Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 26 de novembro de 1999 Páx. 13.967

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 1999 pola que se convoca un curso de xestión de axudas financiadas con fondos comunitarios para corporacións locais.

No uso das atribucións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de xestión de axudas financiadas con fondos comunitarios para corporacións locais, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

O exame práctico da normativa e documentación da Unión Europea sobre a tramitación de proxectos para a obtención de axudas con cargo a fondos comunitarios.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A, B das administracións locais con responsabilidade na xestión de proxectos que puideran ser obxecto de financiamento con cargo a fondos comunitarios.

Terceira.-Desenvolvemento.

Duración: 30 h.

Lugar: Santiago de Compostela. Escola Galega de Administración Pública.

Datas: 13, 14, 15, 16, 20, 21 e 22 de decembro de 1999.

Horario: 16.30 horas a 20.30 horas.

Prazas: 35.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 4 de decembro de 1999.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG número 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta de asistencia inxustificada do 15% das horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do certificado.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, que supere o 15% das horas lectivas programadas, imposibilitará igualmente a expedición do certificado, e dará lugar á baixa do curso con perda de tódolos dereitos.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP, do 26 de outubro de 1994, BOE número 267, do 8 de abril, e corrección de erros, BOE número 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,20 puntos.

Novena.-Contido.

FEDER, FSE, FEOGA, IFOP e fondos de cohesión, normativa, incidencia no eido local. Xestión de axudas. Programación, seguimento, avaliación e control.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública