Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 24 de decembro de 1999 Páx. 15.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 332/1999, do 9 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento da marxe dereita do río Miño ó seu paso por Salvaterra de Miño.

O Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), en sesión que tivo lugar o día 2 de agosto de 1999, aprobou o proxecto de acondicionamento da marxe dereita do río Miño ó seu paso por Salvaterra de Miño e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22 de novembro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 17 de novembro de 1999.

Así mesmo, o proxecto someteuse á tramitación ambiental conforme o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para

Galicia, formulándose mediante Resolución do 1 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, a declaración de efectos ambientais (DEA) do devandito proxecto.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, pola necesidade de establecer unha liña de seguridade que evite a rápida e impredicible erosión da ribeira e impedi-la posibilidade de accidentes, dada a perigosidade que hoxe representa gran parte do tramo da ribeira do Miño, sendo necesaria a restauración de vías, a consolidación da marxe e a rehabilitación do medio natural.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento da marxe dereita do río Miño ó seu paso por Salvaterra de Miño.

Santiago de Compostela, nove de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais