Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2000 Páx. 1.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VALEDOR DO POBO

RESOLUCION do 28 de xaneiro de 2000 pola que se convocan dúas bolsas de estudios para a realización de traballos en materia de dereitos humanos, liberdades públicas e dereitos fundamentais.

A Lei 6/1984, modificada parcialmente pola Lei 3/1994, regula a figura do Valedor do Pobo e autoriza na súa disposición adicional, en concordancia co artigo 10.1º, o titular da institución a dicta-las normas regulamentarias precisas de funcionamento e réxime interior. Ó abeiro disto, a Comisión de Peticións do Parlamento con data 26 de maio de 1997, aprobou o Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, establecendo no número 4º do artigo 21 a posibilidade de concesión de bolsas de estudios para a realización daquelas actividades que se xulgen de interese.

De conformidade co anterior, convócanse dúas bolsas de estudios para a realización de traballos de investigación en materia de dereitos fundamentais e liberdades públicas, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse dúas bolsas de estudios para a realización de traballos sobre a defensa dos dereitos

humanos e as liberdades públicas. Os traballos que se realicen servirán de soporte documental para os cometidos que desenvolve a Institución do Valedor do Pobo.

Segunda.-Duración e dotación económica.

A duración das bolsas será dun ano contado desde a data de formalización da súa concesión ós candidatos que resulten seleccionados. Poderá ser prorrogada, en función do aproveitamento dos adxudicatarios, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica de cada bolsa será de 900.000 ptas. polo total do período fraccionándose o seu pagamento en doce mensualidades; comprenderá un seguro de accidentes corporais e de asistencia médica, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 482, axudas, bolsas e doazóns, dos vixentes orzamentos do Valedor do Pobo.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro/a non xerará unha relación laboral ou administrativa coa institución do Valedor do Pobo nin dará lugar a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Condicións xerais das bolsas de estudios.

A percepción do importe da bolsa de estudios será incompatible con calquera outra bolsa de investigación ou bolsa de estudios de natureza pública ou privada que perciba ou puidera percibir no seu momento o bolseiro/a beneficiario dela.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación das bases que rexen esta convocatoria.

Quinta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar á bolsa as persoas que obtiveran a licenciatura en dereito con posterioridade o ano 1994.

Non poderán optar ás bolsas aqueles licenciados en dereito que tiveran a condición de funcionarios públicos docentes, o persoal contratado nas súas diversas modalidades con funcións docentes e demais persoal ó servicio das administracións públicas territoriais e institucionais.

Sexta.-Solicitudes.

As solicitudes destas bolsas realizarase mediante escrito dirixido ó Valedor do Pobo, e dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria xunto coa seguinte documentación:

1. Solicitude de admisión para participar nesta convocatoria.

2. Fotocopia do DNI.

3. Currículo ( máximo dous folios) cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

4. Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas e fotocopia do título de licenciatura correspondente ou, no seu defecto xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

5. Memoria descritiva do estudio obxecto desta convocatoria (máximo 5 folios).

A presentación das solicitudes e da documentación citada farase no rexistro xeral do Valedor do Pobo (rúa do Horreo, 65. 15700-Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Sétima.-Criterios de selección.

Na fase de selección realizarase a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos, valorándose especialmente as cualificacións obtidas en dereito constitucional, administrativo e filosofía do dereito así como as disciplinas afíns ó estudio obxecto das bolsas.

b) Currículo: ata tres puntos, valorándose especialmente aqueles méritos alegados relacionados coas materias obxecto desta convocatoria.

c) Memoria descritiva: ata dous puntos.

d) Coñecementos de lingua galega: ata un punto.

Finalmente farase pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Outorgamento das bolsas.

As bolsas serán adxudicadas polo Valedor do Pobo por proposta dunha comisión de selección integrada polo vicevaledor primeiro, que actuará de presidente, o vicevaledor segundo e o asesor-secretario xeral da institución, actuando como secretaria a xefa do Servicio de Administración e Persoal.

A resolución do Valedor do Pobo pola que se adxudicarán as bolsas, publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución poñerá fin a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Se transcorridos dez días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, o bolseiro/a non formalizase a adscrición, consideraráselle desistido/a da súa solicitude, logo de resolución, e procederase a cubri-las vacantes co/a suplente/s nomeado/as.

Novena.-Réxime de colaboración.

Os bolseiros/as deberán cumpri-las seguintes normas:

-Realiza-las tarefas que sobre o traballo que vai desenvolver se lle encomenden por parte do Valedor do Pobo.

-Desenvolve-lo traballo baixo as indicacións do responsable supervisor que para tal efecto será designado pola institución.

-Realiza-los cometidos na sede da institución de acordo coas normas horarias que lle indique o responsable supervisor.

-Cumprir co deber de confidencialidade referente ós datos persoais que se conteñan na información da que poida facer uso na institución.

-Presentar á data de finalización da bolsa de estudios un informe que recolla o traballo realizado, con especial referencia ás propostas, recomendacións e suxestións que se deberían levar a práctica nas materias obxecto da bolsa, con motivo do tratamento das queixas por parte da institución do Valedor do Pobo.

Poderase revoca-la a concesión das bolsas en calquera momento se a xuízo do titular da institución non se desenvolvesen debidamente as tarefas encomendadas obxecto dos estudios que se van realizar. Polo demais, en caso de renuncia á bolsa concedida o bolseiro/a presentará a correspondente solicitude fundamentada.

No caso de publicación por parte dos bolseiros dos traballos realizados, farase constar que aqueles foron desenvolvidos por medio dunha bolsa concedida pola institución do Valedor do Pobo.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2000.

José Cora Rodríguez

Valedor do Pobo