Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 07 de decembro de 1999 Páx. 14.336

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 23 de novembro de 1999 sobre o exercicio da función interventora polo procedemento de mostraxe.

Os cambios que se sucederon ó longo dos últimos anos no aspecto económico-financeiro e a crecente asunción de novas competencias implican a necesidade de abordar en profundidade os procedementos de control, sobre todo en canto á necesidade sentida pola Administración financeira de adecuación dos instrumentos utilizados á actividade controlada coas vantaxes que proporcionan, así como os inconvenientes que se derivan da non-adaptación a estes.

Como paso previo á implantación dun modelo de control máis integral no que se teña en conta non só o cumprimento do principio de legalidade, senón tamén os de economía, eficacia e eficiencia, é conveniente introduci-la utilización de técnicas estatísticas no exercicio da función interventora, basicamente naquelas parcelas de actuación da Administración caracterizadas pola profusión de actos comúns en masa que fan que en ocasións a dita función se converta en reiterativa, perdendo calidade e rigor no seu exercicio.

Neste sentido, o punto 5 do artigo 97 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (TRLRFOG), aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, dispón que o conselleiro de Economía e Facenda, por proposta do interventor xeral da Comunidade Autónoma, poderá acordar en qué casos a función interventora será exercida sobre unha mostra e non sobre o total de actos, documentos ou expedientes suxeitos á intervención previa.

Esta fiscalización ten como finalidade contribuír á axilización dos procedementos de xestión, que só se interrompirán en función do número das deficiencias e da singular importancia das posibles irregularidades que se poñan de manifesto nos actos, documentos ou expedientes examinados.

Este control exercerase con independencia e compatibilizando a súa xestión co acordo de fiscalización limitada previa, e co fin de evitar unha reducción nos expedientes sometidos a control, sen perder de vista a fiabilidade e obxectividade da información pero revestido das connotacións de brevidade, urxencia, extensión e normalidade temporal.

O seu contido estará sempre aberto, no que faga referencia a extremos non comprendidos no ámbito de control de regularidade formal, ás necesidades de cada xestión concreta e establecerase de forma que permita rapidez e xeneralidade na súa aplicación, ademais do cumprimento da legalidade financeira, limitando a posibilidade de erros en razón de contías, para lograr unha maior eficacia na xestión dos gastos que se van tramitar por este sistema.

As características das poboacións de actos, documentos ou expedientes suxeitos á función interventora nas distintas consellerías e organismos da

Comunidade Autónoma demandarán diferentes tipos de mostraxe para garanti-la citada fiabilidade e obxectividade ou, en ocasións, o exame exhaustivo de todos e cada un dos expedientes integrantes da poboación considerada.

Por outra parte, e como xa se indicou, é preciso dar instruccións sobre as actuacións a que poida dar lugar a detección de defectos na mostra seleccionada, así como a subministración de información deducida do procedemento, de forma que permita a adopción, polos centros xestores responsables, das oportunas medidas correctoras e o perfeccionamento e a adecuación do propio procedemento de mostraxe ás circunstancias cambiantes das poboacións de expedientes.

Por todo isto, por proposta da Intervención Xeral, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O exercicio da función interventora por procedementos de mostraxe na Administración autonómica suxeitarase ás normas contidas nesta orde e ás instruccións que, con carácter previo ó dito exercicio, estableza a Intervención Xeral para cada centro e organismo da referida Administración.

Artigo 2º

1. Defínense como poboacións susceptibles de mostraxe os conxuntos de actos, documentos ou expedientes obxecto da función interventora e suxeitos a unha normativa legal análoga, recibidos nunha Intervención Delegada nun período determinado de tempo, procedentes dun mesmo centro xestor.

2. O período de tempo considerado deberá permitir, en calquera caso, o cumprimento dos prazos legais establecidos para a tramitación dos distintos actos, documentos ou expedientes.

3. Os centros xestores determinantes para os efectos da definición de poboacións susceptibles de mostraxe fixaranse a nivel de consellería ou de dirección xeral ou órgano equivalente en canto a competencias en materia de tramitación administrativa.

Artigo 3º

1. A Intervención Xeral determinará para cada consellería, centro e organismo as poboacións para mostraxe e aquelas que serán sometidas a exames exhaustivos de todos e cada un dos seus elementos integrantes, así como o tipo de mostraxe aplicable ás ditas poboacións.

2. En calquera caso comprobarase en todo acto, documento ou expediente obxecto de función interventora, a existencia da preceptiva certificación de existencia de crédito adecuado e suficiente, expedida pola oficina de contabilidade competente, así como que as obrigas ou gasto se xeren por órgano competente.

3. Para o efecto da dita determinación, os interventores delegados nas consellerías, centros ou organismos nos que se vaia implanta-la mostraxe, facilitaranlle á Intervención Xeral os datos que lles solicitaran relativos a: número, características, tipos e periodicidade dos actos, documentos ou expedientes obxecto de función interventora; procedementos de xestión seguidos; número, características e tipo de defectos observados no exercicio da función interventora; órganos de xestión.

Artigo 4º

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en función da información prevista no punto anterior, dictará as instruccións ás que se suxeitará o exercicio da función interventora por procedementos de mostraxe nas distintas consellerías, centros ou organismos da Administración autonómica, para o que establecerá os oportunos plans anuais de implantación e a realización de cursos de perfeccionamento en materia estatística do persoal dependente dela, se fose necesario.

Artigo 5º

A selección dos actos, documentos ou expedientes integrantes da mostra realizarase en forma aleatoria, logo da oportuna ordenación dos actos, documentos ou expedientes das poboacións para mostraxe, para o que se tomará como base a establecida polo rexistro de entrada da Intervención Delegada ou a deducida das relacións de expedientes procedentes do órgano xestor.

Artigo 6º

1. Os actos, documentos ou expedientes integrantes da mostra dilixenciaranse coa lenda: «Intervención por mostraxe. Artigo 97.5º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Expediente seleccionado».

2. Os actos, documentos ou expedientes comprendidos na poboación da mostraxe e que non resultasen seleccionados para a mostra dilixenciaranse coa lenda: «Intervención por mostraxe. Artigo 97.5º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Expediente non seleccionado» e sinatura do funcionario competente da Intervención Delegada.

Artigo 7º

1. Os actos, documentos ou expedientes integrantes da mostra examinaranse individualmente para os efectos de verifica-lo cumprimento das disposicións aplicables en cada caso.

2. No caso de non observarse defectos, os actos, documentos ou expedientes de referencia dilixenciaranse coa lenda: «Intervido e conforme» ou similar, e a sinatura do interventor delegado correspondente, ou emitirase acto de intervención favorable no que se reflictan os antecedentes e disposicións aplicables ó xuízo do dito interventor.

3. No caso de observarse defectos, formalizaranse por escrito os oportunos reparos de acordo co previsto no artigo 99 do TRLRFOG.

Artigo 8º

A información deducida dos procedementos mencionados trasladarase a cadros independentes para cada poboación considerada, nos que se recollerán os datos identificativos da dita poboación e da mostra seleccionada, así como o tipo de exame realizado, a proporción observada de expedientes correctos e defectuosos e os tipos de erros detectados.

Artigo 9º

Os cadros citados remitiranse ós xestores responsables correspondentes, para os efectos de adopción das medidas correctoras oportunas e á Intervención Xeral, para seguimento, control e perfeccionamento dos procedementos de control seguidos.

Artigo 10º

Se no exercicio da función interventora se detectase que os actos, documentos ou expedientes examinados infrinxen a legalidade vixente nas porcentaxes que fixe a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, deberá adoptarse algunha das seguintes medidas, en función do número e carácter das deficiencias observadas:

1ª Formulación dos correspondentes reparos de conformidade co artigo 99 do TRLRFOG. Ó mesmo tempo dirixirase escrito ó órgano xestor competente, indicando a conveniencia de que se adopten as medidas oportunas para diminuí-los desaxustes da legalidade.

2ª Formulación dos correspondentes reparos de conformidade co artigo 99 do TRLRFOG. Comunicarase ó órgano xestor competente a necesidade de revisa-los circuítos administrativos que interveñen na xestión do gasto ou ingreso correspondente, solicitando información sobre as medidas que se adopten a este respecto.

3ª Devolución ós órganos de xestión da totalidade da poboación sometida a control para que sexa revisada por aqueles antes de inicia-lo trámite de control. Desta circunstancia deberá darse conta á Intervención Xeral co fin de que poida adopta-las medidas oportunas, de acordo co previsto no artigo 97.5º do TRLRFOG.

Artigo 11º

No caso de que os elementos integrantes da poboación considerada formen parte dun único expediente, as medidas que se van adoptar sinaladas no artigo anterior referiranse ó dito expediente, devolvendo este, ben para os efectos de corrixi-los erros observados, ben para revisión polos órganos competentes de xestión da totalidade daqueles elementos, previamente ó inicio do trámite de control que corresponda.

Artigo 12º

Con independencia do exercicio da función interventora mediante os procedementos de mostraxe establecidos, os interventores delegados correspondentes poderán realizar exame individualizado dos actos, documentos ou expedientes pertencentes a poboacións para mostraxe e que non resultasen incluídos na mostra seleccionada, cando o consideren conveniente ou a intervención así o dispoña.

Artigo 13º

Calquera modificación nas circunstancias tomadas en consideración para a redacción das correspondentes instruccións e citadas no artigo 3.3º desta orde, comunicarase á Intervención Xeral para os efectos de modificación, se é o caso, das referidas instruccións ou formulación de instruccións complementarias.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1999.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda