Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2000 Páx. 639

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, para a adquisición dos terreos afectados pola ampliación da zona dotacional DEP-17 e M-5 en Iñás (concello de Oleiros).

Antecedentes:

O Concello de Oleiros remitiu á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda na Coruña expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, para a adquisición dos terreos afectados pola ampliación da zona dotacional DEP-17 e M-5 en Iñás, de conformidade co artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

Fundamentos xurídicos:

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da LSG.

Segundo.-O proxecto de expropiación forzosa foi aprobado inicialmente polo Pleno do Concello de Oleiros, o 20 de abril de 1998, e foi sometido a información pública polo prazo dun mes anunciándose no DOG nº 114, do 16 de xuño, e no xornal La Voz de Galicia, do 1 de xullo de 1999.

Terceiro.-As taxacións foron notificadas individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da LSG.

Cuarto.-Por decreto da alcaldía, do 12 de xullo de 1999, acordouse acepta-la alegación formulada por María Irene Fontenla Louzán e, en consecuencia, aproba-la corrección do proxecto de expropiación e remiti-lo proxecto de expropiación á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Coruña para a súa aprobación definitiva, tal como sinala o artigo 145.6º da LSG.

Quinto.-No Concello de Oleiros está vixente o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o 29 de decembro de 1995 (PXOM). O documento refundido de revisión e adaptación do PXOM foi aprobado o 5 de maio de 1997.

Os terreos que se pretenden expropiar están clasificados como solo urbano coa cualificación de equipamento comunitario.

Dentro dos sistemas locais prevese o equipamento destinado a pista polideportiva de Iñás DEP-17 como de xestión pública, o mesmo que no sistema local tipo de equipamento sociocultural centro multiusos de Iñás M-5 onde tamén se prevé como xestión pública.

En consecuencia, de acordo cos artigos 54, 153 e 11 da LSG en relación co artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), resulta acreditada a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Sexto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ó contido do artigo 28 da Lei 6/1998, do 13 de abril da LRSV.

Sétimo.-O artigo 1.3º da Orde do 19 de agosto de 1997 (DOG nº 166, do 29 de agosto) delega nos delegados provinciais a competencia para a aprobación dos expedientes de expropiación forzosa nos supostos de procedemento de taxación conxunta.

Á vista de canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, para a adquisición dos terreos afectados pola ampliación da zona dotacional DEP-17 e M-5 en Iñás, no Concello de Oleiros, facendo constar que a aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146 punto 1º da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146, punto 2º da LSG).

Segundo.-Notificárlle-la resolución aprobatoria do expediente a tódolos interesados titulares dos bens e dereitos que figuran nel, conferíndolles un termo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante esta delegación provincial a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145 punto 7º da LSG, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145 punto 8º da LSG).

Terceiro.-Publicar esta resolución así como a relación dos seguintes bens e dereitos afectados polo

proxecto de expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Predio: 1.

Propietarios: herdeiros de Manuel Rey Seijo e Josefa Gómez Sexto.

Superficie: 1.310 m.

Valoración: 7.510.230 ptas.

Predio: 2.

Propietaria: Irene Fontenla Louzán.

Superficie: 1.224 m.

Valoración: 7.017.192 ptas.

Predio: 3.

Propietario: Manuel Fontenla Louzán.

Superficie: 1.224 m.

Valoración: 7.017.192 ptas.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos, dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigos 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa).

Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo (artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

A Coruña, 9 de decembro de 1999.

Jesús Almuiña Loeda

Delegado provincial da Coruña