Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 24 de decembro de 1999 Páx. 15.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Setex-Aparki, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Setex-Aparki, S.A. (código 2700652), da provincia de Lugo, asinado o día 2 de novembro de 1999, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio,

sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 12 de novembro de 1999.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo para os traballadores da empresa Setex-Aparki, S.A. de Lugo. Ano 2000

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as relacións laborais entre a empresa Setex-Aparki, S.A. e o seu persoal.

Artigo 2º.-Ámbito xeográfico.

O ámbito xeográfico deste convenio circunscríbese á cidade de Lugo.

Artigo 3º.-Duración.

O convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2000 con independencia da súa publicación no BOP, e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 2000. Os seus efectos económicos serán desde o 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes asinantes poderá denuncia-la expiración da vixencia do citado convenio, e deberá facelo cun mínimo de tres meses antes do respectivo vencemento.

A denuncia efectuarase mediante comunicación fidedigna á outra parte e á Dirección Provincial de Traballo.

De non ser denunciado en tempo e forma por ningunha das partes, prorrogarase automaticamente por anualidades naturais, elevando os conceptos económicos na mesma proporción na que o faga o IPC previsto para ese ano máis dous puntos.

Denunciado o convenio, se as negociacións se estendesen por un período superior á súa vixencia, entenderase prorrogado este ata a entrada en vigor do novo convenio.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de a xurisdicción laboral declarar contrario ás disposicións legais vixentes no momento da sinatura do convenio algún dos seus pactos, este quedará nulo na súa totalidade, comprometéndose ambas a negocialo de novo.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de velar pola correcta aplicación e cumprimento do contido deste convenio, créase unha

comisión mixta paritaria que entenderá de tódalas cuestións relacionadas coa interpretación das normas contidas nel.

A comisión mixta paritaria estará formada por dous traballadores (nomeados polo sindicato máis representativo dentro da empresa) e dous representantes da empresa. Cada parte poderá nomear un asesor, que terá voz pero non voto.

Para que exista acordo, requirirase o voto acorde da metade máis un dos membros da comisión.

Das reunións realizadas pola comisión levantarase acta, na que figurarán as decisións tomadas. As actas deberán ser asinadas pola totalidade de membros asistentes a elas.

A comisión reunirase cando o solicite unha das partes.

Capítulo II

Xornada laboral

Artigo 7º.-Xornada.

A xornada en cómputo anual será de 1.800 horas.

Artigo 8º.-Horarios.

As quendas de traballo poderán ser continuadas ou partidas. Naqueles casos nos que se realicen de forma continuada haberá un período de descanso de 30 minutos.

Entre quenda e quenda de traballo terán que transcorrer, como mínimo, 12 horas.

Os días de descanso en cómputo anual serán os mesmos para todo o persoal.

A organización do traballo é competencia da empresa, aínda que os cuadrantes de traballo serán negociados cos representantes legais dos traballadores da empresa.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará de vacacións retribuídas de 33 días naturais. Aqueles traballadores cunha antigüidade inferior a un ano desfrutarán dos días correspondentes por vacacións de forma proporcional á súa antigüidade.

O calendario de vacacións será pactado entre a empresa e a representación legal dos traballadores. Para tal efecto, os representantes dos traballadores presentarán unha proposta de cadro de vacacións antes do 30 de outubro de cada ano. Tódolos traballadores terán dereito a 15 días de vacacións durante os meses de xullo ou agosto e 18 días fóra deste período.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Os traballadores poderán gozar de permiso retribuído nos seguintes casos:

Por nacemento de fillo, 5 días.

Por matrimonio do traballador/a, 20 días.

Por enfermidade grave ou falecemento de cónxuxe ou parella estable, ata terceiro grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días.

Por matrimonio de fillos ou pais, 1 día.

Cando se teña que realizar un desprazamento de máis de 80 km corresponderán 2 días máis, se é o caso.

En caso de visita médica nos servicios da Seguridade Social e mediante xustificante de consulta, concederase o tempo necesario para ela.

O traballador terá dereito a desfrutar de xornada retribuída de 6 días por asuntos propios, e como único requisito para a súa adxudicación, esixirase a súa petición por escrito cunha anticipación de 48 horas, como mínimo. Cando a petición dalgún deste días a realice máis do 10% do cadro de persoal activo nesa data, a representación legal dos traballadores e da empresa abordarán as condicións precisas para o seu desfrute.

Capítulo III

Ascensos

Artigo 11º.-Ascensos e promocións.

Cando na empresa se produzan vacantes, se creen ou aumenten certos postos de traballo (tanto mandos intermedios como categorías medias), antes de contratar persoas alleas a ela, tentarase de cubrir estas prazas con traballadores do cadro de persoal, pasándose a cubri-las vacantes dos traballadores promocionados polas novas contratacións.

Cando un traballador realice traballos de categoría superior durante máis de 90 días ininterrompidos ou de 120 días alternos dentro do mesmo ano, concederáselle a categoría superior, figurando esta na correspondente escala.

Tódolos traballadores terán dereito á formación profesional e á promoción de traballo, segundo establece o Estatuto dos traballadores no seu artigo 22.

Tódolos traballadores que realicen estudios ou formación profesional en centros oficiais poderán solicitar quenda de traballo adecuada a eles. A súa concesión, logo de estudio e aprobación, realizarase por acordo entre os representantes legais dos traballadores e a empresa. Os permisos necesarios non excederán de 8 días naturais ó ano retribuídos para concorrer a exames, sen alteración nin diminución dos seus dereitos laborais.

Capítulo IV

Axudas sociais

Artigo 12º.-Incapacidade temporal (I.T.).

Aboarase o 100% en tódolos casos, sen ningún límite de tempo.

Artigo 13º.-Xubilación.

Será recomendada ós 64 anos, sempre que o traballador teña cuberto o período de carencia na Seguridade Social; para tal efecto, e segundo o estipulado no R.D. 1194/1985, a empresa comprométese a substituí-lo traballador xubilado por outro contratado nas mesmas condicións. Establécese para o persoal que se xubile anticipadamente unha gratificación na contía seguinte:

Ós 63 anos, 425.000.

Ós 62 anos, 500.000.

Ós 61 anos, 525.000.

Ós 60 anos, 575.000.

Capítulo V

Dereitos sindicais

Artigo 14º.-Información sobre a contratación.

A dirección da empresa estará obrigada a facilitarlles ós representantes dos traballadores información periódica sobre contratación, que incluirá:

a) Previsión en materia de emprego e contratación:

-Modalidades de contratación.

-Grao de cumprimento das previsións anteriores. Esta información entregarase trimestralmente.

b) Os sindicatos asinantes deste convenio serán consultados previamente á adopción de decisións empresariais en materia de:

-Número de traballadores que se deben contratar.

-Modalidades de contratos e número.

-Datas de formalización dos contratos e duración.

-Modo de selección do persoal.

No caso de as decisións empresariais non se realizaren logo da consulta cos representantes legais dos traballadores, entenderanse inexistentes as circunstancias que xustifican a contratación temporal e, polo tanto, as relacións laborais serán consideradas como indefinidas.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 15º.-Vestiario. Servicio ORA.

-Un anorak impermeable.

-Dous pantalóns de verán e dous de inverno.

-Dúas saias de verán e dúas de inverno.

-Dúas camisas manga longa para o inverno.

-Dúas camisas manga curta para o verán.

-Unha chaqueta que faga xogo cos pantalóns ou coas saias.

-Un par de zapatos de verán.

-Un par de botas para o inverno.

-Unha gravata.

-Dous pares de calcetíns de verán.

-Dous pares de calcetíns de inverno.

-Medias para o persoal feminino.

-Unha gorra.

-Un par de luvas de pel.

As roupas de traballo e calzado será renovables de ano en ano.

Cando os traballadores, por necesidades físicas e prescrición facultativa, precisasen modificacións na súa roupa de traballo, estas serán efectuadas por conta da empresa.

Artigo 16º.-Asistencia xurídica.

Tódolos traballadores terán dereito a que a empresa lles proporcione a asistencia de avogado e procurador desde o inicio á fin do proceso xurídico, e nos casos nos que pola prestación e durante o desenvolvemento do seu cometido fose producido algún tipo de agresión por persoas alleas á empresa, sempre que o traballador non incorrese en neglixencia ou comportamento doloso ou culpable.

Artigo 17º.-Seguro de morte ou invalidez.

Establécese unha póliza de morte ou invalidez para cada un dos traballadores da empresa durante a súa permanencia en activo nela, consistente en 4.500.000 ptas., en caso de morte natural e de 4.500.000 ptas. en caso de morte ou invalidez por accidente, quedando exentos desa póliza tódolos traballadores maiores de 65 anos. A póliza producirá efectos a partir da data en que se asine o citado convenio. As primas deste seguro son por conta da empresa, a cal deberá dar copia ós representantes legais dos traballadores.

Indemnizacións por falecemento: a empresa aboará catro mensualidades completas (salario base + antigüidade) do mes completo no que faleza sen ter en conta o día en que tal feito aconteza, así como a cantidade que se aboará por loito, que será de 200.000 pesetas.

Artigo 18º.-Protección do embarazo.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o seu embarazo o seu posto de traballo e unha quenda distinta á súa se existise prescrición do facultativo que atende o seu embarazo, sen modificación de categoría nin mingua dos seus dereitos económicos.

Durante a baixa de IT por embarazo, a traballadora terá dereito a percibi-lo 100% de tódolos seus conceptos salariais.

A traballadora embarazada terá permisos retribuídos para preparación ó parto, así como a elixi-la data das súas vacacións regulamentarias. Os cursos de preparación para o parto poderán realizarse en horas laborables, que serán retribuídas.

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias, en contía de salario base, complementos e antigüidade, que serán aboadas, a de verán coa nómina do mes de xuño e a de Nadal con anterioridade ó 20 de decembro.

Así mesmo, establécese unha participación nos beneficios, que consistirá no reparto lineal entre tódolos traballadores dunha cantidade equivalente ó 2 % remanente obtido no servicio ORA. Este remanente xustificarase mediante a liquidación presentada ó concello correspondente ó ano anterior Esta paga farase efectiva durante os 3 meses seguintes ó devengo.

O aboamento farase efectivo antes do día 31 de marzo de cada ano.

Artigo 20º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio devengará as antigüidades de acordo coas seguintes táboas:

De 3 a 6 anos: 5%.

De 6 a 9 anos: 10%.

De 9 a 12 anos: 15%.

De 12 a 15 anos: 20%.

De 15 a 18 anos: 25%.

De 18 a 21 anos: 34%.

De 21 a 24 anos: 48%.

De 24 ou máis anos: 58%.

Estas porcentaxes aplicaranse sobre o salario base vixente en cada momento.

Artigo 21º.-Quebranto de moeda.

Aboaráselle a cada traballador un 2% sobre tarxeta que venda. O seu devengo realizarase antes de remata-lo primeiro e segundo semestre de cada ano.

Capítulo VII

Retribucións

Artigo 22º.-Mantemento de emprego.

O número de traballadores fixos será de 14 como mínimo. Non obstante, a empresa comprométese a aumentar, na medida do posible, o número de traballadores de contratación ata chegar a 17, durante a vixencia do convenio.

Artigo 23º.-Táboas salariais para o ano 2000 (segundo anexo I).

Artigo 24º.-Incremento salarial 2000.

Acórdase un incremento salarial do 3,8% en tódolos conceptos, segundo as táboas.

Asemade, tódolos traballadores percibirán unha axuda de compensación social que cobrarán na nómina do mes de setembro de 2000, polo importe de 45.000 pesetas.

Artigo 25º.-Garantía do posto de traballo.

O cambio de titularidade da empresa non extinguirá por si mesmo a relación laboral, quedando o novo empresario subrogado nos dereitos e obrigas do anterior.

Artigo 26º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos de consumo (IPC) no 31 de decembro do ano 2000 respecto ó 1 de xaneiro do ano 2000 supere o incremento pactado neste convenio, revisaranse as táboas salariais no exceso que se produza. Esta revisión servirá como base para establece-los salarios do ano 2001.

Actas:

Pola parte empresarial:

Manuel Pérez Gegúndez.

Pola parte social:

Javier Manuel Reguera Pérez (UGT).

Asesores:

Manuel Lorenzo Fernández

Nieves Gil Rodríguez.

Lugo, 2 de novembro de 1999.

ANEXO I

Táboa salarial do ano 2000

CategoríasSalario brutoSalario baseIncentivoTransporte

Mensual14 pagas14 pagas14 pagas14 pagas

Vixilante119.13288.4235.36623.612

Encargado servicio177.952115.77618.97443.320

Encargado

mantemento

166.160102.91221.71641.486

Administrativo166.67796.59322.52747.653