Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2000 Páx. 1.800

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira Furco.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada por acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 24 de marzo de 1999, do proxecto de explotación da canteira denominada Furco sita no concello de

Becerreá, promovido por Hergaya, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 3 de xaneiro de 2000.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación levadas a cabo sobre unha superficie total de 12,81 ha (segundo o plano PR 4.3 presentado en novembro de 1998) e para unha duración máxima de vintecinco (25) anos.

Tanto para outras zonas ou áreas que se queiran explotar como para unha duración maior da prevista precisarase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

Co fin de evita-los posibles efectos negativos que puidese ocasionar o po xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de xeito que os niveis de partículas sedimentables nos núcleos habitados de Furco, Casar e Cereixal próximos á explotación (nalgún caso a menos de 100 m), non superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

1.2. Sobre o ruído.

Dado que nas proximidades da explotación existen núcleos habitados (Furco, Casar e Cereixal), asegúrase o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto) especialmente nos núcleos anteriormente citados.

2. Protección das augas.

2.1. Co fin de evitar que as augas de escorrentía superficial, das zonas ocupadas pola explotación, puidesen afecta-lo río Furco que circula polo lado oeste da explotación, conduciranse axeitadamente as augas das zonas explotadas (amoreamentos de terra vexetal, ocos de explotación e cómaros), xunto coas procedentes de calquera outro labor relacionado directa ou indirectamente coa explotación, as balsas de decantación, previamente ó seu vertido, para o que disporán de autorización previa do organismo de cunca.

Os valores límite de vertido que garantan a calidade fisicoquímica das augas, para os parámetros que se indican a continuación, serán, segundo o establecido na táboa do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, os seguintes:

pHSólidos enMateriaisSólidos

suspensión (mg/l) sedimentables ml/lgrosos

5,5-9,5800,5Ausentes

2.2. Limparanse os lodos das balsas de decantación en períodos de estiaxe e, en calquera caso cando acaden, como máximo a metade do volume destas.

2.3. As augas residuais que se xerarán nos servicios hixiénicos destinados ós operarios, deberán ser conducidas a unha foxa séptica tal e como consta no proxecto.

2.4. Os labores de mantemento da maquinaria levaranse a cabo fóra das zonas en explotación ou xa explotadas, debendo ser recollidos os seus residuos e entregados a un xestor autorizado.

2.5. En ningún caso se poderán afectar terreos pertencentes ó dominio público hidráulico sen autorización expresa do organismo de cunca.

3. Protección do solo.

3.1. Dado que o tempo de almacenamento de terra vexetal será superior a un ano, realizarase o volteo, fertilización e a plantación a base de leguminosas, dos amoreamentos de terra vexetal, tal e como consta no proxecto. Os amoreamentos, debidamente situados, deberán realizarse en terreos que non estean en pendente para evita-lo corremento da terra apilada. Estes amoreamentos disporanse formando cordóns lonxitudinais ou cómaros de 1,5-2 m de altura máxima, de xeito que resulten protexidos da posible entrada de auga con pequenas canles perimetrais.

3.2. Os lodos procedentes da limpeza das balsas de decantación, en ningún caso se poderán depositar fóra do perímetro da zona obxecto da presente DIA, e estarán localizados en terreos acondicionados para o efecto, de xeito que non se perdan por lavado dando lugar a procesos contaminantes.

3.3. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes, ningún tipo de residuo sólido diferente dos amoreamentos temporais de terra vexetal e dos lodos de decantación, prohibíndose de forma específica o seu vertido noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a ela, así como en zonas de dominio público hidráulico sen autorización expresa do organismo de cunca.

3.4. En ningún caso se autorizará a formación de entulleiras exteriores, aínda con carácter temporal, debendo ser inmediatamente transportado o material de arranque á planta de machucado e clasificación.

4. Protección da fauna.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas lindantes e a zona de explotación, mediante a instalación, nas partes superiores da

explotación, dun peche de malla cunha altura non inferior a 1,50 m, quedando expresamente prohibido o uso de arame de espiño.

5. Protección da flora.

5.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible cos labores de explotación, co fin de que sirva como pantalla visual, acústica e contra o po para calquera das zonas que se van explotar.

5.2. Para as cortas de vexetación deberá solicitarse autorización ó servicio correspondente de Montes e Medio Ambiente Natural, concretamente no caso de cortas de vexetación ripícola, solicitarase ó servicio de MAN da antedita dirección xeral.

6. Protección da paisaxe.

6.1. Co fin de integrar paisaxisticamente a explotación, disporanse pantallas visuais arbóreas, nas zonas que veñen indicadas nos planos de restauración do proxecto de referencia, a base de Betula celtiberica e Pinus pinaster (de 3 m de altura en liña), en proporcións do 50% para cada unha, con marco 4x2,5 m e ó longo dunha franxa de 10 m de largo, de xeito que a explotación non sexa visible desde ningún núcleo habitado nin desde a estrada N-VI.

As pantallas visuais seleccionadas deberán vir orzadas no plan de restuaración.

A zona de apantallamento vexetal deberá acondicionarse de xeito que garanta o enmascaramento da explotación desde o inicio dos labores.

7. Restauración.

En relación ó plan de restauración previsto, teranse en conta as seguintes consideracións:

7.1. Procederase á restauración de tódalas superficies que se modifiquen ou se creen. Os labores de restauración realizaranse de maneira progresiva a partir do cuarto ano de explotación, de acordo coas fases indicadas no calendario de execución dos labores de restauración.

7.2. A capa de terra vexetal estendida será de 50 cm, excepto nas zonas onde a pendente sexa maior ou igual a 1/1 (H/V) nas que o espesor de terra vexetal a aportar será de 30 cm. O volume total de terra vexetal que se achegará e almacenada estenderase posteriormente para a restauración da zona alterada. A cantidade de terra vexetal existente na explotación non é suficiente para acadar este obxectivo, polo que será preciso recorrer a préstamos de terra vexetal que contarán coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas e dos que se deberá reflecti-lo seu custo no orzamentos do plan de restauración.

7.3. O fertilizante mineral que se empregará será o complexo N-P-K. A fertilización orgánica será a base de esterco cun contido mínimo de nitróxeno do 3,5%. Unha vez realizada unha análise do solo e determinado o valor do seu pH aplicaranse, se é o caso, co fin de neutraliza-la acidez, emendas

calizas tales como cal apagado, dolomías ou carbonato cálcico. Non se poderán empregar herbicidas.

7.4. Na praza da canteira procederase á sementeira dunha pradeira a base de gramíneas e leguminosas segundo o exposto no plan de restauración (febreiro de 1998).

A superficie ocupada pola planta de machucado e polas instalacións auxiliares restaurarase como terreo de labor agrícola, de acordo co exposto no plan de restauración anteriormente citado.

Na área destinada ó almacenamento da terra vexetal (0,5240 ha), unha vez retirada esta, procederase á súa revexetación con especies arbustivas cunha densidade de plantación de 4 Ud./ha, de acordo co plan de restauración de febreiro de 1998. O custo e a medición deste labor de revexetación deberá incluírse no orzamento de restauración.

Unha vez descabezados os bancos ata acadar noiros cunha pendente final máxima de 1/1 (H/V) e de compacta-la terra vexetal extendida (30 cm), procederase á hidrosementeira (tal e como consta no proxecto) e á plantación de Pinus pinaster con marco 3x3 m, en liña e dous zumes de idade como mínimo. O custo e a medición destes labores deberán vir reflectidos no orzamento de restauración correspondente. Estes dous labores realizaranse no mesmo ano para evitar posibles fenómenos erosivos.

7.5. Os labores de revexetación realizaranse en outono ou primavera, fóra do período vexetativo, en función dos ecotipos seleccionados, procedéndose á rega regular e a fertilización de reforzo anual con fertilizante mineral.

No caso de que as marras superen o 10% ós tres anos de se ter realizado a plantación, o promotor procederá á súa reposición.

7.6. Ó finaliza-la explotación, tal e como consta no plan de restauración (presentado en febreiro de 1998), desmantelaranse tódalas instalacións (balsas de decantación, canle perimetral e planta de machucado e clasificación...), manténdose exclusivamente a nave, a vivenda contigua e o edificio que contén as oficinas e os servicios de persoal que se rehabilitarán para uso agrícola e para o que deberán contar coas autorizacións precisas.

7.7. Así mesmo procederase ó peche e recuperación das pistas de acceso e mais das súas gabias, deixando o medio nas condicións precisas para o uso previsto para o terreo e conservando as servidumes propias ou redefinidas. Os custos destes labores virán reflectidos no orzamento de restauración.

7.8. Os lodos procedentes da limpeza das balsas de decantación, empregaranse na súa totalidade na restauración.

8. Patrimonio histórico.

No contorno inmediato á explotación, localízanse tres cavidades kársticas (Cova do Furco 1 ou Cova dos Cousos, Cova do Furco 2 ou Cova dos Penedos e Cova do Furco 3), que se localizan a uns 100-200 m

da fronte norte da explotación descrita no proxecto sometido a información pública. Na emenda de documentación presentada en novembro de 1998, sinálase o perímetro final da explotación, quedando excluído da citada fronte (cunha superficie de 0,524 ha).

Por outra banda o estudio de vibracións producidas polas voaduras presentado proba que os niveis de vibracións obtidos son seguros para as covas e as vivendas limítrofes.

En calquera caso e de cara a evitar posibles afeccións por parte da explotación sobre estas cavidades, establécense as seguintes cautelas arqueolóxicas:

1. Non se poderán realizar movementos de terras ou calquera tipo de obra (voaduras, explanacións, zona de amoreamentos, deposición de estériles, etc.) na área de protección das covas de Furco (fóra do ámbito da declaración).

2. As voaduras terán que ser controladas mediante sismógrafo de xeito que non afecten a integridade das covas e os valores rexistrados de velocidade pico de partícula recolleranse e estarán á disposición da administración.

9. Vixilancia ambiental.

O promotor remitirá, a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, e xuntamente co plan de labores anual no mes de xaneiro de cada ano:

-Informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se describa o estado da explotación así como dos traballos de restauración levados a cabo segundo a planificación proxectada, indicando as variacións producidas con respecto a esta, xunto coa previsión dos labores de restauración no caso do derradeiro ano da explotación.

-Mapa de ruídos, coa actividade en pleno funcionamento, e resultados do control de voaduras que se levará a cabo de acordo co estudio de vibracións presentado (incluíndo as Covas de Furco e as vivendas máis próximas dos núcleos habitados próximos).

-Resultados das medicións dos niveis de inmisión de partículas sedimentables de acordo co establecido no punto 1.1 da declaración.

10. Documentación adicional.

10.1. Previamente ó inicio da actividade mineira presentarase, a través do órgano substantivo, unha copia da autorización de captación e vertido emitida polo organismo de cunca.

10.2. Nun prazo máximo dun (1) mes de ser notificada a presente DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor presentará diante do órgano substantivo que á súa vez o remitirá a esta dirección xeral para a valoración e, se procede, a imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven da presente DIA, a seguinte documentación:

-Proxecto do sistema de drenaxe e decantación que se empregarán na zona de ampliación incluíndose a localización do punto de vertido destes.

-Modificación do orzamento de restauración, incluíndo as medicións e valoración, segundo prezos actuais de mercado, de tódalas unidades de obra. Así mesmo incluirase a valoración das medidas correctoras e protectoras ambientais que se deriven da aplicación da presente DIA (en particular no referente ós prestamos de terra vexetal, pantallas vexetais e peche e recuperación das pistas de acceso).

A avaliación da documentación solicitada nos puntos anteriores será obxecto dunha resolución que será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

11. Condicións adicionais.

11.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o órgano substantivo comunicaralle ó órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

11.2. A proposta do aval que deberá fixa-lo órgano substantivo, para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será de 8.000.000 de ptas./ha alterada, que para a superficie de actuación considerada (12,81 ha) ascende á cantidade de cento dous millóns catrocentas oitenta mil (102.480.000) pesetas.

O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento do plan de restauración, de acordo co indicado no punto 10.2 da DIA.

11.3. O promotor comunicaralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

11.4. As condicións indicadas nesta DIA, son de obrigado cumprimento para o promotor, nembargantes, a empresa promotora poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes, desde que lle sexa notificada a presente DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

11.5. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

11.6. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos, poderán ser causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.7. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións expostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.8. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

11.9. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1999.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO

O proxecto consiste na ampliación da explotación da canteira de caliza magnesiana para áridos, sita no lugar denominado Furco, parroquia de Furco, no municipio de Becerreá (Lugo).

A superficie total que se ocupará pola ampliación da explotación é de 12,81 ha e a súa duración estímase nuns 25 anos, cunha producción media anual duns 166.000 m.

O método de explotación será por banqueo descendente cun número de dous bancos de 14-16 m de altura e bermas de 8 m de largo. Para o arranque da rocha do recurso mineiro explotado, empréganse explosivos con aplicación da técnica das grandes voaduras, debidamente autorizadas. A rocha arrincada, fragmentada en tamaños axeitados, cárgase e transpórtase ata a planta de tratamento instalada dentro da superficie da explotación, na que a rocha se somete a un proceso de trituración e clasificación por tamaños comerciais, coa denominación de áridos (macadam, grava graúda, gravas, grava miúda, areas e saburras).

Os estériles que permanecerán na explotación son os que polas súas características sexan aptos para a súa utilización na restauración do oco resultante.

Medidas correctoras e protectoras.

As alteracións de carácter permanente son as relacionadas, fundamentalmente coas modificacións fisiográficas, e afectan os elementos: solo, vexetación, morfoloxía e paisaxe.

Para minorar no posible estas alteracións, proxéctanse dous tipos de medidas correctoras:

1. Medidas de control e prevención de impactos: integración paisaxística e medidas preventivas (po, ruído, contaminación do solo e hídrica).

2. Medidas de corrección e compensación de impactos: restauración dos terreos afectados (retirada, amoreamento e mantemento da terra vexetal, recollida e conservación das sementes das plantas existentes na zona de actuación para utilizalas posteriormente na revexetación, plantación inmediata de pantallas visuais e cortaventos, recuperación de tódolos terreos afectados mediante revexetación, desmantelamento e demolición das obras e estructuras cando finalice a explotación e cerramento e sinalización da propiedade na superficie de actuación.

ANEXO II

RESULTADO DAS CONSULTAS REALIZADAS

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

* A Dirección Xeral de Industria examinada a documentación presentada emite informe favorable do referido estudio recolléndose o seguinte condicionado:

-Ámbito territorial.

-Calidade do aire: evitarase o encalco de barrenos con detritus de perforación e regaranse regularmente as pistas e superficies nas que se desenvolva á actividade mineira. A composición dos gases dos motores de combustión interna deberán axustarse ós valores regulamentados. A velocidade da maquinaria móbil non excederá os 15 km/h.

-Vías e pistas: aplicarase o disposto na ITC 07.1.03.

-Flora: respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación, que sirva como pantalla visual ou acústica en calquera das zonas que se van explotar.

-Residuos: queda prohibido o vertido de calquera tipo de residuo. Prestarase especial coidado nas operacións de cambio de aceite da maquinaria e outras que, pola súa natureza, poidan orixinar contaminación do solo. Os aceites usados deberán entregarse a xestor autorizado.

* A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sobre o proxecto de referencia. Non obstante e debido a que nas proximidades da canteira existen varios núcleos de poboación que poden verse afectados polo ruído desta, deberán realizarse controis periódicos deste parámetro co obxecto de que non se excedan os valores límites recoñecidos polas lexislacións vixentes (65 dB (A) durante o día e 55 dB (A) pola noite).

* A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á vista dos documentos memoria sobre a prospección arqueolóxica intensiva de Furco (Becerreá) e do

informe dos servicios técnicos de Arqueoloxía, no ámbito das súas competencias informa que:

-A prospección arqueolóxica non documentou a existencia de xacigos arqueolóxicos en superficie, no ámbito da explotación Furco.

-No contorno inmediato á explotación, a prospección arqueolóxica localizou tres cavidades kársticas, entre elas a Cova do Furco 1, Cova do Furco 2 e Cova do Furco 3.

-A intervención arqueolóxica permitiu establecer que as dúas primeiras cavidades formarían parte dunha única cova separadas na actualidade por derrubas e unha forte sedimentación.

-Na actualidade as covas localízanse a uns 100/120 m da fronte norte da canteira.

Por todo isto e de cara a evitar posibles afeccións por parte da explotación sobre as ditas cavidades kársticas, establécense as seguintes cautelas arqueolóxicas:

1. Non se poderán realizar movementos de terras ou calquera tipo de obra na área de protección das covas de Furco.

2. As voaduras terán que ser controladas de xeito que non afecten a integridade das covas.

* A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural fai unha serie de consideracións que deberán terse en conta e emendarase para poder executa-lo proxecto:

-A relación de especies confeccionada non ofrece ningunha garantía.

-Non se cita a existencia dun afluente do río Neira que reciba augas de escorrentía da canteira polo que será necesario calcula-lo volume das escorrentías procedentes da zona de explotación para así poder determinar se o dimensionamento da canle perimetral e das balsas de decantación é o axeitado.

-Deberá indicarse a localización dos amoreamentos dos lodos e da terra vexetal.

-Para a revexetación con especies autóctonas preténdese emprega-lo Pinus insignis e Betula celtiberica, aínda que a primeira delas non é a máis axeitada por ser unha especie introducida polo que deberá substituírse por outra propia da paisaxe galega.

* A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo indique que a localización do proxecto nun solo non urbanizable de protección do patrimonio, fai necesario un informe, que será vinculante, da Comisión Provincial do Patrimonio. Ademais, por situarse nun solo non urbanizable deberá someterse á autorización do órgano urbanístico competente da Administración autonómica.