Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 17 de decembro de 1999 Páx. 14.823

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se lle recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial ó parque eólico denominado Muras II. (Expediente 029-EOL).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Sistemas Energéticos Muras, S.A. (Semu, S.A.), con enderezo para efectos de notificacións na Avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A, C.P. 15705 Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Muras II; resultan os seguintes antecentes de feito:

Primeiro.-O 21 de novembro de 1998, Luis Caamaño Martínez, en nome e representación de Semu, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, do parque eólico denominado Muras II, de 24,42 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións

eléctricas, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o citado Real decreto 2818/1998.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e os citados Real decreto 2818/1998 e Decreto 205/1995, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo do 18 de marzo de 1999, publicada no BOP de Lugo do 20 de abril de 1999, no diario El Progreso do 15 de abril de 1999, no DOG do 14 de abril de 1999 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Ourol e Muras.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

-Epifanio Campo Fernández, titular dos permisos de investigación mineira Begoña e Elena, situados nos concellos de Muras e Ourol, alega incompatibilidade cun parque eólico.

-Elvira Cabarcos Chao alega que a superficie afectada é maior cá reflectida no expediente e que hai unha instalación agrogandeira prioritaria.

-María Cruz Valle Gómez, que aproveita os terreos propiedade de Elvira Cabarcos Chao para a súa instalación gandeira prioritaria, alega que é necesaria unha declaración de prevalencia.

-O Concello de Ourol alega que seis parques no seu municipio son demasiados e que os estudios ambientais deberían considerar esta sinerxia. Propón compensacións directas ó concello e ós veciños en vez de expropiación e solicita que se consideren posibles incompatibilidades con peticións concesionais de aproveitamentos hidroeléctricos presentadas polo concello.

-Danilo Requeijo Castro alega que o seu predio non é de monte alto senón unha explotación pecuaria con bos accesos que incrementan o seu valor, que non se lle comunicou a existencia dun proxecto aprobado, que non se determinan de maneira precisa os bens que se van expropiar e que non é necesaria a urxente ocupación.

Así mesmo, manifesta que outro predio da súa propiedade non é de monte alto e pasto senón explotación pecuaria.

-María Teresa Chao Pernas, casada con Danilo Requeijo Castro, alega que o seu predio é unha explotación agraria prioritaria, con mellora aprobada o 24-11-1998 polo Instituto Lácteo Gandeiro.

-Sara, Manuel e Jesús Carballés Penabad, Inés, Carlos e Dolores Penabad Penabad alegan que os seus predios non son de monte baixo e pasto, senón de explotación pecuaria.

-Antonio Carreiras Castro alega que o seu predio non é de monte alto e baixo senón unha explotación pecuaria.

-Antonio Pereiras Penabad alega que na superficie das parcelas pode haber aseveración espuria e que pensa repoboar arboredo autóctono.

-Elvira e Purificación Rodríguez Vázquez alegan que non aparece recollido un predio da súa propiedade.

-Pedro Ramudo Pita alega que o parque ocupa montes catalogados de utilidade pública e que hai propietarios que non chegaron a acordos que non aparecen na relación correspondente.

As citadas alegacións remitíronse á empresa Semu, S.A. e foron contestadas por esta dentro do prazo regulamentariamente establecido.

Terceiro.-O 16 de xullo de 1999, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

Muras IIMurasX Y

Ourol

0.606.500 4.821.250

0.608.250 4.821.250

0.608.500 4.820.750

0.607.250 4.820.250

0.607.000 4.820.000

0.607.000 4.819.000

0.606.750 4.818.750

0.606.750 4.817.750

0.606.000 4.816.250

0.606.000 4.815.750

0.606.750 4.815.000

0.607.000 4.815.000

0.607.000 4.814.250

0.606.250 4.814.250

0.605.250 4.815.250

0.605.250 4.816.250

0.606.000 4.817.750

0.606.000 4.820.750

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Potencia total instalada: 24,42 MW.

Producción anual estimada: 80.425 MWh/ano.

Investimento previsto: 2.933.032.449 ptas.

Cuarto.-O 23 de xullo de 1999, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo e Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que figura no expediente, queda de manifesto que non se poden acepta-las alegacións presentadas polos interesados polas razóns que a continuación se indican:

-Epifanio Campo Fernández. No seu momento estudiarase, se procede, a compatibilidade.

-Concello de Ourol. No referente a expropiacións e efectos ambientais actúase conforme a lexislación vixente. No relativo ás solicitudes de aproveitamento hidroeléctrico, no seu momento estudiarase a compatibilidade.

-Danilo Requeijo Castro. No levantamento de actas achegarase a documentación acreditativa necesaria para a valoración do predio. Cumpríronse os trámites regulamentarios de exposición e información pública, así como a notificación individual ós afectados. A superficie dos bens que se van expropiar está ben determinada. A instalación é de utilidade pública segundo a Lei do sector eléctrico, o que implica a urxente ocupación.

-Danilo Requeijo Castro e María Teresa Chao Pernas, Sara, Manuel e Jesús Carballés Penabad, Inés, Carlos e Dolores Penabad Penabad, Antonio Carreiras Castro e Antonio Pereiras Penabad, Elvira Cabarcos Chao e María Cruz Valle Gómez. No levantamento de actas achegarase a documentación acreditativa de tales feitos.

-Elvira e Purificación Rodríguez Vázquez. Non achegan título acreditativo.

-Pedro Ramudo Pita. O 27 de agosto de 1999, a Delegación Provincial da Consellería de Agricultura Ganadería e Política Agroalimentaria en Lugo autorizou a ocupación do monte A Gañidoira para levar a cabo a execución do parque eólico.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autorizar a Semu, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Muras II, que se situará nos concellos de Muras e Ourol.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñece-la condición de instalación acollida ó réxime especial, e incluíla no grupo b2 do artigo 2 do dito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Semu, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 58.660.649 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan haberán de realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 2.933.032.449 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio en Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Semu, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para

o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 23 de xullo de 1999, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria