Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2000 Páx. 739

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cepillos Mariño, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Cepillos Mariño, S.L., con código 3602482,

que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-11-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, en data 20-10-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de decembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Cepillos Mariño, S.L.

Artigo 1º.-Convenio propio.

Este convenio afectará a empresa Cepillos Mariño, S.L., de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O convenio vincula a empresa Cepillos Mariño, S.L., dedicada á fabricación de brochas, pinceis, cepillos e similares.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro da industria afectada.

Artigo 4º.-Efectos económicos.

Independentemente da entrada en vigor deste convenio, os efectos económicos comezarán a rexer a partir do día 1 de xaneiro de 1999.

Artigo 5º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor ós oito días da súa sinatura e a súa duración será ata o 31 de decembro de 1999, prorrogándose anualmente, sempre que non exista denuncia por ningunha das partes con 3 meses de antelación.

Artigo 6º.-Rescisión e revisión.

O convenio poderá rescindirse mediante aviso previo formulado en tempo e forma cunha antelación dun mes á data de remate da súa vixencia.

Artigo 7º.-Absorción.

Os aumentos concedidos por este convenio absorberán os que, por imperativo legal, se impuxeran posteriormente, durante a súa vixencia.

Artigo 8º.-Salarios.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá desde o 1 de xaneiro de 1999 as retribucións consignadas na táboa anexa.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

En caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1999 un incremento superior ó 6% con respecto ó 31 de decembro de 1998, efectuarase unha revisión salarial en tódolos conceptos económicos do convenio axiña que se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso da indicada cifra. Tal incremento aboarase a partir do mes en que se produza o dito incremento.

Artigo 10º.-Pagamento de nóminas.

O pago de nóminas realizarase de forma mensual; non obstante, o persoal poderá solicitar, coa debida antelación, anticipos á conta de haberes devengados.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A partir do 1 de xuño de 1997 non se devengarán por este concepto novos dereitos, quedando polo tanto suprimida a antigüidade.

Os traballadores que teñan adquiridos dereitos por este concepto percibiranos no mesmo importe que teñan recoñecido o 1 de xuño de 1997. Esta contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada e non será absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición da antigüidade, os traballadores que teñan adquiridos dereitos na data do 1 de xuño de 1997, percibirán en compensación 1.600 pesetas mensuais, cantidade que se cobrará ata o mes de marzo do ano 2002, e que será aboada mensualmente. Transcorrido este período desaparecerá a citada contía e a antigüidade quedará cos valores que tivese cada traballador na data do 1 de xuño de 1997, quedando así fixada no sucesivo, sen sufrir ningún incremento. O valor do quinquenio anual será o seguinte:

Xefe administrativo 67.364

Oficial 1ª 66.195

Oficial 2ª 65.961

Auxiliar 55.914

Almaceneiro 58.909

Garda, vixilante ou ordenanza 58.718

Encargado xeral 64.110

Encargado de sección 63.990

Oficial de 1ª 66.195

Oficial de 2ª 65.961

Conductor 66.195

Axudante 55.914

Mecánico 66.195

Viaxante 61.677

Limpadora (media xornada) 28.451

Limpadora (xornada completa) 55.777

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto os traballadores afectados por este convenio percibirán, incluída a antigüidade quen a tivese, 30 días de salario na paga extraordinaria do 24 de xullo e 30 días en Nadal.

Tamén percibirán unha paga extraordinaria de 24 días, que será aboada na data do día inmediatamente anterior á festa do patrón, que se celebra o 19 de marzo de cada ano.

Artigo 13º.-Vacacións.

O período de vacacións para todo o persoal afectado consistirá en 22 días laborables.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán ós seus traballadores as dúas pezas de roupa de traballo que determina a ordenanza laboral respectiva.

O incumprimento desta obriga dará lugar ó aboamento de 3.255 ptas. en compensación de cada peza de roupa non entregada.

Artigo 15º.-Complemento de gastos de locomoción.

Establécese para todo o persoal da empresa afectada por este convenio, un complemento de locomoción ou distancia equivalente a 7.100 ptas. mensuais. Esta cantidade aboarase os 12 meses do ano.

Artigo 16º.-Complemento de traballos tóxicos.

Haberá que aterse ó establecido na lexislación vixente.

Artigo 17º.-Seguro de accidentes.

A partir do 1 de xaneiro de 1999 as empresas afectadas por este convenio teñen a obriga de facer un seguro por accidente de traballo que cubrirá un capital de 1.500.000 pesetas en caso de morte e 2.500.000 pesetas en caso de invalidez permanente, absoluta ou gran invalidez, sempre que se produza o accidente durante as horas de traballo.

Artigo 18º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de 1.800 horas efectivas de traballo ó ano.

Para efectos da distribución e cálculo da xornada anual anterior consideraranse como días non laborables o 24 e o 31 de decembro de 1999.

Artigo 19º.-Condicións máis beneficiosas.

Tendo este convenio a consideración de bases mínimas, serán respectadas as condicións máis beneficiosas que a empresa aceptase por el e tivera xa concedida ós seus respectivos productores.

Artigo 20º.-Revisión médica.

A empresa solicitará da mutua de accidentes ou da entidade que corresponda, unha revisión médica

anual para tódolos traballadores do seu cadro de persoal, que dispoñerán do tempo necesario para a realización dela.

Artigo 21º.-Contratacións.

Cando se celebren contratos, ó abeiro do artigo 15 do Estatuto dos traballadores, estes poderán ter unha duración máxima de 10 meses, continuos ou descontinuos, dentro de cada ano natural. Esta cláusula será de aplicación ós contratos que estean en vigor na data da sinatura do convenio.

Os contratos que se concerten por unha duración inferior á máxima establecida, poderán prorrogarse, por acordo entre as partes, ata o dito límite máximo de duración.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores créase unha comisión paritaria do convenio que terá as funcións e fins regulados pola normativa vixente, a cal estará presidida polo presidente da comisión deliberadora dos traballadores por unha parte e do empresario por outra; a designación recaerá sobre as mesmas persoas e en igual número de vocais titulares que foron nomeados para a negociación deste convenio.

Artigo 23º.-Partes asinantes.

As partes asinantes deste convenio son a empresa e a central sindical CC.OO.

Vilagarcía de Arousa, 21 de outubro de 1999.

Táboa de salarios de cepillos, brochas e pinceis para 1999

CategoríasTáboa actual

Persoal administrativo

Xefe 97.019

Oficial de 1ª 92.976

Oficial de 2ª 90.205

Auxiliar 81.307

Persoal subalterno

Almaceneiro 85.260

Garda, vixilante ou ordenanza 84.994

Persoal producción

Encargado xeral 93.004

Encargado de sección 92.326

Oficial de 1ª 90.469

Oficial de 2ª 90.211

Conductor 90.468

Axudante 81.307

Mecánico 90.464

Viaxante 89.144

Limpadora (media xornada) 41.234

Limpadora (xornada completa) 79.236

Aprendices

Aprendiz de 1º ano 48.489

Aprendiz de 2º ano 55.416

Os aprendices contratados mediante un contrato de aprendizaxe ou formación, percibirán o seu salario de acordo co salario mínimo interprofesional vixente en cada momento, aplicándose a este o 70% ou o 80% durante, respectivamente, o primeiro ou segundo ano de vixencia do contrato.

Non obstante o anterior, a retribución dos aprendices menores de dezaoito anos non poderá ser inferior ó 85% do salario mínimo interprofesional correspondente á súa idade.