Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2000 Páx. 1.973

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

MINISTERIO DE FOMENTO

ORDE do 3 de febreiro de 2000 pola que se modifica o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol, aprobado por Orde do 27 de decembro de 1995.

O Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol foi aprobado por orde do ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente do 27 de decembro de 1995 (BOE nº 11, do 12 de xaneiro de 1996 e DOG nº 25, do 5 de febreiro de 1996), de conformidade co disposto polo artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante, a teor do cal «o Ministerio de Fomento delimitará nos portos de competencia estatal unha zona de servicio que incluirá as superficies de terra e auga necesarias para a execución das súas actividades, as destinadas a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento da actividade portuaria». A delimitación da zona de servicio, engade o artigo citado, farase «por proposta da autoridade portuaria, a través dun plan de utilización dos espacios portuarios que incluirá os usos previstos para as diferentes zonas do porto, así como a xustificación da necesidade ou

conveniencia dos ditos usos».

Aprobado o citado Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o 27 de xaneiro de 1999, propuxo unha modificación do citado plan de utilización na zona correspondente ó concello de Mugardos, no sitio coñecido como Punta Promontorio.

Como sinala a memoria da modificación proposta, a actual zona de servicio do porto de Ferrol, no concello de Mugardos, está constituída polos terreos de dominio público existentes en Punta Promontorio e delimitados polo deslinde aprobado pola Orde do 21 de marzo de 1975, entre os marcos 1 e 31 respectivamente, que se corresponde cos marcos 215 a 236 do deslinde provisional de novembro de 1997, no tramo entre o límite dos concellos de Fene e Mugardos ata o límite dos concellos de Mugardos e Ares. A dita zona de servicio incluíuse no Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol e nela estaban anexas as augas correspondentes. Na zona de augas prevíanse uns recheos para posibles ampliacións de Astano e Forestal del Atlántico, S.A. e para uso comercial portuario e industrial. Tales recheos eran aproximados e definidos nos planos a título orientativo.

Como consecuencia da modificación do Plan de utilización dos espacios portuarios que agora se aproba, o ámbito terrestre da zona de servicio do porto, no concello de Mugardos, experimenta unha ampliación con respecto á actual, ó incorporarse unha pequena superficie que coincide coa que se vai

incluír no novo deslinde de dominio público marítimo-terrestre mediante a modificación do aprobado por Orde do 21 de marzo de 1975. A delimitación da ampliación pódese identificar a través das actuacións realizadas na tramitación do novo deslinde da zona, que inclúe a concesión outorgada no seu día a Forestal del Atlántico, S.A., aínda que non é en todo coincidente co aprobado pola Orde do 21 de marzo de 1975. Deste xeito, a zona de servicio do porto nesta área comprenderá, trala modificación, os terreos de dominio público que resulten deste novo deslinde entre os marcos nº 215 (máis próximo ó nº 1 da Orde do 21 de marzo de 1975) e o nº 245 (final da zona afectada polo convenio urbanístico aprobado polo Concello de Mugardos en sesión plenaria do 31 de outubro de 1997). Este novo deslinde contén na súa totalidade o aprobado pola citada Orde do 21 de marzo de 1975 composto de 31 marcos (nº 1 próximo ó nº 215, como se dixo, e o marco final nº 31, próximo ó nº 236 actual), así como a

franxa de dominio público entre os marcos 236 e 245, zona á que se estenden os solos urbanos de uso industrial, e que é a superficie que agora se incorpora á zona de servicio do porto con esta modificación do plan de utilización. O terreo que se vai incorporar comprende unha lonxitude aproximada de 200 metros da zona marítimo-terrestre, cunha superficie duns 6.740 metros cadrados e unha extensión vinculada á modificación de 22.224 metros cadrados de superficie para encher.

A modificación responde ó incremento do tráfico directamente asociado ás instalacións industriais e portuarias do complexo de Forestal del Atlántico, S.A., que fan necesario dotar de maior superficie de explotación e de lonxitude de atracadas esta concesión, xa que na actualidade case non pode soporta-los actuais tráficos portuarios e os aumentos previsibles nos anos vindeiros. Ademais, as deficientes conexións terrestres, xunto coa distancia que separa por terra as instalacións portuarias situadas en Ferrol das de Mugardos, en Punta Promontorio, e a inexistencia de axeitadas conexións ferroviarias entre ámbolos lugares dificulta, por razóns económicas, a descarga de mercadorías nas instalacións de Ferrol para o seu posterior traslado a Mugardos; ó que hai que engadir que, por razóns de seguridade, convén manipular certas mercadorías en peiraos máis afastados dos núcleos de maior densidade de poboación. Polo demais, do punto de vista de segregación de tráficos, algunha das

mercadorías que, por razóns de falta de espacio na concesión de Forestal del Atlántico, se moven na actualidade nos peiraos situados en Ferrol, presentan problemas de incompatibilidade nos procesos de carga e descarga. Finalmente, os peiraos comerciais do porto de Ferrol atópanse na actualidade en estado de práctica saturación, sendo imposible en certas ocasións atender tódalas peticións de atracada, o que obriga a fondea-los barcos á espera, coa conseguinte demora e repercusión económica para armadores e propietarios de mercadorías, e que fai moi conveniente

que o porto de Ferrol poida desvia-lo maior número de buques ás instalacións de Mugardos.

A iso cómpre engadir ademais, como así mesmo expresa a memoria da modificación do Plan de utilización dos espacios portuarios, que a ampliación da zona de servicio nesta área permitirá realizar un mellor deseño do contorno da plataforma dos terreos gañados ó mar como consecuencia da ampliación da concesión outorgada a Forestal del Atlántico, S.A. o 14 de maio de 1997, e da que a declaración de impacto ambiental aprobada por resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 31 de marzo de 1998, considerou o proxecto das obras que se van realizar viable desde o punto de vista ambiental, aínda que, ademais de cumprirse as medidas correctoras propostas no estudio de impacto ambiental, estableceu certas condicións entre as que se debe salienta-la realización do deseño do contorno da plataforma que se vai gañar ó mar de xeito que permita a similitude de circunstancias na ría co resultado obtido do modelo de simulación empregado para analiza-las variacións das correntes e

da distribución das partículas de sedimento que se producirán coa construcción da dita plataforma na zona dos bancos marisqueiros.

Polo demais, a ampliación é conforme coa nova delimitación do solo urbano industrial do Concello de Mugardos, ó se incluír na zona de servicio do porto o dominio público delimitado polo novo deslinde adxacente ó solo urbano industrial. Marcouse, co mesmo criterio que no plan de utilización aprobado e vixente, unha planicie posible, definida unicamente a título orientativo, e o uso da nova zona ampliada é o mesmo que figura no plan de utilización, é dicir, un uso global comercial portuario e industrial.

En consecuencia, ó abeiro do citado artigo 15 da Lei de portos do Estado e da Mariña Mercante, apróbase unha modificación non substancial do Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol, que se limita a unha simple ampliación do espacio terrestre da zona de servicio do porto, no concello de Mugardos, na zona coñecida como Punto Promontorio, ó incorporar un tramo da zona marítimo-terrestre sen altera-la zonificación nin a atribución de usos portuarios verificada polo plan de utilización. Non obstante o anterior, solicitouse o informe do Ministerio de Defensa tendo en conta a existencia na ría de Ferrol de instalacións navais militares, que o emitiu favorablemente o 23 de decembro de 1999.

Na súa virtude, de conformidade co artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante,

DISPOÑO:

Primeiro.-Modifícase o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol, aprobado pola Orde do 27 de decembro de 1995, segundo a proposta formulada pola Autoridade Portuaria de

Ferrol-San Cibrao que consta da oportuna memoria e dos correspondentes planos e en virtude da cal se inclúe no espacio terrestre da zona de servicio do porto correspondente ó concello de Mugardos, na zona coñecida como Punta Promontorio, unha superficie de dominio público que coincide coa franxa da zona marítimo-terrestre entre os marcos 236 e 245, que se vai incluír no novo deslinde que na actualidade tramita Demarcación de Costas de Galicia e que suporá a modificación do deslinde aprobado pola Orde do 21 de marzo de 1975.

O tramo da zona marítimo-terrestre que se incorpora á zona de servicio do porto ten unha lonxitude aproximada de 200 metros e unha superficie duns 6.740 metros cadrados. A extensión vinculada á ampliación, como consecuencia dos recheos previstos, é de 22.224 metros cadrados, aproximadamente.

Segundo.-O uso asignado á superficie que se incorpora á zona de servicio do porto é o mesmo que figura para esa mesma área no vixente Plan de utilización dos espacios portuarios, é dicir, un uso global comercial portuario e industrial.

Madrid, 3 de febreiro de 2000.

Rafael Arias-Salgado Montalvo

Ministro de Fomento

Secretario do Estado de Infraestructuras e Transportes e presidente do ente público Portos do Estado e presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao