Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2000 Páx. 1.179

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala de facultativos de arquivos e bibliotecas desta universidade polo sistema de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta ós grupos A e B das escalas de funcionarios da Universidade de Santiago de Compostela, ocupadas por funcionarios pertencentes á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, co fin de facilita-la promoción do persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e de conformidade cos acordos adoptados coa xunta de persoal funcionario, e en cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, (DOG do 29 de decembro) e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios.

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei orgánica de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para o ingreso na escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 4 prazas da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema de promoción interna, polo procedemento de concurso-oposición.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da que procedan os aspirantes.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Composela e Lugo.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo; os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. O proceso de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectiva, os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou te-la condición de nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

d) Pertencer, o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, estar destinado na Universidade de Santiago de Compostela e posuír unha antigüidade de, polo menos, 2 anos na devandita escala. Non poderán participar neste proceso selectivo funcionarios/as que accederon á devandita escala pola sección de arquivos.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos puntos anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario/a de carreira do grupo A.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada do DNI.

A xerencia expedirá, de oficio, certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes,

o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo na referida data e os cursos de formación recibidos ou impartidos que figuren no expediente persoal. A citada certificación engadirase á solicitude presentada polo/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, situado no Colexio de San Xerome, (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela); no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio da Biblioteca Intercentros de Lugo (Avda. de Bernardino Pardo Ouro s/n, Polígono de Fingoi, Lugo); ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta «Oposicións» número 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalidez poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos, o número de DNI, así como as causas de exclusión e o prazo para reparalas. Para emenda-lo defecto que teña motivado a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da citada resolución. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura

na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as Administracións Públicas, pola que se modifican as contías das indemnizacións establecidas (BOE do 26 de marzo) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran algunhas das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituí-los que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións, para a realización dos exercicios, ó resto dos/as participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten, na forma prevista na base 3.5, as adaptacións posibles en tempo e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra G, de conformidade co establecido na Resolución do 23 de febreiro de 1999 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de realización do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a seu inicio.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas, para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante poderá interpoñerse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a notificación de súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de realización dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que superasen cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá conter un número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova nº 6, de Santiago de Compostela) a documentación necesaria, para proceder ó nomeamento como funcionario da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as aspirantes que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as

de carreira, mediante resolución do rector da universidade que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, este exclúese do sistema de adxudicación de destino pola orde obtida no proceso selectivo. Ós/as aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselle-lo mesmo posto que veñan desempeñando como titulares, e terá carácter definitivo se o posto de traballo se atopa adscrito na vixente relación de postos á escala á que aspiran, e carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación de postos de traballo nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos, o citado posto estea adscrito á escala á que acceden.

Aqueles funcionarios que, en virtude do disposto no parágrafo anterior, accedan a unha escala superior con carácter provisional e mentres permanezan nesa situación, percibirán o complemento de destino correspondente ó posto base da escala á que accedan, salvo que o posto que desempeñen teña asignado un nivel superior. O complemento específico será o correspondente ó posto de traballo realmente desempeñado segundo a relación de postos de traballo.

9.3. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1º a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Non obstante, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o dictou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1999.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE FACULTATIVOS DE ARQUIVOS E BIBLIOTECAS

EXERCICIOS E VALORACIÓN

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: constará de dúas partes:

Primeira parte: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas, elixidos entre catro sacados ó chou, dos correspondentes á segunda parte do programa Administración e bibliotecas.

Os/as aspirantes disporán dun tempo máximo de 4 horas.

A valoración desta primeira parte será de 0 a 20 puntos.

Segunda parte: consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema para elixir entre dous sacados ó chou, correspondentes á primeira parte do programa Administración.

Os/as aspirantes disporán dun tempo máximo de 2 horas.

A valoración desta segunda parte será de 0 a 5 puntos.

Os temas das dúas partes leranse perante o tribunal en sesión pública.

Cada unha das partes nas que se divide o exercicio terá lugar en días diferentes.

Para aprobar será necesario acadar un mínimo de 12,5 puntos no conxunto.

Segundo exercicio: consistirá nunha entrevista co tribunal sobre unha memoria de planificación dunha biblioteca universitaria, na sua totalidade, sección, área ou servicio desta. A extensión da memoria será dun mínimo de 20 páxinas DIN A4 a dobre espacio, e un máximo de 40 páxinas DIN A4. A memoria será entregada ó tribunal no momento da presentación do/a aspirante ás probas do primeiro exercicio.

A valoración deste exercicio será de 0 a 20 puntos, sendo necesario para aprobar acadar un mínimo de 10 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na resolución de dous supostos prácticos relacionados cos seguintes temas:

a) Organización bibliotecaria.

b) Orientación bibliográfica.

Os/as aspirantes poderán utiliza-los libros, textos ou outros materiais que estimen necesarios, achegados por eles mesmos ou os existentes na biblioteca que, oportunamente, determine o tribunal para a realización deste exercicio.

A duración deste exercicio será de seis horas.

Valorarase de 0 a 20 puntos. Para aprobar será necesario obter 10 puntos, quedando eliminados/as quen teña unha puntuación inferior a 2 puntos en cada suposto.

Cuarto exercicio: consistirá na traducción para o galego dun texto dunha lingua comunitaria que non sexa castelán, permitíndose o uso do diccionario. Os/as aspirantes deberán facer constar no punto correspondente da solicitude o idioma elixido.

A duración deste exercicio será de dúas horas.

Non será eliminatorio e a súa valoración será de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 12,5 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida, referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes, da seguinte forma:

Por cada ano completo de servicios: 0,625 puntos.

Por cada mes completo de servicios que reste: 0,052 puntos.

2.2. Nivel de complemento de destino: máximo 12,5 puntos. Polo nivel de complemento de destino correspondente ó posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo na data de remate de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte puntuación:

NivelPuntos

2812,5

2610,5

25 9,5

24 8,5

22 6,5

20 4,5

No suposto de non ter posto definitivo puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao consolidado, atenderase ó mínimo da escala á que pertenza o/a funcionario/a.

Os negociados que figuren co mesmo nivel cós postos base, pero son singularizados, puntuarán 2 puntos a maiores.

2.3. Cursos de formación: máximo 5 puntos, que se puntuarán da seguinte forma:

-Cursos de formación recibidos:

-Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora.

-Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora.

-Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

-Curso de perfeccionamento da lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

-Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo virá determinada pola suma da fase de oposición, máis os méritos da fase de concurso, sempre que os/as aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

En caso de empate, daráselle preferencia o/a aspirante que acadara maior puntuación no segundo exercicio.

ANEXO II

PROGRAMA

Administración.

1. Situación actual do ensino universitario en España. O sistema universitario de Galicia.

2. Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

3. Regulamento da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela (BUSC).

4. A organización bibliotecaria española na actualidade. Lei de bibliotecas de Galicia.

5. Os dereitos de autor. Os convenios internacionais e a lexislación española. Problemas que presentan os novos soportes da información.

6. A lexislación sobre o patrimonio bibliográfico en España.

7. O orzamento da USC: características e estructura. As normas de execución do orzamento. Os créditos e as súas modificacións.

8. A contratación administrativa na USC.

9. A investigación científica e técnica. Políticas europea, estatal e galega de I+D.

Administración e bibliotecas.

1. A biblioteca universitaria e a súa organización: estructura e funcións.

2. As bibliotecas universitarias nos países anglosaxóns.

3. As bibliotecas universitarias en Francia e Alemaña.

4. As bibliotecas universitarias nos países nórdicos e Holanda.

5. Situación actual das bibliotecas universitarias en España.

6. A biblioteca universitaria de Santiago de Compostela.

7. Planificación estratéxica, dirección por obxectivos e xestión de calidade nunha biblioteca universitaria.

8. Planificación, organización espacial e equipamento de bibliotecas universitarias.

9. Xestión de recursos humanos nas bibliotecas universitarias. Estructuras organizativas.

10. Xestión de recursos financeiros nas bibliotecas universitarias. A elaboración orzamentaria.

11. A xestión das coleccións nas bibliotecas universitarias.

12. Desenvolvemento da colección nunha biblioteca universitaria: a selección de fondos.

13. A xestión das adquisicións nunha biblioteca universitaria.

14. Xestión dos fondos nas bibliotecas universitarias. O expurgo.

15. A avaliación das coleccións nunha biblioteca universitaria.

16. Planificación e avaliación dos procesos técnicos nunha biblioteca universitaria. Manuais de procedemento.

17. A base de datos bibliográfica nunha biblioteca universitaria. A xestión de autoridades.

18. As regras de catalogación e os formatos MARC: criterios de aplicación e problemas nun contorno automatizado.

19. As linguaxes documentais nun contorno automatizado.

20. Elaboración e mantemento de catálogos colectivos.

21. Necesidades de información na universidade. O papel da biblioteca universitaria no actual contorno tecnolóxico.

22. A industria da información.

23. Internet. A súa aplicación en bibliotecas universitarias.

24. Planificación e avaliación de servicios nas bibliotecas universitarias. Manuais de procedemento.

25. A recuperación da información. Seccións bibliográficas e de referencia nunha biblioteca universitaria.

26. Formación de usuarios nas bibliotecas universitarias.

27. A dispoñibilidade universal de publicacións: sistemas de acceso ó documento orixinal.

28. A cooperación nas bibliotecas universitarias.

29. Organizacións internacionais ó servicio das bibliotecas e centros de documentación. Programas internacionais.

ANEXO III

TRIBUNAL CUALIFICADOR

Titulares.

Presidente: Pedro Ortego Gil, catedrático do departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Pilar González Nóvoa, funcionaria de carreira da escala de facultativos de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela.

Isabel Álvarez García, funcionaria de carreira da escala de facultativos de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela.

Marta Abad López, funcionaria de carreira da escala de facultativos de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela.

Laura González-Garcés Santiso, funcionaria do corpo de facultativos de arquivos e bibliotecas do Estado. Directora da Biblioteca Municipal Miguel González-Garcés da Coruña. En representación da xunta de persoal.

Mª José Gutiérrez Calvete, funcionaria de carreira da escala de axudante de arquivos, bibliotecas e museos (sección bibliotecas). Directora da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. En representación da xunta de persoal.

Secretaria: Mª de los Ángeles Valdés Blanco, funcionaria de carreira da escala de axudante de arquivos, bibliotecas e museos (sección bibliotecas), da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente.

Presidente: Hermelindo Portela Silva, catedrático do departamento de Historia Medieval e Moderna da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Mª Virtudes Pardo Gómez, funcionaria de carreira do corpo de facultativos de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos.

José Francisco Méndez García, funcionario de carreira da escala de facultativos de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela.

Celia Couce Cachaza, funcionaria de carreira da escala de facultativos de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela.

Mª del Mar Lauroba Sánchez, funcionaria de carreira do corpo de facultativos de arquivos e bibliotecas do Estado. Biblioteca Municipal Miguel González-Garcés da Coruña. En representación da xunta de persoal.

María Nava García Rozas, funcionaria de carreira do corpo de axudante de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela. En representación da xunta de persoal.

Secretaria: Rosa María Bassave Roibal, funcionaria de carreira da escala de axudante de arquivos, biblioteca e museos (sección biblioteca), da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as públicos para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.