Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2000 Páx. 2.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de febreiro do 2000 pola que se establecen axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a particulares e entidades sen fin de lucro para a realización de estudios sobre medios de comunicación en Galicia.

A importancia da comunicación oral e escrita como instrumentos de vertebración dun país e aínda como

ferramentas útiles para facilitar mediante o achegamento entre os pobos, o afondamento da democracia fan especialmente recomendable un mellor coñecemento desas técnicas.

A conciencia desa necesidade levou á inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos créditos destinados á realización de investigacións nese campo. Para o gasto derivado da presente orde disponse de crédito adecuado e suficiente nos citados orzamentos para o 2000.

Coa finalidade de asegura-la publicidade e obxectividade na concesión, así como para promove-la participación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Establécense axudas para fomenta-la realización de estudios sobre medios de comunicación. O importe global das axudas será de trece millóns catrocentas oitenta mil (13.480.000) pesetas.

Segundo.-A contía de cada axuda será de cincocentas mil a un millón de pesetas (500.000 a 1.000.000 de ptas.).

Terceiro.-Poderán solicita-las axudas particulares e entidades sen fin de lucro.

Cuarto.-A solicitude das axudas farase mediante instancia, segundo modelo do anexo, dirixida ó secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos, e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

b) Acreditación da representación con que actúa, se é o caso.

c) Memoria explicativa do contido, con indicación da súa dimensión e prazo de realización, debidamente asinada polo solicitante ou o seu representante.

d) Currículum vitae do autor ou autores do estudio, debidamente asinado. Na documentación relacionada no currículum vitae deberán acompañar orixinais ou copias compulsadas daqueles documentos, títulos, etc., directamente relacionados co traballo.

e) Declaración xurada que acredite o carácter inédito do traballo.

No caso de que sexan varios coautores do mesmo traballo, deberán designar por escrito a un deles como representante dando a conformidade coa súa sinatura.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Quinto.-As solicitudes serán presentadas no Rexistro Xeral da Consellería de Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Sétimo.-Os estudios presentaranse por triplicado, debidamente foliados e encadernados e coa sinatura do autor ou autores. A súa extensión non será inferior ós 100 folios de 1.200 caracteres, e non se computarán as copias íntegras ou parciais das publicacións ou estudios xa existentes.

Oitavo.-A resolución das axudas será realizada polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública por proposta dunha comisión que avaliará as solicitudes presentadas e que será presidida polo secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos e que estará integrada por un funcionario desa secretaría xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, que actuará de secretario, como vocais o xefe de Servicio de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria e o xefe de Gabinete. A comisión terá en conta a finalidade do estudio e a súa relación coa realidade galega na materia, o seu carácter inédito, o currículum vitae do autor ou autores e calquera outra circunstancia que contribúa á modernización do sector.

A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer, no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos tres meses contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.21º c), a contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Noveno.-Os estudios resultantes das memorias seleccionadas serán entregados na Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos antes do día 30 de setembro de 2000.

Décimo.-A concesión das axudas farase con cargo á aplicación 04.08.361A 480.0 que dispón de crédito

adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2000.

De conformidade co estipulado no artigo 37-tres da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2000, quedan exentos de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia as subvencións e axudas con cargo ós créditos orzamentarios correspondentes ó artigo 48 Familias e institucións sen fin de lucro.

Por tratarse, nesta convocatoria, de axudas con cargo ó concepto 480.0, poderán acollerse ó estipulado no citado artigo 48, non implicando ningún límite cuantitativo en canto á concesión da axuda, tal e como se deduce do devandito precepto.

Décimo primeiro.- O pagamento tramitarase unha vez entregado o estudio obxecto da axuda.

No momento da xustificación da execución total do estudio e en calquera caso, antes de efectua-lo o pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo estudio das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Décimo segundo.-De non entregarse o estudio no prazo sinalado, ou de entregarse cun contido distinto ó previsto na memoria, o beneficiario perderá o seu dereito á percepción da axuda.

Décimo terceiro.-O autor ou autores dos traballos seleccionados, no mesmo momento de acepta-la axuda ceden á Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos tódolos dereitos sobre o traballo presentado, reservándose ésta a capacidade de publicalo, se así o estimase oportuno.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos nesta orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ó artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública