Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 14 de decembro de 1999 Páx. 14.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 313/1999, do 17 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela, situada no polígono da Sangriña, no termo municipal da Guarda (Pontevedra), para a ampliación da zona de recreo escolar.

O Pleno da Corporación municipal do Concello da Guarda, reunido en sesión do día 20 de novembro de 1998, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela dunha superficie de 3.426,91 m, situada no polígono 25 A Sangriña, na parroquia de Salcidos, no termo municipal da Guarda (Pontevedra), para a ampliación da zona de recreo escolar e deportiva.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando

o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Guarda acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela, situada no termo municipal da Guarda (Pontevedra), que a seguir se describe:

-Parcela de 3.426,91 m de superficie, situada no polígono 25 A Sangriña, na parroquia de Salcidos, no termo municipal da Guarda (Pontevedra).

Linda: norte, zona escolar A Sangriña e estrada de circunvalación; sur, estrada de circunvalación; leste, estrada de circunvalación; e oeste, resto do predio matriz, (hoxe estadio de fútbol).

Aparece inscrita a favor do Concello da Guarda no Rexistro da Propiedade de Tui, no tomo 926, libro 101, folio 191, predio 16.945, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á ampliación da zona de recreo escolar e deportiva.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda