Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 21 de decembro de 1999 Páx. 14.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 320/1999, do 3 de decembro, polo que se acepta a cesión de uso a título gratuíto dunha superficie de 198,2 m, propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, sita na parte exterior do edificio da praza de España 19-20 de Ferrol, con destino á instalación dun punto de atención continuada.

O Consello de Ministros, na súa reunión do 23 de decembro de 1998, acordou ceder ó Servicio Galego de Saúde da Comunidade Autónoma de Galicia, unha superficie de 198,2 m, sita na parte exterior do edificio patrimonial da praza de España, 19-20 de Ferrol (A Coruña), con destino á colocación dun punto de atención continuada dependente do Ambulatorio Fontenla Maristany que se sitúa no dito inmoble.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non poderán adquirirse bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afectacións impostas sobre eles supera o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto do uso dunha superficie de 198,2 m, sita na parte exterior do edificio patrimonial da Tesourería Xeral da Seguridade Social na praza de España, 19-20 de Ferrol (A Coruña), con destino á colocación dun punto de atención continuada dependente do Ambulatorio Fontenla Maristany que se sitúa no dito inmoble.

Artigo 2º

A superficie acéptase segundo o establecido nos artigos 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e 38 do seu Regulamento e destinarase ó fin para o que se cede e de acordo coas condicións previstas no acordo de cesión.

Artigo 3º

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, tres de decembro de mil novencentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais