Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 30 de novembro de 1999 Páx. 14.041

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de novembro de 1999 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Érguete-Integración.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Érguete-Integración, con domicilio en Vigo, rúa Martínez Garrido, nº 21-interior.

Supostos de feito.

1. Carmen García Pereira, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 9 de novembro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 4 de novembro de 1999, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, baixo o número 2510 de protocolo, por María del Carmen Avendaño Otero, Manuel Cisneros Rodríguez, Carmen-Amadora García Pereira, Manuel Álvarez Vilar, Juán-Antonio González Pérez e José Ballesteros Ballesteros, que interveñen en nome e por dereito propios, excepto José Ballesteros Ballesteros, que o fai en nome e representación da Asociación de Ayuda al Toxicómano Erguete, como presidente da súa xunta directiva.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral para a comunidade encamiñados á inserción socio-laboral de persoas con especial dificultade de integración na sociedade.

En particular, a fundación promoverá todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten a formación profesional, a reeducación, a reinserción social e alfabetización dos colectivos marxinais dentro do ámbito xeográfico provincial.

4. O padroado da fundación estará constituído por Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia como presidente de honra, María del Carmen Avendaño Otero como presidenta, Carmen-Amadora García Pereira como secretaria, Manuel Álvarez Vilar como tesoureiro e Juan Antonio González Pérez e Manuel Cisneros Rodríguez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Érguete-Integración, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa cla

sificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 15 de novembro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Érguete-Integración e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública