Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2000 Páx. 1.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de xaneiro de 2000 pola que se aproba a modificación do artigo 32 dos estatutos da Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales.

Resultando que a Consellería da Presidencia e Administración Pública pola súa Orde do 27 de maio de 1997 (DOG da mesma data) clasificou coma benéfico-docente á Fundación Forum Galicia de Estudios

Sociales e adscribiuna á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Foi declarada de interese galego por Orde do 1 de xullo de 1997 (DOG do 11 de agosto), inscribíndose no Rexistro de Fundacións deste protectorado co número 182.

Resultando que a fundación de referencia ten solicitado perante este protectorado a modificación do artigo 32 dos seus estatutos, segundo consta na certificación da súa aprobación polo padroado do 2 de xullo de 1998 e nas escrituras públicas de emenda do notario Manuel Julio Reigada Montoto, do 30 de xullo de 1998 (protocolo nº 2734/98), e na posterior ratificación outorgada perante o notario de Madrid, Sebastián Barril Roche, do 23 de novembro de 1999 (protocolo nº 2450).

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32.3º e 38 de dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la modificación do artigo 32 dos estatutos da Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales, que queda redactado: «Liquidación e adxudicación do patrimonio.-No caso de extinción da fundación o patrimonio aplicarase á realización de fins de interese xeral análogos ós realizados por ela».

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria