Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 07 de febreiro de 2000 Páx. 1.576

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2000 pola que se convoca unha Xornada de estudio sobre colexios profesionais e xornalistas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase unha Xornada de estudio sobre colexios profesionais e xornalistas, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A aprobación da Lei 2/1999, do 24 de febreiro, de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia constitúe unha novidade de grande interese para este colectivo. Co único antecedente no noso país da Comunidade Autónoma de Cataluña, Galicia é pioneira na regulación da colexiación profesional neste eido. Esta radical novidade contribúe a suscitar unha serie de importantes interrogantes verbo da nova lei. Perséguese con esta xornada pór sobre a mesa algunhas, alomenos, desas interrogantes, entre as cales cómpre salienta-la propia eficacia da colexiación profesional como método de defensa dos dereitos dos traballadores e dos funcionarios dos medios de comunicación social. Preténdese que esta xornada se converta nun foro no que membros de gabinetes de comunicación social e de medios informativos da Administración pública galega, xornalistas e interesados nesta temática contrasten as súas ideas sobre este particular.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, en materia de colexios profesionais.

-Profesións tituladas e colexios profesionais.

-A Lei catalá do Colexio Profesional de Xornalistas.

-A Lei galega do Colexio Profesional de Xornalistas.

3. Destinatarios.

Preferentemente, membros de gabinetes de comunicación social e medios informativos da Xunta de Galicia e da Administración local galega e xornalistas, e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela) o día 17 de febreiro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 16 de febreiro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4-15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas libres, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, o día 16 de febreiro, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública