Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 09 de decembro de 1999 Páx. 14.425

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1748/1999, do 19 de novembro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediadores de seguros.

O artigo 149.1.11ª. da Constitución española establece que o Estado ten competencia exclusiva sobre o sistema monetario, divisas, cambio e convertibilidade; bases da ordenación de crédito, banca e seguros.

Así mesmo, e de conformidade co previsto nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, esta comunidade ten transferida a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros, de acordo coa ordenación da actividade económica xeral e axustándose ó disposto polo Estado no exercicio das súas competencias, de conformidade co citado artigo 149.1.11.ª da Constitución.

A Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación de seguros privados, modificada pola Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, establece as bases da ordenación dos seguros privados.

Sobre as citadas previsións constitucionais, estatutarias e normativas procede efectua-lo traspaso das funcións e servicios na materia citada.

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que se deben axusta-los traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 8 de outubro de 1999, o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe que o Goberno o aprobe mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 19 de novembro de 1999,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado polo pleno con data do 8 de outubro de 1999, polo

que se aproba o traspaso das funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediadores de seguros e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os medios e os créditos orzamentarios correspondentes, que figuran nas relacións adxuntas ó propio acordo da comisión mixta e que se inclúe como anexo ó presente real decreto, nos termos e condicións que alí se especifican.

Artigo 3º

O traspaso de funcións e servicios a que se refire o presente real decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Economía e Facenda produza os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tiñan no momento da adopción do acordo, ata a data de entrada en vigor deste.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen conforme a relación número 1 serán dados de baixa nos conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado destinados a financia-los servicios asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que sexan remitidos ó departamento citado pola oficina orzamentaria do Ministerio de Economía e Facenda, os certificados de retención de crédito, para dar cumprimento ó disposto na vixente Lei de orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado simultaneamente no BOE e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia o día seguinte ó da súa publicación.

Dado en Madrid o 19 de novembro de 1999.

Ángel Acebes PaniaguaJuan Carlos R.

Ministro de Administracións

Públicas

ANEXO

Juan Palacios Benavente e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta de Transferencias, celebrada o día 8 de outubro de 1999, adoptou un acordo sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comu

nidade Autónoma de Galicia, en materia de mediadores de seguros, nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais e estatutarias en que se ampara o traspaso.

O artigo 149.1.11.ª da Constitución española establece que o Estado ten competencia exclusiva sobre o sistema monetario, divisas, cambio e convertibilidade; bases da ordenación de crédito, banca e seguros.

Así mesmo, e de conformidade co previsto nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, ten transferida a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros, de acordo coa ordenación da actividade económica xeral e axustándose ó disposto polo Estado no exercicio das súas competencias, de conformidade co artigo 149.1.11.ª da Constitución.

A Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación de seguros privados, modificada pola Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, establece as bases da ordenación dos seguros privados.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que se deben axusta-los traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á dita Comunidade Autónoma.

Sobre as bases destas previsións constitucionais, estatutarias e legais, procédese por este acordo a traspasa-las funcións e servicios da Administración do Estado en materia de mediadores de seguros.

B) Funcións que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e identificación dos servicios que se traspasan.

Corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución, dentro do seu territorio, das bases de ordenación dos seguros privados contidas na Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación de seguros privados, modificada pola Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervición dos seguros privados, respecto dos mediadores de seguros con domicilio social e ámbito de operacións limitados ó territorio da comunidade.

Entre a Administración do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia estableceranse os mecanismos de colaboración adecuados para a información mutua e a xestión correcta das funcións e servicios respectivos.

C) Valoración das cargas financeiras dos servicios que se traspasan.

1. A valoración definitiva do custo efectivo que corresponde ás funcións e medios traspasados á

Comunidade Autónoma de Galicia en pesetas de 1996 elévase a 988.753 pesetas.

2. O financiamento en pesetas de 1998 que corresponde ó custo efectivo anual dos medios traspasados detállase na relación número 1.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 1 financiarase do xeito seguinte:

Transitoriamente, ata o momento en que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado dos créditos relativos ós diferentes compoñentes do custo efectivo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento das funcións transferidas, serán obxecto de regularización, se é o caso, cando se peche o exercicio económico que corresponda, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

D) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos servicios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo que se aprobe este acordo.

E) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso de funcións e servicios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xaneiro do ano 2000.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 8 de outubro de 1999. Juan Palacios Benavente e Alfonso Vaquero Marín. Secretarios da Comisión Mixta.

Relación nº 1

Custo efectivo correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia, segundo orzamento de 1999

Sección 15: Ministerio de Economía e Facenda.

Servicio 17: Dirección Xeral de Seguros.

Programa 631.A: Dirección, control e xestión de seguros.

Pesetas

Capítulo I:

Artigo 12 907.575

Capítulo II:

Artigo 22 307.701

Total custo 1.215.276