Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 02 de febreiro de 2000 Páx. 1.340

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 18/2000, do 20 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

Publicado o Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia (DOG nº 118, do martes, 19 de xuño), e á vista da experiencia obtida durante os anos transcorridos desde a entrada en vigor do antedito decreto, parece aconsellable a súa modificación co fin de adecualo ás necesidades que a práctica vén suscitando. Deste xeito, engádese como membro fixo da Comisión Permanente de Publicacións, regulada no artigo 5º, o xefe do Servicio de Traducción, o que, sen dúbida, redundará nunha mellor coordinación e harmonización no cumprimento da lexislación vixente en materia de normalización lingüística.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 5º do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, que queda redactado da forma seguinte:

«Serán membros fixos da Comisión Permanente de Publicacións o secretario xeral da Presidencia, que a presidirá, o secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que será o seu vicepresidente; o subdirector xeral de Promoción Cultural e do Libro e Bibliotecas, da Consellería de Cultura, Comucicación Social e Turismo; o xefe do Servicio de Tradución e o xefe do Servicio do Diario Oficial de Galicia, ámbolos dous da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o último dos cales actuará como secretario. Formarán parte desta Comisión Permanente de Publicacións, como membros variables, un funcionario de cada consellería, con nivel mínimo de xefe de servicio, que será convocado nos casos que se especifican máis adiante».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para o desenvolvemento do presente anuncio.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública