Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 02 de decembro de 1999 Páx. 14.186

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 17 de novembro de 1999 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creado polo Decreto 307/1995, do 13 de xullo, é o máximo órgano asesor do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de telecomunicacións e audiovisual, ó que lle corresponde o estudio, deliberación e propostas en materias relativas ás telecomunicacións e ó audiovisual, así como emitir informe sobre os asuntos que o Consello da Xunta lle solicite ou os que se aborden por propia iniciativa do consello.

Coa entrada en vigor da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do Audiovisual de Galicia, a composición e funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia regúlase polo Decreto 276/1999, do 21 de outubro, creándose dentro da súa estructura, comisións sectoriais encargadas de estudiar temas concretos e especializados sobre as telecomunicacións e o audiovisual, ó tempo que se lle atribúen funcións de arbitraxe na resolución de conflictos que se lle sometan.

Na súa virtude, en uso da facultade outorgada ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo pola disposición derradeira primeira do Decreto 276/1999, do 21 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do regulamento.

Apróbase o Regulamento de funcionamento do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia que a continuación se insire.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 26 de novembro de 1996, pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

Entrada en vigor:

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DO CONSELLO ASESOR DE TELECOMUNICACIÓNS E AUDIOVISUAL DE GALICIA

Capítulo I

Organización

Artigo 1º.-Funcionamento do consello.

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia funcionará en Pleno, Comisión Permanente e a través das comisións previstas no artigo 15 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia e, así mesmo, de cantas decida crea-lo propio Consello dentro das súas competencias.

Artigo 2º.-Órganos do consello.

a) Son órganos do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia:

-O presidente.

-Os vicepresidentes.

-O Consello en Pleno.

-A Comisión Permanente.

-As comisións sectoriais.

b) Compoñerán o Pleno do Consello Asesor o presidente, os vicepresidentes, os vocais e o secretario.

c) A Comisión Permanente estará composta polos vicepresidentes, os vocais, representantes dos diferentes grupos sinalados no artigo 8 do Decreto 276/1999, do 21 de outubro e o secretario.

d) As comisións estarán compostas por membros do Consello, conforme o disposto no artigo 9 do mesmo decreto.

e) O secretario ten a condición de membro do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, e asistirá con voz e voto tanto ás reunións do Pleno como ás da Comisión Permanente.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

O Consello Asesor rexerase, canto á súa convocatoria, deliberacións e adopción de acordos, polo disposto no capítulo II do título II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como polo disposto neste regulamento de funcionamento.

Capítulo II

Presidente e vicepresidente

Artigo 4º.-Atribucións do presidente.

Correspóndelle ó presidente:

1. Desempeña-la representación do consello.

2. Acorda-la convocatoria das sesións e fixa-la orde do día do Pleno.

3. Presidi-las sesións, modera-lo desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

4. Dirimir co seu voto os empates, co fin de adopta-los acordos.

5. Autorizar coa súa sinatura os acordos e informes e visa-las actas do Pleno do Consello, así como as comunicacións que afecten ou se relacionen co consello como unidadade orgánica.

6. Designar e destituí-lo secretario do consello.

7. Designa-los vocais do consello, por proposta das distintas autoridades, entidades e organismos, e destituílos por calquera das causas determinadas no artigo 13º.

8. Designar e destituír, polo mesmo procedemento que ós titulares, os secretarios e vocais suplentes.

9. Someter ó Pleno os estudios e informes que considere pertinentes das comisións sectoriais constituídas, así como as propostas de acordos, se estimase o seu carácter de urxentes.

10. Dictar cantas instruccións de réxime interior procedan para a mellor tramitación dos asuntos do consello.

11. Exerce-las demais funcións que lle atribúan as leis e outras disposicións vixentes.

12. Asegura-lo cumprimento das leis.

13. Executar e velar pola execución dos acordos adoptados polo Consello en Pleno.

Artigo 5º.-Delegación das atribucións do presidente.

O presidente poderá delegar no vicepresidente primeiro calquera das atribucións sinaladas no artigo anterior.

Artigo 6.-Atribucións do vicepresidente primeiro.

Serán atribucións do vicepresidente primeiro:

1. Substituí-lo presidente en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

2. Auxilia-lo presidente no desempeño das súas funcións.

3. Exerce-las funcións que o presidente lle delegue.

4. Desempeña-las funcións do presidente respecto á Comisión Pemanente, sesións que presidirá.

5. Designa-los presidentes das comisións especializadas para temas concretos, unha vez designados os seus membros pola Comisión Permanente.

6. Autoriza-lo vocal que corresponda, se non figura entre os membros da Comisión Permanente, para asistir ás súas sesións, cando esta someta a deliberación unha proposta presentada por un organismo ou entidade que o vocal represente no consello co obxecto de participar nas deliberacións. Sen embargo, este vocal non poderá intervir nas votacións.

7. Autoriza-lo vocal representante do órgano ou entidades que, por razón da materia, tivera un inte

rese manifesto en asistir a unha sesión da Comisión Permanente nas condicións establecidas no punto anterior.

8. Requiri-la presencia de funcionarios ou especialistas que interviñeran na redacción do informe, documento ou proposta do acordo que se trate en cada momento, co obxecto de asesora-la Comisión Permanente.

9. Exerce-las facultades dos vocais que se enumeran no artigo 11º.

10. Executar e velar pola execución dos acordos adoptados pola Comisión Permanente.

11. Solicitar dos servicios e organismos da Administración os datos, estudios e colaboracións que estime convenientes para o cumprimento das funcións do consello.

12. Decidir sobre a conveniencia de que persoas ou entidades especializadas realicen estudios, informes ou traballos específicos, cando a importancia do asunto o requira, ben sexa por propia iniciativa ou por proposta da Secretaría do Consello ou da comisión interesada.

Artigo 7º.-Delegación das atribucións do vicepresidente primeiro.

O vicepresidente primeiro poderá delegar no vicepresidente segundo calquera das súas atribucións, excepto aquelas que lle foran delegadas.

Artigo 8º.-Atribucións do vicepresidente segundo.

Serán atribucións do vicepresidente segundo:

1. Substituí-lo vicepresidente primeiro no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

2. Auxilia-lo vicepresidente primeiro no desempeño das súas funcións.

3. Exerce-las facultades dos vocais que se enumeran no artigo 11º.

4. Desempeña-las funcións que o vicepresidente primeiro lle delegue.

Artigo 9º.-Atribucións do vicepresidente terceiro.

1. Substituí-lo vicepresidente segundo en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

2. Auxilia-los vicepresidentes primeiro e segundo no desempeño das súas funcións.

3. Exerce-las facultades dos vocais que se enumeran no artigo 11º.

4. Desempeña-las funcións que os vicepresidentes primeiro e segundo lles deleguen.

Os vicepresidentes cesarán nas súas funcións cando cesen no cargo que os faculta para formaren parte do Consello Asesor, segundo o teor do que dispón o artigo 3 do Decreto 276/1999, do 21 de outubro.

Capítulo III

Vocais

Artigo 10º.-Réxime de asistencia ás sesións.

Os vocais deberán asistir, por si ou substituídos polos seus suplentes, ás sesións do Pleno e, se é o caso, ás da Comisión Permanente e comisións correspondentes. Se non lles fora posible asistir con normalidade, deberán comunicalo ó presidente respectivo e ó órgano ou entidade que representan para os efectos de que poida promoverse a súa substitución cando proceda.

Artigo 11º.-Facultades dos vocais.

Os vocais terán as seguintes facultades:

1. Participar nos debates e deliberacións dos informes e demais asuntos incluídos na orde do día e propoñe-las modificacións que estimen oportunas nas propostas de informes e acordos presentados.

2. Exerce-lo seu dereito ó voto e formular na forma prevista no presente regulamento voto particular razoado, cando discrepen do parecer da maioría.

3. Formular rogos e preguntas.

4. Presentar ó presidente do consello ou ó da Comisión Permanente propostas sobre materias competencia destes órganos.

5. Participar, cando se estime de interese no Pleno ou na Comisión Permanente, nunha ou varias das comisións sectoriais que se constitúan.

6. Solicitar copia autorizada daqueles documentos que xulguen que deben poñer en coñecemento do departamento, entidade ou organismo ó que representen.

7. Elixir, se é o caso, o vocal ou vocais representantes do seu grupo que deban formar parte da Comisión Permanente.

8. Solicita-la inclusión dalgún asunto na orde do día coa antelación prevista neste regulamento.

Artigo 12º.-Asistencia á Comisión Permanente en supostos especiais.

Calquera vocal non pertencente á Comisión Permanente poderá solicitar do presidente desta a súa asistencia ás sesións con voz e sen voto, cando se sometan a deliberación propostas presentadas polo organismo ou entidade que o vocal represente no consello, ou cando, por razón da materia, tivera un interese manifesto nunha sesión da Comisión Permanente.

Artigo 13º.-Os vocais cesarán por calquera das seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Deixar de concorre-los requisitos que determinaron a súa designación.

c) Por decisión do presidente do consello, trala proposta de quen efectuara esta para a súa designación.

Capítulo IV

Secretario

Artigo 14º.-Natureza.

Ó secretario, que será un funcionario da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, correspóndelle a dirección da Secretaría do Consello, como órgano permanente de asistencia e apoio ó consello.

O secretario exercerá de secretario do Pleno e da Comisión Permanente, e poderá asistir ás reunións das comisións sectoriais.

Artigo 15º.-Réxime de asistencia ás sesións.

O secretario, como membro do Consello Asesor, terá voz e voto en tódalas reunións deste en que participe, e poderá asistir acompañado de asesores con voz pero sen voto.

Artigo 16º.-Funcións do secretario.

O secretario exercerá, ademais, as seguintes funcións:

1. Organiza-los servicios de apoio técnico e administrativo do Pleno do Consello, da Comisión Permanente e das comisións que se constitúan.

2. Prepara-los traballos do Pleno e da Comisión Permanente.

3. Recompilar e elabora-los estudios e informes necesarios para facilita-la toma de decisións polo consello.

4. Recibi-los actos de comunicación dos membros e as notificacións ou calquera clase de escrito dos que deba ter coñecemento.

5. Levantar e asina-las actas das sesións do Pleno e da Comisión Permanente e, unha vez visadas polo presidente respectivo e aprobadas polo Pleno ou pola Comisión Permanente, conservalas.

6. Expedir certificacións e comunicacións dos informes emitidos e dos acordos adoptados.

7. Tramitar e, se é o caso, executar aqueles acordos do consello ou decisións do presidente que se lle encomenden expresamente.

8. Dirixir e conserva-lo rexistro, arquivo, documentación e demais servicios similares que sexan precisos para o normal desenvolvemento das tarefas do consello.

9. Xestiona-lo réxime interno do consello.

10. Dirixir e distribuí-lo persoal asignado á Secretaría do Consello segundo as necesidades dos servicios.

Artigo 17º.-Colaboradores do secretario.

O secretario será auxiliado no labor preparatorio das actuacións do consello polo secretario suplente e o persoal da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 18º.-Secretario suplente.

1. O secretario suplente será designado polo presidente entre funcionarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

2. O secretario suplente substituirá o secretario no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

3. O secretario suplente exercerá as funcións de auxilio e apoio ó secretario no desempeño de tódalas súas tarefas.

Capítulo V

Consello en Pleno

Artigo 19º.-Atribucións do Consello en Pleno.

Ó Consello en Pleno correspóndenlle as seguintes atribucións:

1. Propoñer ó Consello da Xunta de Galicia cantas medidas considere oportunas no ámbito das telecomunicacións e do audiovisual, dentro das competencias da Comunidade Autónoma.

2. Emitir informes sobre aquelas cuestións que o presidente do consello someta á súa consulta.

3. Coñece-los informes emitidos, as propostas formuladas e os acordos adoptados pola Comisión Permanente; así mesmo, os informes das comisións sectoriais elevados pola Comisión Permanente, así como os informes ou proxectos de acordo que, sendo cualificados de urxentes, sexan presentados polas comisións ó Pleno.

4. Informar e adopta-los acordos sobre os informes ou acordos da Comisión Permanente ós que se lle formulara voto particular por algún vocal.

5. Coñece-los estudios ou informes das comisións especializadas que o presidente estime oportuno.

6. En xeral, todas aquelas funcións asignadas ó consello polas disposicións reguladoras deste, así como as que lle atribúan outras normas legais ou regulamentarias.

Artigo 20º.-Periodicidade das súas reunións.

O Pleno do Consello reunirase polo menos unha vez cada dous anos en sesión ordinaria, e en extraordinaria cando o decida o presidente ou o solicite a metade máis un dos seus membros.

Artigo 21º.-Convocatoria e orde do día.

A convocatoria do Pleno será acordada polo seu presidente e notificada polo secretario cunha antelación mínima de corenta e oito horas, salvo nos casos de urxencia, que poderá reducirse a vintecatro horas, e irá acompañada da orde do día.

A orde do día, preparada polo secretario, será aprobada polo presidente, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos membros do consello formuladas cunha antelación de, polo menos, quince días á data de convocatoria do Pleno.

Artigo 22º.-Asuntos non incluídos na orde do día.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes tódolos membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 23º.-Constitución do Pleno.

A convocatoria da reunión deberá conte-lo seu carácter de ordinaria, extraordinaria ou urxente, así como o lugar e tempo da súa celebración. Para a válida constitución do Pleno do Consello, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a presencia do presidente e o secretario ou, se é o caso, de quen os substitúa, e da metade, polo menos, dos seus membros.

Se non existira quórum, o Pleno poderá constituírse en segunda convocatoria vintecatro horas despois da sinalada para a primeira. Para isto será suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros e, en todo caso, a do presidente e o secretario ou de quen os substitúa.

No caso de xustificada urxencia, ámbalas convocatorias poderán ser feitas ó mesmo tempo e para o mesmo día, reuníndose o Pleno en segunda convocatoria se non puidera facelo en primeira por non estar presente o número esixido de vocais. Neste suposto requirirase a presencia do presidente e o secretario, ou quen os substitúa, e da terceira parte, ó menos, dos seus membros. A reunión en segunda convocatoria non poderá celebrarse ata transcorrida unha hora desde a fixada para o comezo da reunión en primeira convocatoria.

Artigo 24º.-Aprobación da acta da reunión anterior.

Aberta a sesión polo presidente, someterase a aprobación a acta da reunión anterior.

Aprobada a acta, se procede, entrarase nos seguintes asuntos incluídos na orde do día.

Artigo 25º.-Exposición de acordos, propostas e informes.

A relación detallada dos acordos adoptados na Comisión Permanente desde a sesión anterior e, se é o caso, as propostas de acordo ou os informes emitidos por aquela ou pola secretaría serán expostos ante o Pleno polo presidente da Comisión Permanente ou polo secretario. A exposición comprenderá, cando así proceda, a dos escritos en que se concretou o voto ou votos particulares dos vocais.

O presidente da Comisión Permanente ou o membro desta en quen delegue poderá expoñer ó Pleno as razóns ou observacións que considere convenientes e, se non pedira a palabra ningún vocal, someteranse directamente á votación do Pleno os informes, acordos ou propostas.

Artigo 26º.-Réxime dos debates.

Pedida a palabra por algún vocal, abrirase o debate sobre os informes e propostas de acordo presentados ante o Pleno.

Os vocais intervirán nas discusións sen mais limitacións que as que o presidente sinale para a boa orde do debate.

Os membros das comisións poderán intervir cantas veces estime oportuno para contestar ós vocais ou esclarece-las cuestións que a deliberación suscite.

O secretario deberá intervir sempre que sexa requirido para isto polo presidente ou cando sexa preciso recorda-los preceptos legais ou regulamentarios que resulten aplicables.

Artigo 27º.-Presentación de votos particulares.

Calquera vocal poderá presentar voto particular discrepante co parecer maioritario ou anuncialo, sempre que sexa antes de que se adopte o acordo sobre o tema debatido. Neste último suposto, remitirao por escrito á Secretaría do Consello dentro dun prazo non superior a corenta e oito horas. Ó voto particular poderán adherirse os vocais que estiveran de acordo con el e votaran en contra do acordo.

Transcorrido o prazo sinalado sen que o vocal ou vocais discrepantes formulen o seu voto particular, entenderase que renuncian a este.

Artigo 28º.-Votación.

Cando o presidente considere bastante discutidos os informes, acordos ou propostas de acordo, presentados ante o Pleno, preguntará se se aproba e, no caso de que non houbera unanimidade, procederase á votación que poderá ser a man alzada ou nominal, por acordo do presidente. A xuízo deste e en casos excepcionais, ou por acordo da maioría, a votación poderá ser secreta.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos dos membros presentes. En caso de empate, decidirá o voto do presidente.

Artigo 29º.-Prolongación da sesión.

Se non fose posible tratar tódolos asuntos relacionados na orde do día nunha sesión, o presidente poderá acorda-la celebración doutra inmediata, no mesmo día ou nos sucesivos, sen necesidade dunha nova citación por escrito.

Artigo 30º.-Acta da sesión.

De cada sesión levantarase acta, que conterá a relación das persoas que asistiran, a orde do día da reunión, así como as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, a forma e resultado da votación con expresión dos votos particulares se os houber, o contido dos acordos adoptados e os informes emitidos.

As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente.

Capítulo VI

Comisión permanente

Artigo 31º.-Funcións.

A Comisión Permanente exercerá as seguintes funcións:

1. Coñecer e emitir informe sobre os proxectos lexislativos e regulamentarios en materias de telecomunicacións e audiovisual que sexan competencia da Xunta de Galicia.

2. Elevarlle ó Pleno, co seu parecer, os estudios e informes dos grupos de traballo constituídos no ámbito da Comisión Permanente e das comisións sectoriais, así como as propostas de acordo que considere necesarias.

3. Aquelas funcións que acorde encomendarlle ou delegarlle o Pleno.

4. Adoptar acordos e emitir informes nos casos urxentes, salvo que o presidente do consello decida expresamente que son da competencia do Pleno.

5. Examinar previamente, e na medida do posible, os asuntos que teña que trata-lo Pleno.

6. Garanti-la efectiva aplicación dos acordos do Pleno e contribuír á preparación das reunións deste informándoo das súas propias actuacións.

7. Resolver aqueles asuntos de trámite nas cuestións de menor importancia que polo seu carácter non necesiten ir ó Pleno.

8. Cantos asuntos someta á súa consideración o presidente do Consello ou o vicepresidente primeiro.

9. Asegura-la continuidade da actividade do Consello nos períodos comprendidos entre os sucesivos plenos ordinarios ou extraordinarios.

10. Exercer, logo de informe da Comisión Sectorial correspondente, as funcións de arbitraxe na resolución de conflictos que lle sometan os interesados, de acordo co previsto no artigo 14 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

Artigo 32º.-Convocatoria e orde do día.

A Comisión Permanente reunirase sempre que sexa necesario, conforme a decisión do seu presidente e convocatoria realizada polo secretario, que irá acompañada pola orde do día. Tamén poderá ser convocada a petición da metade máis un dos seus membros, relacionándose nesa os asuntos que se vaian tratar. A notificación do secretario deberá ser realizada cunha antelación mínima de corenta e oito horas, salvo nos casos de urxencia, que poderá reducirse a vintecatro horas.

Artigo 33º.-Asistencia de vocais e expertos en supostos especiais.

Cando a Comisión Permanente teña que tratar sobre unha proposta presentada por un organismo ou entidade representada no consello, o presidente daquela poderá autoriza-la asistencia ás reunións

do vocal que corresponda se non figura entre os membros da comisión. En todo momento se poderá requiri-la presencia de funcionarios ou especialistas que interviñeran na redacción da proposta de acordo, co obxecto de presta-lo seu asesoramento, se ben sen interviren aqueles nas votacións.

Artigo 34º.-Solicitude ó presidente.

Calquera vocal que non forme parte da Comisión Permanente poderá solicitar do presidente dela autorización para asistir ás súas reunións cando desexe formular algunha proposta do organismo ou entidade que representa, relativa á orde do día prevista na reunión de que se trate.

Artigo 35º.-Normas de funcionamento.

A Comisión Permanente funcionará de acordo coas normas establecidas no capítulo anterior para o Consello en Pleno, en canto lle sexan aplicables.

Artigo 36º.-Facultades do presidente.

O presidente da Comisión Permanente terá, canto a esta, as mesmas facultades que o presidente do consello respecto ó Pleno.

Capítulo VII

Comisións

Artigo 37º.-Funcións.

1. Correspóndelles ás comisións sectoriais constituídas no seo da Comisión Permanente o estudio e informe daqueles asuntos para os que foron creadas. Funcionarán, en xeral, baixo a dirección e control da Comisión Permanente que designará os seus membros, quedando constituídas por ata un máximo de 6 vocais, sendo presididas polo vocal que designe o presidente.

2. Así mesmo, correspóndelles emitir informe na resolución de conflictos que, a través do procedemento de arbitraxe, exercerá a Comisión Permanente.

Artigo 38º.-Informes das comisións.

1. As comisións elevaranlle á Comisión Permanente e esta ó Pleno, e á consellería competente por razón da materia, cando así o considere necesario, os informes dos traballos realizados e propostas de acordo.

2. Os informes elaborados polas comisións non terán carácter vinculante.

Artigo 39º.-Normas de funcionamento.

As comisións observarán no seu funcionamento normas análogas ás establecidas para o Consello en Pleno na medida en que lles sexan aplicables e, eventualmente, as normas particulares definidas nos mandados de constitución e os prazos que o presidente do Consello poida sinalar en cada caso.

Artigo 40º.-Grupos de traballo de carácter temporal.

Para as tarefas internas específicas da comisión poderanse constituír grupos de traballo de carácter

temporal, dentro das comisións e integrados polos membros dela, co obxecto de prepara-los estudios ou informes sobre as cuestións ou asuntos que lles fixe a respectiva comisión.

Artigo 41º.-Estudios e informes.

As comisións poderán estar asistidas por representantes caracterizados do sector ou por expertos nos temas obxecto de estudio.

Así mesmo poderán propoñer ó presidente do consello ou persoa que exerza por delegación as súas funcións, a elaboración de estudios e informes por parte de entidades especializadas cando o estimen necesario e en relación a determinados asuntos de interese.

Artigo 42º.-Secretario das comisións.

O presidente da comisión elixirá un secretario de entre os seus membros.

Capítulo VIII

Secretaría do consello

Artigo 43º.-Natureza e composición.

A Secretaría do Consello é o órgano permanente de asistencia e apoio ó consello.

A Secretaría estará constituída da forma seguinte:

1. O secretario.

2. O secretario suplente.

3. Os funcionarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que se lle asignen.

4. O persoal que as necesidades requiran, de acordo co previsto na lexislación vixente.

Artigo 44º.-Traballos específicos.

A secretaría poderá propoñe-la contratación, de acordo coa lexislación vixente, de que traballos específicos vaian realizar persoas físicas ou xurídicas para a preparación dos estudios ou proxectos que sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins.

Capítulo IX

Consultas ó consello

Artigo 45º.-Tramitación.

As propostas, proxectos, iniciativas ou cuestións de calquera asunto que poidan ser sometidas á consideración do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia serán rexistradas e trasladadas á Vicepresidencia Primeira.

A Vicepresidencia Primeira determinará a súa tramitación, segundo proceda, mediante:

A elevación á presidencia para unha eventual inclusión na orde do día do Pleno, a remisión á Presidencia da Comisión Permanente, ou a remisión á Presidencia das comisións que puideran estar constituídas para o estudio do dito asunto.

A consulta ó consello será remitida e dilixenciada polo órgano que corresponda.

Artigo 46º.-Documentación e información complementaria.

As propostas, proxectos, iniciativas ou cuestións sometidas á consideración do consello deberán ir acompañados da documentación necesaria.

Os presidentes do consello, Comisión Permanente, comisións e secretario poderán pedir aclaracións e información complementaria sobre o asunto sometido a consulta.

Artigo 47º.-Presentación de propostas ou iniciativas.

As propostas ou iniciativas mencionadas no artigo anterior poderán ser presentadas ó Pleno do Consello pola Comisión Permanente ou, ó menos, por 10 dos seus membros.

Capítulo X

Acordos e informes do consello

Artigo 48º.-Obrigatoriedade.

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia está obrigado a adoptar acordos ou emitir informes sobre os asuntos que sexan da súa propia competencia.

A adopción de acordos farase segundo o prescrito no artigo 28º.

Artigo 49º.-Prazos.

Os acordos ou informes do consello serán adoptados ou emitidos no menor prazo posible, conforme a natureza da iniciativa correspondente e, en casos de urxencia, dentro do prazo que o presidente fixe.

Artigo 50º.-Elevación de acordos e informes.

Os acordos adoptados ou os informes emitidos seranlle elevados ó órgano da Administración pública que proceda ou remitidos ó órgano ou entidade correspondente, así como a aqueles que os promoveran. Irán asinados polo presidente ou vicepresidente primeiro, e o secretario, con expresión de se foron adoptados ou emitidos por unanimidade ou por maioría, ou se foron obxecto de informe dunha comisión e acompañados do voto ou votos particulares, se os houbese.