Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2000 Páx. 438

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de decembro de 1999 pola que se regulan as axudas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, atribúelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, imputados ó capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

No texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade galega para o ano 2000 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 14 de outubro de 1999.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos, na aplicación 14.02.212A.482.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 243.987.000 ptas. ou o seu equivalente en euros para as axudas que se establecen no articulado desta orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia, que presten atención educativa e asistencial a nenos/as de 0 a 3 anos. Non obstante poderán eximirse do límite de idade os nenos de integración logo de informe dos equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estas entidades concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Normas xerais de subvención.

O importe das subvencións por mantemento reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 5º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

Para cuantificar economicamente as axudas estímase en 18.000 ptas. o custo máximo por neno/mes.

Este importe verase incrementado nun 20% nos seguintes casos:

-Cando a familia sexa monoparental.

-Cando asista máis dun irmán á gardería.

-Cando sexa familia numerosa.

Estas situacións deberán acreditarse debidamente.

O importe da axuda non poderá supera-lo custo da praza na escola infantil.

Complementos adicionais para centros que posúan:

a) Horario ampliado, entendendo por tal aquel que exceda en 40 horas mensuais o mínimo establecido: percibirán unha subvención de 2.000 ptas. máximo ó mes por cada neno usuario deste servicio.

b) Transporte escolar: percibirán unha subvención de 2.000 ptas. máximo ó mes por cada neno usuario deste servicio.

c) Servicio de comedor: percibirán unha subvención de 4.000 ptas. por cada neno usuario deste servicio.

Artigo 6º.-Cálculo da axuda.

1. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 45.000 ptas., fidedignamente acreditada. Enténdese por unidade familiar, para estes efectos, a formada polos pais e fillos. No caso de familias monoparentais só pai ou nai e fillos.

2. Para acredita-la referida renda é preciso presentar:

-Fotocopia da última declaración da renda, conxunta ou individual de ámbolos dous pais.

-En caso de non estar suxeitos á obriga de declarar, certificación negativa de Facenda, acompañada da última nómina ou da correspondente certificación expedida polo organismo competente dos ingresos que percibe a unidade familiar.

-Cando se produzan causas sobrevidas que afecten ós recursos da unidade familiar, é preciso un informe da asistente social do concello neste sentido. Así mesmo, é preciso o devandito informe naqueles casos que por distintas razóns non se poidan acredita-las rendas dos pais con escasos recursos.

3. O importe destas axudas repercutirá directamente nas familias que serviron de base para o seu cálculo ou naquelas que as substitúan no centro e teñan similares circunstancias económicas.

4. A concesión destas axudas está supeditada á existencia de crédito suficiente. No caso de insuficiencia de crédito, estas deberán reducirse proporcionalmente de xeito tal que as contías das axudas sexan iguais por cada neno-módulo para tódalas entidades que resulten beneficiarias.

5. No caso de que, unha vez calculadas estas axudas, existira remanente de crédito, este poderase distribuír en base ó mesmo módulo de referencia

do artigo 5º, entre as familias cunha renda per cápita mensual superior, empezando polas rendas máis próximas a 45.000 ptas. ata esgota-lo remanente referido.

Artigo 7º.-Cotas complementarias.

1. Cando as contías destas axudas non sexan suficientes para cubri-lo custo total das prazas subvencionadas, os centros poderán completalo con cotas dos pais. Neste caso as cotas complementarias que aboen os pais nunca poderán supera-los prezos máximos establecidos polo Decreto 179/1992, do 26 de xuño, polo que se fixan as tarifas de prezos para as garderías infantís dependentes desta consellería:

-Menos de 20.000 ptas.: exento total.

-De 20.001 a 30.000 ptas.: 3.000 ptas.

-De 30.001 a 40.000 ptas.: 7.500 ptas.

-De 40.001 a 45.000 ptas.: 11.250 ptas.

No caso de aplicarse o artigo 6º.5 desta orde:

-De 45.001 a 55.000 ptas.: 11.250 ptas.

-Máis de 55.001 ptas.: 15.000 ptas.

As escolas infantís comunicarán ás familias afectadas a axuda outorgada pola consellería, así como a cota que teñen que aboar.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

a) Proxecto educativo do curso 1999-2000, adaptado á seguinte estructura:

Previo: análise do contexto.

-Realidade sociocultural e económica da zona.

-Características do alumnado.

-Características do centro.

Sinais de identidade.

-Principios asumidos polo centro, baseados en:

-A Loxse.

-Outras fontes.

Obxectivos do centro.

Prioridades de actuación nos diversos ámbitos:

-Pedagóxicos.

-Organizativos.

-Institucionais.

Organización do centro.

Estructura e funcionamento de:

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Profesorado: adscrición, horarios e coordinación.

-Colaboración cos pais.

-Utilización dos espacios escolares.

-Equipamento e recursos didácticos.

-Horario xeral do centro.

b) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II) agás no caso de que se manteña unha conta anterior, xa certificada; neste caso será suficiente unha declaración xurada nese sentido.

c) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

d) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Declaración de tódalas subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

f) Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das acitividades, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, do 29 de febreiro de 1996, ou certificación acreditativa de que dito permiso está en trámite.

2. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta, no modelo oficial conforme os anexos IV e V desta orde.

3. Aquelas entidades que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

4. Non será necesario presentar documentos xa achegados en convocatorias anteriores, agás que se producisen modificacións ou variacións nestes, de acordo co previsto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Tódolos documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 9º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera así, de acordo co

artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas solicitadas.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da intervención territorial.

Artigo 11º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, despois da súa fiscalización pola intervención territorial, de conformidade co establecido no Decreto 258/1990, do 27 de abril, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións en materia de servicios sociais e no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias dos conselleiros nos delegados provinciais en materia de axudas e subvencións, con cargo ós créditos dos capítulos IV e VII que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte á data da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas

outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

5. Se a entidade estivera tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 12º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. No momento da xustificación da execución do proxecto e en calquera caso antes do derradeiro pagamento o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Os beneficiarios das subvencións, con independencia da súa contía e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Unha vez dictada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ó pagamento e xustificación de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 da seguinte forma:

3.1. Para aquelas que non superen o importe de un millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade certificación, na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

3.2. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión, logo da presentación pola entidade do certificado que acredite o inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade certificación, expedida polo órgano competente, na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

4. A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a delegación provincial respectiva, un balance de

ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III. O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión das subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 13º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude respecto dos centros subvencionados.

c) Enviar á delegación provincial correspondente antes do 31 de decembro unha lista detallada de beneficiarios coas cotas complementarias que aboaron. O cumprimento deste trámite considérase requisito imprescindible para a concesión de novas subvencións.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións esixidas constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico do ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude