Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 21 de decembro de 1999 Páx. 14.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 1999 pola que se ordena publica-la decisión do xurado do Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

Por Orde do 14 de abril de 1999 (DOG nº 81, do 29) convocouse o Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, co fin de recoñecer e recompensa-los méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así ó coñecemento e divulgación do significado histórico, relixioso e cultural da Ruta Xacobea.

O artigo 4 da citada orde establece que o premio será outorgado por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou persoa en quen delegue e integrado polo presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, por dous membros nomeados

polo comité e os presidentes das asociacións inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago cos números 09, 10, 11 e 12.

De acordo co citado artigo 4, as decisións do xurado serán inapelables e daranse a coñecer mediante publicación no DOG e por comunicación directa ó galardoado.

Por todo isto,

RESOLVO:

Artigo único.-Ordeno publica-la decisión do xurado do Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

O citado xurado, reunido en Santiago de Compostela o día 26 de novembro de 1999, acordou concede-lo Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, ó proxecto presentado pola Asociación Amigos del Camino de Santiago de la Comunidad Valenciana.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e

Turismo