Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.891

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de febreiro de 2000 de delegación de competencias nos colexios oficiais de farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez publicada a Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e tendo en conta o seu fin principal, como é o de lles garantir ós cidadáns de Galicia un acceso rápido, oportuno e equitativo á atención farmacéutica que necesiten, a experiencia aconsella neste momento utiliza-la fórmula da delegación competencial nos colexios oficiais de farmacéuticos, coa intención de acadar unha maior axilización na tramitación de determinados expedientes en relación coas oficinas de farmacia.

Así mesmo, a delegación nos colexios oficiais de farmacéuticos do establecemento e modificación de horarios, quendas de servicios de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, obriga a ter en conta o Decreto 342/1999, do 16 de decembro, que establece unha regulación que, con carácter de mínimos, garante unha atención farmacéutica continuada á poboación.

Polo demais, delégase nesta orde a autorización dos nomeamentos de rexente, substituto e adxunto das oficinas de farmacia, sen prexuízo de que as autorizacións de exercicio dos farmacéuticos en centros de distribución farmacéutica e nos servicios de

farmacia dos hospitais, as sigan a outorga-las delegacións provinciais desta consellería unha vez achegada a certificación de colexiación no colexio oficial de farmacéuticos correspondente.

Todo isto sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, de 20 de outubro, tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e logo de conformidade dos colexios oficiais de farmacéuticos,

DISPOÑO:

Artigo único.-Delégase nos colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra:

1. A tramitación e proposta de resolución dos seguintes expedientes en relación coas oficinas de farmacia:

a) Autorización de novas oficinas, unicamente ata o momento procedemental da proposta de resolución

de autorización dos municipios que poidan contar con novas oficinas de farmacia, segundo o disposto na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Corresponderalle en todo caso á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a tramitación e resolución do procedemento para a delimitación territorial concreta na que poidan establecerse novas oficinas de farmacia dentro de cada zona farmacéutica.

b) Autorización de locais para apertura e posta en funcionamento.

c) Traslado e modificación de locais.

d) Transmisión e peche.

2. A tramitación e autorización dos nomeamentos de rexente, substituto e adxunto de oficinas de farmacia, sen prexuízo de que a toma de posesión dos interesados se efectúe ante os órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. O establecemento e modificación, nos termos previstos na normativa de aplicación, de horarios, quendas de servicios de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, sen prexuízo da correspondente comunicación á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais