Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de decembro de 1999 pola que se anuncian cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega para adultos e colectivos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelles ós cidadáns o dereito de coñecelo e de usalo. Mais non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar, ou iniciar, segundo o caso, o coñecemento e o dominio dos distintos rexistros da lingua propia de Galicia.

Entre as competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recollidas no Decreto 213/1998, figura a promoción e o ensino da lingua galega, competencia que exerce, entre outros medios, a través da organización de cursos do idioma propio de Galicia. A estructura e o contido destes cursos reguláraos xa a propia consellería mediante unha Orde do 1 de marzo de 1989.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega, que se realizarán nas

localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. O gasto ocasionado pola celebración destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 do orzamento xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, por unha contía máxima de 125.000.000 (cento vintecinco millóns) de pesetas.

3. As retribucións correspondentes son, por analoxía ou similitude, as establecidas na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo).

Artigo 2º

1. Poderán asistir a estes cursos tódalas persoas maiores de idade que o desexen, ben individualmente ou ben agrupadas por colectivos.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

3. O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas como mínimo e de 35 como máximo.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para o que se aplicarán as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Artigo 4º

1. O prazo de presentación das solicitudes será o dos 20 días seguintes ó da publicación deste anuncio no DOG.

2. Para a presentación das solicitudes utilizaranse os modelos de formularios que figuran como anexos I e II a esta orde de convocatoria.

As persoas e os colectivos que desexen realiza-los cursos en Santiago de Compostela presentarán a solicitude no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os demais solicitantes

presentarana no rexistro da delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na provincia á que pertenza a localidade onde queiran realiza-lo curso. En ámbolos dous casos é de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

3. Os solicitantes do curso de perfeccionamento deberán presentar, canda o formulario de solicitude, a fotocopia compulsada da certificación que acredite que teñen superado o curso de iniciación, ou ben da correspondente validación.

Artigo 5º

1. O horario, o lugar de realización e a data de comezo de cada curso determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, agás no caso daquelas que pidan asistir ós cursos da cidade de Santiago de Compostela, para as cales resolverá a Dirección Xeral de Política Lingüística.

3. As listas de admitidos faranse públicas nos taboleiros de anuncios do Gabinete de normalización lingüística da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente. Para os cursos que se realicen en Santiago de Compostela, estas listas faranse públicas na Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos ateranse ó que se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e mais no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar no ámbito das súas competencias as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria