Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 22 de decembro de 1999 Páx. 14.973

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 321/1999, do 16 de decembro, polo que se asumen funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, en materia de mediadores de seguros e se lle asignan á Consellería de Economía e Facenda.

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, transferiu, de acordo co previsto no artigo 150.2º da Constitución, diversas competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma galega, coa finalidade de que esta complete as competencias que pode exercer, equiparándoa a outras comunidades autónomas.

En aplicación do previsto no artigo 8 da citada lei orgánica, por medio do Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios da Administración xeral do Estado en materia de mediadores de seguros.

Resulta, pois, conveniente asumir de forma expresa tales funcións e servicios, que se relacionan no antedito real decreto, nos termos e condicións acordados pola Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, e asignárllelos ós órganos correspondentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e en exercicio da potestade de autoorganización prevista no artigo 39 do Estatuto de autonomía, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Asúmense as funcións e servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, en materia de mediadores de seguros, así como os medios orzamentarios a eles adscritos, nos termos e condicións sinalados no acordo adoptado pola Comisión Mixta de Transferencias na súa reunión do 8 de outubro de 1999, publicado como anexo do citado real decreto.

Artigo 2º

As funcións e servicios asumidos de conformidade co disposto no artigo anterior, así como os créditos orzamentarios a eles adscritos, asígnanselle á Consellería de Economía e Facenda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda dictará as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública