Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 18 de novembro de 1999 Páx. 13.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 1999 pola que se convocan unhas Xornadas de estudio sobre a conciliación da vida laboral e familiar.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas de estudio sobre a conciliación da vida laboral e familiar, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

-Estudia-las novidades lexislativas derivadas da entrada en vigor da Lei de conciliación da vida laboral e familiar.

-Analiza-los dereitos derivados da maternidade e da paternidade e a súa repercusión no emprego e nas condicións de traballo.

-Coñece-los dereitos de traballadores e funcionarios no eido da Seguridade Social, derivados da maternidade ou paternidade e dos permisos parentais.

-Debater sobre os dereitos de lactación e garda legal e a súa efectividade práctica.

-Estudia-la situación de risco durante o embarazo e, en xeral, as peculiaridades da maternidade no que atinxe á prevención de riscos no traballo.

-Aborda-las novas posibilidades e perspectivas de asunción polo pai das súas obrigas e dereitos derivados do parto, adopción ou acollemento.

-Coñecer e debate-las diversas medidas de fomento e as súas liñas de tendencia.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As directivas 96/34, sobre permiso parental, e 92/85 sobre protección da maternidade.

-Antecedentes, xénese, obxectivos e contido xeral da lei.

-A suspensión do contrato por parto, adopción e acollemento. Novidades lexislativas. No caso dos funcionarios públicos.

-Permiso de lactación e garda legal.

-A excedencia para o coidado de fillos e familiares.

-A situación de risco durante o embarazo. Aspectos laborais e funcionariais e da Seguridade Social.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia, da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela) os días 13 e 14 de decembro de 1999.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 9 de decembro de 1999.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4,15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 10 de decembro, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública