Ponse en coñecemento de tódolos interesados na concentración parcelaria da zona de Faramontaos e Proente (A Merca-Ourense), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 9/1996, do 12 de xaneiro (DOG número 20, do 29), que a xunta local da zona, na súa reunión do día 25 de outubro de 1999, aprobou as bases definitivas
de concentración, que estarán expostas ó público na Casa do Concello da Merca e na zona, durante o prazo de trinta días, contados desde o seguinte ó da última inserción desta resolución no Diario Oficial de Galicia, no BOP, no xornal de máis circulación da provincia, no lugar habitual da parroquia e no taboleiro de anuncios do concello, de conformidade co que determina a Lei de concentración parcelaria para Galicia (artigo 36).
Os documentos que os interesados poden examinar nos lugares de exposición refírense á determinación do perímetro (colección de planos coas parcelas incluídas e relación das excluídas), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes que servirán de base para face-las compensacións que sexan necesarias, así como á determinación de propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas, das que se declara formalmente a titularidade.
Contra as bases os interesados poden interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro do prazo dos trinta días sinalados, e presentalo no Servicio de Estructuras Rurais (rúa Florentino L. Cuevillas, 4-6, baixo, Ourense), nas oficinas centrais da consellería (edificio San Caetano, Santiago de Compostela), ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expresando no escrito un domicilio dentro do termo municipal para face-las notificacións que procedan.
Ourense, 25 de outubro de 1999.
Francisco Marín Muñoz
Xefe do Servicio de Estructuras Rurais de Ourense
Visto e prace
José Manuel Baltar Blanco
Delegado provincial de Ourense