Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Mércores, 29 de decembro de 1999 Páx. 15.255

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 337/1999, do 9 de decembro, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Castrelo do Val (Ourense).

O Concello de Castrelo do Val (Ourense), considerou conveniente adoptar unhas armas ou brasón propio no que, coa simboloxía adecuada e conforme as tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia

peculiaridade. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Visto o informe favorable, do 2 de novembro de 1999, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do Concello de Castrelo do Val (Ourense), segundo o que se recollen alusións ós aspectos máis destacables da súa singularidade histórica: un castelo, que recorda ó que dá nome á municipalidade, unha cruceta patada, que alude ó vello mosteiro de Servoi, e dúas vieiras, finalmente, que simbolizan a ruta xacobea denominada da Prata. Como oportuno complemento, disponse unha orla coa cadea heráldica que portaron os titulares do condado de Monterrei, a presencia dos cales e o seu influxo histórico nestas terras foi verdadeiramente notable.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Castrelo do Val (Ourense), que quedará organizado do seguinte modo: de sínople (verde), unha torre de ouro (amarelo) acompañada en xefe dunha cruceta patada do mesmo flanqueada de dúas vieiras de prata (branco); bordura de sable (negro) cunha cadea de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, nove de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais