Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2000 Páx. 370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de novembro de 1999 pola que se convocan subvencións a empresas editoriais para apoia-la edición do libro en galego, a traducción ó galego e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro), regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

A aplicación desta orde supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

O libro editado en galego acadou niveis de normalización comparables ós do resto do Estado, non só en presentación, deseño e tiradas, senón tamén no que respecta ós contidos. Por outra banda, a completa normalización da nosa industria editorial precisa do esforzo das empresas do sector e da axuda da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en razón da súa responsabilidade no desenvolvemento da cultura escrita. Pero a iniciativa privada por si soa non é capaz de abranguer temas nos que temos considerables carencias. Ó mesmo tempo, o reducido mercado, a competencia doutras linguas e os elevados prezos de producción fan difícil a publicación en galego de libros dalgunhas materias.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, consciente da capacidade da nosa lingua para ser portadora de calquera mensaxe, considera importante para os galegos ter acceso ás obras de creación escritas noutras linguas. Ademais, tendo en conta a calidade que a literatura galega acadou nos últimos anos, considera fundamental que as obras escritas en galego poidan ser lidas por outros pobos con lingua de seu para dar a coñece-la nosa literatura fóra de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a empresas editoriais para apoia-la edición en galego, a traducción ó galego, e a traducción e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, por un importe de cento oito millóns

catrocentas setenta mil setecentas trinta e unha (108.470.731) ptas., e a cantidade de trinta e oito millóns (38.000.000) de ptas. para o ano 2001.

Artigo 2º

1. Poderán optar a estas subvencións as empresas editoriais que acrediten a súa condición de editores e que cumpran os requisitos esixidos nesta orde establecidos nas bases específicas para a concesión das subvencións.

2. Non as poderán solicitar aqueles editores que anteriormente recibisen algunha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición segundo os prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación en orixinal ou fotocopia compulsada:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos da empresa acollidos ó réxime xeral da Seguridade Social. A esta declaración xuntaranse fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

2. Declaración do solicitante das subvencións solicitadas para o mesmo fin ás administracións públicas.

3. Se o solicitante é unha persoa xurídica, acreditación da personalidade e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución ou modificación, de se-lo caso, da sociedade, e do poder notarial correpondente, ámbolos dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

4. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

5. Certificación da conta bancaria onde conste como titular a empresa solicitante.

6. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas.

7. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como a documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

8. Acreditación de ter publicados un mínimo de 10 títulos en galego durante o ano anterior. Quedan excluídas desta obriga as empresas que editan grandes obras ou as de venda a crédito.

9. No momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

10. Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 7 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes, e a esta engadirase a documentación considerada nas bases específicas para a concesión das subvencións.

Artigo 4º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 5º, e o director xeral de Promoción Cultural elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 5º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Nivel de cumprimento dos anteriores compromisos de edición; o seu incumprimento será razón suficiente para a denegación da subvención.

-Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante.

-Calidade das obras contidas no catálogo.

-Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero de pouca demanda comercial.

-Importancia do investimento realizado en capital e en persoal pola empresa en torno ó libro galego.

-Calidade da obra.

-Continuidade dentro dunha colección.

Artigo 6º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los

fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicitar cambios para outros proxectos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicará a resolución do conselleiro ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas debendo comunica-la súa aceptación por escrito no prazo de 10 días hábiles.

3. Os beneficiarios farán constar en cada obra das letras B, C ou D, que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Dirección Xeral de Promoción Cultural-, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases e a normativa orzamentaria vixente.

5. O libramento do importe da subvención, mesmo nos dous prazos das plurianualidades, realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/92 e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 8º.-Resolución.

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

BASES ESPECÍFICAS PARA A CONCESIÓN DAS SUBVENCIÓNS

A) Subvencións a obras xa editadas en lingua galega

A-1) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15

de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

A-2) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo de 600 exemplares.

A-3) A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 450.000 (catrocentas cincuenta mil) pesetas por libro, e consistirá no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 10% dos exemplares editados, ata un límite de 300 exemplares. Os libros de lectura infantil e xuvenil, un máximo do 20% dos exemplares editados, ata un límite de 500 exemplares.

A-4) As solicitudes deberán presentarse desde o 15 de abril ata o 15 de maio de 2000.

A-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, deberase presentar en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado co autor que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Un certificado de tirada expedido polo impresor ou fabricante.

A-6) Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares considerado no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 10 de setembro de 1999, a non se-las solicitudes ás que se fai referencia na disposición adicional.

A-7) Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións destinadas a uso escolar, ben como libro de texto, ben como material complementario.

-As que non sexan primeiras edicións, a non ser que estas conteñan estudios que acheguen novidades substanciais.

-As obras subvencionadas con fondos públicos ou que recibisen calquera outra subvención.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que carezan de contrato de dereitos de autor.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 4.200 ptas.

A-8) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo de quince días hábiles contados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

B) Subvencións para editar en lingua galega obras de carácter non literario, obras orixinais galegas ilustradas en cor e grandes proxectos editoriais.

B-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% no ano 2000 e o 80% restante no 2001, segundo o disposto no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

B-2) As obras para subvencionar publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B-3) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B-4) Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, presentarase en orixinal ou en fotocopia compulsada:

-Calendario de investimentos e plan de traballo para desenvolver para cada proxecto editorial.

-Número de espacios mecanografados ou matrices de que constará a obra proxectada, e características técnicas do proxecto de edición.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co autor ou autores da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Previsión de tirada e prezo de venda ó público.

B-5) O importe de cada subvención establecerase, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, ata un máximo de 10.000.000 de ptas., nunha cantidade equivalente ó 75% do prezo de venda ó público para un número de exemplares que oscilará entre o 20% e o 40% da tirada prevista. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tirada definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-6) A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase trala xustificación previa, antes do 1 de novembro de cada exercicio, do investimento realizado así como dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social. No último ano presentarase tamén certificación da tirada realizada e a copia do contrato definitivo co autor ou autores, debidamente asinado por ámbalas dúas partes, así como o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

C) Subvencións para a traducción de obras escritas e publicadas orixinariamente en lingua distinta do galego.

C-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% da subvención no ano 2000 e o

80% restante no ano 2001, segundo o disposto no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

C-2) As obras publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

C-3) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

C-4) Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde deberá presentar en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que hai que desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Xustificante, se houber lugar, de te-los dereitos precisos para a publicación da obra.

C-5) A subvención consistirá no pagamento dunha porcentaxe da traducción que pode ir do 50% ó 75%, segundo as tarifas da Asociación de Traductores Galegos.

C-6) A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase trala xustificación do investimento relizado nesta, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 5 exemplares da traducción editada, e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

D) Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego.

D-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% da subvención no ano 2000 e o 80% restante no ano 2001, segundo o disposto no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

D-2) A contía de cada subvención será de 3.000 a 4.000 (tres mil a catro mil) ptas. por páxina para as obras que se vaian editar en linguas da península Ibérica, e de 4.000 a 7.000 (catro mil a sete mil) ptas. por páxina para as obras que se editen nas

outras linguas do mundo, ata un máximo, en tódolos casos, de 950.000 (novecentas cincuenta mil) ptas. por obra. Tómase como páxina tipo a de 1.800 caracteres e para a realización do cómputo utilizarase o libro editado en galego.

D-3) Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, deberá presentar en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que hai que desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo dos contratos que a editorial asinaría co autor, autores ou traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Acordo de cesión dos dereitos.

D-4) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En empresas editoriais estranxeiras o prazo de presentación será de 40 días hábiles.

D-5) A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase trala xustificación do investimento realizado nesta e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social ou documentos equivalentes no caso de edicións estranxeiras, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 15 exemplares da obra editada.

Disposición adicional

As solicitudes formuladas ó abeiro da sección A) da Orde do 2 de novembro de 1998 (subvencións a obras xa editadas en lingua galega publicado no DOG nº 6, do 12 de xaneiro de 1999), ás que non lles foi concedida a axuda peticionada, por falta de crédito suficiente, serán tidas en conta nesta convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A xestión dos expedientes continuará desde o trámite en que se atopaban ó final do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro do 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo