mes contado desde o día que aquela circunstancia se producise, estará obrigado a comunicarllo á mesma delegación segundo o modelo que para o seu efecto se aprobe.

Capítulo V

Fondo do Imposto sobre a Contaminación

Atmosférica

Sección primeira

Normas xerais

Artigo 24º.-Destino do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.

O Fondo do Imposto sobre a Contaminación Atmosférica é un fondo de reserva adscrito á Consellería de Economía e Facenda que se destinará á atención de danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocados por catástrofes ambientais derivadas de emisións atmosféricas ou verteduras realizadas sobre o solo ou augas marítimas ou terrestres, xa sexan superficiais ou subterráneas, de carácter contaminante.

Artigo 25º.-Dotación do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.

1. A dotación e mantemento do fondo realizarase de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Unha vez coñecida a recadación correspondente ó exercicio anterior, dotarase o fondo cun 5% dos ingresos obtidos.

3. O período de referencia para o cálculo da dotación á que se refire a liña anterior será o correspondente ó exercicio liquidado anterior ó momento en que se efectúe a dotación.

4. O fondo deixará de dotarse cando alcance a contía de mil millóns de pesetas, cantidade que será reposta a medida que sexa utilizada mediante novas dotacións anuais en porcentaxe non superior á citada.

Artigo 26º.-Comisión do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.

1. Créase a Comisión do Fondo do Imposto sobre a Contaminación Atmosférica co obxecto de decidi-las actuacións ás que se destina este de acordo cos fins establecidos no artigo 24º.

2. O réxime xurídico da Comisión axustarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo das peculiaridades organizativas da Administración pública galega.

3. A composición da comisión quedará constituída da maneira seguinte:

Presidente: o conselleiro de Economía e Facenda.

Vicepresidente: o director xeral de Presupostos.

Secretario: o secretario xeral de Medio Ambiente.

Vocais: director xeral de Xustiza e Administración Local. Secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Director xeral de Saúde Pública. Director xeral do Centro de Información e Tecnolóxica Ambiental. Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Director xeral de Recursos Mariños. Director xeral de Protección Civil. Presidente do organismo autónomo Augas de Galicia.

4. Poderán asistir ás reunións, cando así o acorde o presidente, os titulares doutras unidades administrativas que teñan competencias relacionadas cos asuntos que se inclúan na orde do día, así como os técnicos e funcionarios que se consideren oportunos. Actuarán con voz e sen voto nos acordos que se tomen nos asuntos citados.

5. No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente e, no seu defecto, polo membro de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

6. A comisión, na sesión de constitución, aprobará o seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 27º.-Competencias da Comisión do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.

Serán competencias da comisión:

1) Iniciar e impulsa-lo procedemento de disposición do fondo do imposto.

2) Estudiar e valora-los danos extraordinarios e as situacións de emerxencia.

3) Solicitar cantos informes coide necesarios.

4) Decidir, de se-lo caso, qué danos e situacións se van atender, así como qué proporción do fondo se destinará a estes.

5) Levar a cabo un seguimento e control da utilización das cantidades concedidas.

Artigo 28º.-Sesións da Comisión do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.

1. A comisión reunirase unha vez ó ano en sesión ordinaria.

2. Realizarase sesión extraordinaria cando a convoque o presidente ou a solicite calquera dos seus compoñentes.

3. O quórum mínimo para a realización das sesións será de, alomenos, 7 dos seus membros, requiríndose, en todo caso, a presencia do presidente ou do secretario ou das persoas que os substitúan.

4. As decisións adoptaranse por maioría absoluta, con voto dirimente do presidente en caso de empate.

Sección segunda

Iniciación, ordenación e instrucción do

procedemento de disposición do Fondo

do Imposto de Contaminación Atmosférica

Artigo 29º.-Formas de iniciación.

1. O procedemento para a disposición do fondo poderá iniciarse de oficio ou por solicitude de calquera corporación local.

2. O procedemento iniciarase de oficio por acordo da comisión, ben por propia iniciativa ou por petición razoada doutros órganos da Administración autonómica.

3. Poderá iniciarse o procedemento mediante solicitude de calquera corporación local, logo de informe favorable da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Artigo 30º.-Información previa.

A comisión abrirá un período de información previa ó acordo de iniciación co fin de coñece-las circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de inicia-lo procedemento.

Artigo 31º.-Ordenación e instrucción do procedemento.

Adoptado o acordo de iniciación do procedemento, este impulsarase de oficio en tódolos seus trámites e axustarase ó sinalado nos artigos 74 ó 77 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección terceira

Instrucción do procedemento de disposición do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica

Artigo 32º.-Terminación.

1. Poñerá fin ó procedemento a resolución da comisión na que se determine a procedencia ou non da disposición do fondo coa finalidade establecida no artigo 24º. En caso de resolución positiva, esta fixará a cantidade que se destina a atende-los danos extraordinarios e as situacións de emerxencia e os fins concretos a que se deban aplica-las ditas cantidades.

2. Tamén rematará o procedemento a imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas que fagan innecesaria a reparación. A resolución deberá ser, en todo caso, motivada.

3. O prazo máximo de substanciación do procedemento será de tres meses desde o inicio do procedemento.

4. A resolución positiva fixará, así mesmo, a corporación local, órgano ou organismo autónomo de calquera das consellerías da Xunta, receptoras das cantidades concedidas e establecerá cláusulas precisas para proceder ó reintegro destas cantidades.

5. A resolución da comisión poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 33º.-Carácter das prestacións.

As prestacións do fondo terán o carácter de anticipo reintegrable, de tal forma que o fondo será restituído cando e na medida en que o responsable da catástrofe ambiental faga efectivas as cantidades correspondentes en virtude de declaración xudicial ou derivadas dun contrato de seguro ou de calquera outra garantía.

Artigo 34º.-Informe.

Anualmente elaborarase un informe respecto do destino do fondo e a súa aplicación á atención de danos extraordinarios e situacións de emerxencia sinaladas con anterioridade. Este informe deberá enviarse ó Consello Galego de Medio Ambiente, para os efectos das súas funcións.