Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 26 de novembro de 1999 Páx. 13.969

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 10 de novembro de 1999 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo pertencente ó Servicio Galego de Saúde.

De conformidade co establecido no Decreto 252/1994, do 29 de xullo, polo que se crean as xerencias de atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa estructura directiva, e na Orde do 11 de maio de 1995 pola que se desenvolve a estructura directiva das xerencias de atención primaria de Galicia, esta consellería, en exercicio das competencias que ten atribuídas

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo de director de Xestión e Servicios Xerais da Xerencia de Atención Primaria da Coruña-Ferrol.

O réxime xurídico aplicable será o previsto no Decreto 252/1994, do 29 de xullo.

Segundo.-Poderán concorrer a ela os interesados que reúnan os requisitos sinalados no artigo 5 do citado decreto, para o posto de traballo de director de Xestión e Servicios Xerais da Xerencia de Atención Primaria da Coruña-Ferrol.

Terceiro.-Os aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos nel alegados, ademais dos requisitos esixidos na normativa á que se fai referencia no punto anterior.

Cuarto.-As ditas solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos das súas delegacións provinciais, nos das direccións provinciais do Sergas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Os aspirantes que resulten seleccionados deberán tomar posesión nos prazos sinalados no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo.

No suposto de que obteña destino un aspirante pertencente a outras administracións públicas, o seu cesamento deberá levarse a cabo de acordo coa lexislación da súa Administración de procedencia e quedará na situación que proceda, de acordo coas súas normas específicas.

A aquel funcionario de carreira da Administración do Estado que resulte seleccionado seralle de aplicación o disposto no parágrafo segundo do artigo 22 do Real decreto 28/1990, do 15 de febreiro (BOE nº 14, do 16), requiríndose, en consecuencia, o infor

me favorable do departamento en que presta os seus servicios. De non emitirse o dito informe no prazo de quince días, este considerarase favorable.

Así mesmo, no suposto de resultar seleccionada algunha persoa que teña a condición de persoal estatutario do sistema nacional de saúde en propiedade, será declarada polo organismo competente ou ben na situación de excedencia especial en activo, prevista no artigo 13 do Estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social, ou ben na situación de excedencia especial prevista no artigo 34 do Estatuto de persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo convocado, de considerarse oportuno.

Sétimo.-Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación. De non estima-la interposición deste recurso poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais