Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 25 de novembro de 1999 Páx. 13.877

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 302/1999, do 17 de novembro, polo que se modifica o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Instituto Galego de Promoción Económica.

En liña cos obxectivos marcados polos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, subscritos entre a Xunta de Galicia e os distintos axentes económicos e sociais para asegura-la creación de emprego estable, a Xunta de Galicia considera oportuno profundar no seu apoio ó Sistema de Sociedades de Garantía Recíproca como instrumentos financeiros ó servicio das necesidades das pequenas e medianas empresas.

O Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modificou o Decreto 284/1994, de regulación de avais do Igape, xa introduciu a posibilidade para o Igape de reavalar, ante as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia e ata o 25% do risco que estas asumisen como primeiras avalistas, aquelas operacións acollidas ós programas de fomento empresarial que para tal fin se concertasen entre o Igape e as sociedades de garantía recíproca.

Á vista da especificidade da natureza destas operacións de reaval, estímase conveniente establecer un procedemento independente para a súa aprobación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Dáse nova redacción ó punto 5 do artigo 2º do Decreto 284/1994, de regulación de avais do Igape:

5. Así mesmo, o Igape, renunciando ó beneficio de excusión, poderá reavalar, ante as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia, o risco que estas asuman como primeiras avalistas por aquelas operacións acollidas ós programas de fomento empresarial que para tal efecto se aproben.

Artigo 2º

Engádese un punto 3 ó artigo 4º do Decreto 284/1994, de regulación de avais do Igape:

3. Nos avais contemplados no punto 5 do artigo 2º deste decreto, será o Igape quen responderá dos falidos que se é o caso se produzan, con cargo á dotación orzamentaria para tal efecto habilitada.

Disposición adicional

Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para regular mediante orde os requisitos e procedementos de concesión dos avais establecidos neste decreto, a porcentaxe máxima de risco avalado e

o sistema de recuperación de falidos. Así mesmo, mediante orde da Consellería de Economía e Facenda poderase habilita-lo Igape para que concerte coas sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia os convenios de colaboración oportunos para implementar este sistema.

Disposición final

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda