Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 30 de decembro de 1999 Páx. 15.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 339/1999, do 16 de decembro, polo que se modifica o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, aprobado polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro.

De conformidade co artigo 22 da Lei de pesca de Galicia, correspóndelle á Xunta de Galicia establece-las normas para o exercicio da actividade dirixida á explotación dos recursos mariños nas súas distintas modalidades, entre outras, as relativas ás artes, ós aparellos e ós utensilios autorizados para pescar así como no seu número. A súa regulamentación atópase recollida na actualidade no Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos permisibles en Galicia aprobado polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro.

O decreto que establece límites mínimos de arqueo en TRB, para o uso das artes de enmalle ás embarcacións de nova construcción, debe adaptarse ás esixencias do Regulamento CEE 2930/1986, do 22 de setembro, modificado polo Regulamento CEE 3259/1994, do 22 de decembro, polo que se definen as características dos barcos de pesca, que xeneraliza a utilización do arqueo bruto (GT) de tódolos buques da flota pesqueira da Unión Europea, e proceder a determina-la medida mínima en GT, para o uso das devanditas artes.

Por outra parte parece necesario regular do mesmo xeito, o inicio da actividade con artes clasificadas como de enmalle, das embarcacións que na data de entrada en vigor do presente decreto, acadasen as condicións mínimas establecidas en arqueo para as novas construccións, e non tivesen recoñecido dereito a ningunha desas artes.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 11, do Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos

de pesca permisibles en Galicia, aprobado polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro, que terá a seguinte redacción:

Artigo 11º.-Para poderen pescar con artes de enmalle, as embarcacións de nova construcción deberán ter un arqueo mínimo de 1,5 GT ou 2,50 TRB.

As embarcacións estarán obrigatoriamente rexistradas na 3ª lista do rexistro de matrícula de buques para pescar. A súa inscrición na lista 4ª do citado rexistro capacitaraas para realizar funcións auxiliares ós establecementos de acuicultura, ó mesmo tempo que as inhabilita para exerce-la actividade pesqueira e extractiva.

Disposición transitoria

Ás embarcacións que non sexan de nova construcción que na data de entrada en vigor do presente regulamento non tiveran recoñecido o dereito para pescar con artes de enmalle, podéraselles autoriza-lo inicio do exercicio da actividade con algunha das artes así clasificadas, se o seu arqueo acada o mínimo establecido para as novas construccións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar, dentro do ámbito das súas competencias, as disposicións oportunas no desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura