Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Mércores, 29 de decembro de 1999 Páx. 15.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 335/1999, do 9 de decembro, polo que se modifica o escudo heráldico do Concello de Rianxo (A Coruña).

O Concello de Rianxo (A Coruña) considerou conveniente organizar correctamente as súas armas municipais, de xeito que se recollese a mellor tradición heráldica do antigo escudo, aprobado pola Corporación no ano 1961 e recoñecido legalmente por Decreto 860/1963. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e outras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, fun

cionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Visto o informe favorable, do 2 de novembro de 1999, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do Concello de Rianxo, segundo a que se recollen correctamente tódolos elementos do antigo escudo: o muro ameado e as ondas coa áncora e o castelo nos manteis.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-la modificación do escudo heráldico do Concello de Rianxo (A Coruña), que quedará organizado do seguinte xeito: de azur (azul), o muro ameado de ouro (amarelo) e tres ondas de prata na punta. Mantelado: primeiro, de gules (vermello), a áncora de prata (branco); segundo de azur, o castelo de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, nove de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais