Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 16 de novembro de 1999 Páx. 13.438

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 293/1999, do 28 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Por Decreto 1025/1973, do 2 de maio, constituíuse o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, mediante segregación do antigo Colexio de Arquitectos de León, Asturias e Galicia.

O devandito colexio, reunido en xunta xeral ordinaria, procede á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Natureza e denominación.

1. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) é unha corporación de dereito público, constituída segundo a lei e integrada polos arquitectos que reúnen os requisitos establecidos nestes estatutos.

2. O COAG ten personalidade xurídica propia, a súa capacidade de obrar é plena para o cumprimento dos seus fins e goza de plena autonomía no marco da normativa que lle é de aplicación e baixo a garantía xurisdiccional dos tribunais de xustiza.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do COAG é o de Galicia, con carácter de colexio profesional único, e, como tal, asume para a profesión as funcións atribuídas ós consellos galegos de colexios, segundo a normativa vixente.

Artigo 3º.-Domicilio.

1. O COAG ten a súa sede en Santiago de Compostela e o seu domicilio social na Casa da Conga, Quintana de Mortos, número 3.

2. Ten establecidas delegacións nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol.

Artigo 4º.-Relacións externas.

1. Sen prexuízo doutras relacións, o COAG relacionarase especialmente:

a) Coa Xunta de Galicia.

b) Coa Administración central do Estado, a través dos distintos ministerios e organismos autónomos

c) Coa Administración local, a través dos entes que forman parte dela.

2. As relacións do COAG fóra do seu ámbito territorial cos órganos do Estado, coas entidades estranxeiras e organismos internacionais e cos outros

colexios profesionais realizaranse coa venia ou por mediación do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Capítulo II

Fins e funcións

Artigo 5º.-Fins.

Son fins esenciais do COAG

a) Procura-lo perfeccionamento da actividade profesional dos arquitectos ó servicio da sociedade.

b) Ordena-lo exercicio profesional no marco das leis.

c) Mirar pola observancia da deontoloxía da profesión e polo respecto debido ós dereitos dos cidadáns.

d) Representar e defende-los intereses xerais da profesión, en particular nas súas relacións cos poderes públicos.

e) Defende-los dereitos e intereses profesionais dos seus membros.

f) Realiza-las prestacións de interese xeral propias da arquitectura e do urbanismo que considere oportunas ou que lle encomenden os poderes públicos conforme a lei.

Artigo 6º.-Funcións.

Para a consecución dos seus fins, o COAG exercerá no seu ámbito territorial as funcións que a lexislación lles asigna ós colexios profesionais e, en particular, as seguintes:

1. De rexistro:

a) Levar ó día a relación dos seus membros, con constancia, como mínimo, do testemuño auténtico do título, a data da alta, o domicilio profesional e o de residencia, a sinatura actualizada e cantas incidencias ou impedimentos afecten á súa habilitación para o exercicio profesional.

b) Solicita-los datos referentes á situación e actividade profesionais dos seus membros.

c) Certifica-los datos do rexistro por petición dos interesados ou por requirimento das autoridades competentes.

d) Facilitarlles ós órganos xurisdiccionais e ás administracións públicas, conforme as leis, as relacións dos arquitectos que poidan ser requiridos para intervir como peritos de acordo coas listas de arquitectos peritos e forenses establecidas para o efecto pola agrupación, se a houbera, en aplicación do seu regulamento.

2. De representación:

a) Representa-la profesión de arquitecto e os seus intereses xerais ante os poderes públicos de Galicia e ante as restantes administracións, procurando os intereses profesionais e prestando a súa colaboración nas materias da súa competencia, para o cal poderá suscribir convenios cos organismos respectivos. Can

do a representación deba ter lugar ante órganos con competencia fóra do ámbito colexial e sexa referida a asuntos que transcendan o seu ámbito territorial, as actuacións realizaranse coa venia ou por mediación do consello superior dos colexios de arquitectos.

b) Actuar ante os xuíces e tribunais de xustiza, dentro e fóra do seu ámbito territorial, nos litixios que afecten ós intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lle outorga, podendo facelo en substitución procesual dos seus membros.

c) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discuta sobre cuestións profesionais, se fora requirido para iso.

d) Informar, segundo as leis, os proxectos de disposicións de ámbito galego que regulen ou afecten directamente ás atribucións profesionais ou ás condicións da actividade dos arquitectos.

e) Cooperar na mellora do ensino e da investigación da arquitectura, do urbanismo e do ambiente.

f) Participar e representa-la profesión nos congresos, xurados e órganos consultivos por petición da Administración ou de particulares.

g) Promove-la presencia social da profesión, mirando polo seu prestixio e dignidade.

3. De ordenación:

a) Evita-lo intrusismo profesional.

b) Mirar pola independencia facultativa do arquitecto en calquera das modalidades do exercicio profesional.

c) Intervir nos concursos que afecten ós arquitectos, mediante a designación de representantes nos xurados, a información das súas bases e a impugnación delas, se fose preciso, con advertencia ós colexiados.

d) Establecer e controla-los niveis mínimos de dilixencia profesional.

e) Asesorar sobre as condicións de contratación dos servicios profesionais dos arquitectos, procurando a mellor definición e garantía das respectivas obrigas e dereitos.

f) Informar ou adverti-los seus colexiados sobre as ofertas de traballo que presenten condicións irregulares, abusivas ou arriscadas para un correcto exercicio profesional.

g) Mirar polo respecto dos dereitos de propiedade intelectual dos arquitectos.

h) Visar, para a súa validez, os traballos profesionais dos arquitectos.

i) Mirar pola ética e a dignidade da profesión, tanto nas relacións recíprocas entre arquitectos como nas destes cos seus clientes ou coas organizacións nas que desenvolvan o seu labor profesional.

j) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os arquitectos que incumpran os seus deberes colexiais ou profesionais, tanto legais como deontolóxicos.

k) Establecer normativas sobre a actividade profesional en exercicio das súas funcións con suxeición a estes estatutos e demais disposicións xerais de aplicación.

l) Favorece-la apertura de campos de traballo profesional compartidos con outras profesións, facilitando e potenciando a especialización dos arquitectos neles mediante formas organizativas colexiais adecuadas para estes fins.

4. De servicio:

a) Promove-la investigación e difusión da arquitectura e do urbanismo.

b) Asesorar e apoia-los arquitectos no exercicio profesional, instituíndo e prestando todo tipo de servicios.

c) Abrir canles para facilita-la incorporación ó exercicio profesional dos colexiados recentemente titulados.

d) Establecer baremos de honorarios con carácter simplemente orientativa.

e) Xestiona-lo cobramento dos honorarios profesionais, por solicitude dos colexiados e coas condicións que se determinen nas normas que rexan este servicio.

f) Asesora-los arquitectos nas súas relacións coas administracións públicas.

g) Resolver por laudo, segundo a lexislación sobre arbitraxes e os seus propios regulamentos de procedemento, os conflictos que lles sometan as partes en materias relacionadas coa competencia profesional dos arquitectos.

h) Colaborar con institucións ou entidades de carácter formativo, cultural, cívico, de previsión e outras análogas dedicadas ó servicio dos arquitectos ou ó fomento e á defensa dos valores culturais e sociais que concirnen á profesión, e promove-la constitución delas.

5. De organización:

a) Aprobar e modifica-los seus estatutos, co informe do consello superior dos colexios de arquitectos sobre a súa compatibilidade cos estatutos xerais del e coa intervención que proceda por parte da Xunta de Galicia.

b) Aprobar e executa-los seus orzamentos.

c) Dictar normas sobre organización e funcionamento interior para o desenvolvemento e aplicación destes estatutos.

d) Informa-los colexiados sobre os balances e contas de resultados.

Capítulo III

Colexiación

Artigo 7º.-Incorporación ó colexio.

1. O deber de colexiación como requisito legal para o exercicio da profesión de arquitecto en Galicia

esixirá como condición obrigada, para quen non pertencera a outros colexios de arquitectos, a incorporación ó COAG como colexiado.

2. Poderán igualmente incorporarse e permanecer no COAG con carácter voluntario os arquitectos que non exerzan a profesión ou que, en razón da súa modalidade de exercicio, estiveren legalmente dispensados do deber de colexiación.

3. O exercicio profesional en Galicia dos arquitectos non colexiados no COAG, pero se en calquera outro colexio, requirirá unicamente a súa habilitación temporal.

Artigo 8º.-Requisitos da colexiación e da habilitación.

1. A incorporación ó COAG como colexiado require as seguintes condicións:

a) Posuí-la titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de arquitecto.

b) Non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

c) Non estar suspendido no exercicio profesional no territorio de Galicia por sanción disciplinaria colexial firme.

d) Paga-la cota de colexiación, unha vez recibido informe favorable sobre a posibilidade de incorporación.

2. A posesión da titulación acreditarase mediante testemuño auténtico do título. No caso de se tratar de titulación estranxeira achegarase, ademais, a documentación acreditativa da súa validez en España para efectos profesionais e, de tratarse de cidadáns doutros países, deberán cumprirse os demais requisitos legalmente esixidos para o establecemento e traballo dos estranxeiros en España.

3. A incorporación de arquitectos con nacionalidade e titulación comprendidas nas directivas da Unión Europea sobre recoñecemento mutuo de títulos no sector da Arquitectura e o exercicio efectivo do dereito de establecemento e de libre prestación de servicios, aterase ó disposto nesas directivas específicas e na normativa regulamentaria de transposición delas ó ordenamento xurídico español.

4. A habilitación polo COAG de arquitectos colexiados en calquera outro colexio producirase de oficio coa comunicación dos correspondentes encargos por mediación do colexio de procedencia, quedando así suxeito o arquitecto ás competencias do COAG en materia de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria, así como ás cargas económicas que lle correspondesen por cotas, visados, etc. O procedemento e condicións xerais do réxime de habilitación intercolexial axustaranse ás normas básicas aprobadas polo consello superior dos colexios de arquitectos.

5. Os arquitectos que residan en país estranxeiro poderán inscribirse como habilitados sen te-la con

dición de colexiados suxeitándose ás normas de acreditación que resulten aplicables cando non teñan a nacionalidade española.

Artigo 9º.-Solicitudes de colexiación e de habilitación.

1. A solicitude de incorporación ó COAG como colexiado farase por escrito, xunto coa documentación acreditativa da titulación e de declaración ou acreditación de cantos datos deban constar no rexistro colexial. A acreditación da inexistencia de sanción disciplinaria colexial inhabilitante será solicitada de oficio polo COAG ó consello superior de colexios.

2. As solicitudes efectuadas por cidadáns estranxeiros ou por arquitectos con titulación estranxeira requirirán, ademais, informe do consello superior de colexios.

3. A solicitude de incorporación ó COAG como habilitado farase por escrito a través do colexio de procedencia, e virá xunto coa acreditación da condición de colexiado e da inexistencia de circunstancias incapacitantes ou inhabilitantes.

Artigo 10º.-Admisión e denegación de colexiacións e habilitacións.

1. A xunta de goberno resolverá as solicitudes de colexiación e habilitación no prazo máximo dun mes, contado a partir do día seguinte ó de presentación da solicitude; transcorrido este prazo sen se produci-la resolución, a solicitude considerarase admitida sempre que se cumpriren as condicións formais e materiais. O prazo será de tres meses no caso de solicitudes de colexiación efectuadas por cidadáns estranxeiros ou por arquitectos con titulación estranxeira.

2. O prazo quedará interrompido se a documentación achegada coa solicitude fora incompleta, e polo tempo que o interesado tardara en completala, ou para efectua-las comprobacións que foran necesarias co fin de verifica-la súa lexitimidade e suficiencia; se o solicitante retrasase a achega da documentación pedida máis de tres meses desde que fora requirido para iso sen que exista causa xustificada, a solicitude de incorporación decaerá e será arquivada sen outro trámite.

3. A colexiación ou habilitación poderá denegarse unicamente cando o solicitante incumprise as condicións ou requisitos de colexiación.

4. A xunta de goberno poderá delega-lo outorgamento da colexiación ou habilitación con carácter provisional, no secretario do colexio, en casos de urxencia; a súa decisión nestes casos será sometida a posterior ratificación da xunta de goberno.

Artigo 11º.-Suspensión da condición de colexiado ou habilitado.

1. A condición de colexiado ou habilitado, e o exercicio dos dereitos inherentes a esta condición,

quedarán en suspenso por algunha das seguintes causas:

a) Inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional decretada por resolución xudicial firme.

b) Suspensión no exercicio da profesión imposta por sanción disciplinaria colexial devida firme.

c) Incumprimento das obrigas económicas co colexio por un período de seis meses, despois de feito requirimento ó pagamento con advertencia de suspensión. A xunta de goberno, antes de acorda-la suspensión por esta causa, verificará que o arquitecto non exerce a profesión en Galicia e procederá logo a suspendelo nos seus dereitos como colexiado ou habilitado, sen prexuízo de reclamarlle o cumprimento das súas obrigas económicas polos procedementos de que dispoña.

2. A situación de suspenso manterase mentres subsista a causa que a determine.

Artigo 12º.-Perda da condición de colexiado ou habilitado.

1. A condición de colexiado ou habilitado perderase por algunha das seguintes causas:

a) Baixa voluntaria, solicitada por escrito con manifestación de que non se exerce a profesión no territorio de Galicia nin se teñen compromisos profesionais pendentes de cumprimento, ou acreditando noutro caso a renuncia correspondente.

b) Finalización dos traballos que determinaron a incorporación como habilitado.

c) Perda por resolución xudicial ou administrativa firme, ou inexactitude comprobada dalgunha das condicións esixibles para o exercicio da profesión en España.

d) Expulsión do COAG, decretada como resolución de expediente disciplinario e devida firme.

e) Condena firme coa pena accesoria de privación a perpetuidade do exercicio da profesión.

f) Suspensión durante tres meses consecutivos por incumprimento das obrigas económicas co colexio decretada segundo o procedemento do artigo 11º.1 c). A reincorporación ó COAG quedará neste caso condicionada ó pagamento das cotas debidas e dos seus xuros de demora, sempre que o crédito non prescribira, de acordo coa lexislación vixente.

2. A perda da condición de colexiado ou habilitado será sen prexuízo do dereito do COAG de perseguir, nos ámbitos colexial e extracolexial, os actos realizados durante a adscrición ó colexio.

Artigo 13º.-Rexistro xeral.

O COAG, para constancia no Rexistro Xeral de Arquitectos, daralle conta inmediata ó consello superior dos colexios das resolucións adoptadas sobre incorporacións, suspensións, baixas, así como das alteracións dos datos sobre domiciliación profesional e de residencia dos arquitectos.

Artigo 14º.-Colexiados de honor.

A xunta xeral, por proposta da xunta de goberno, e coa conformidade dos interesados, poderá nomear discrecionalmente colexiados de honor a todas aquelas persoas que acrediten méritos ou servicios relevantes prestados a favor da profesión ou da arquitectura en xeral.

Capítulo IV

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 15º.-Dereitos dos colexiados e habilitados.

1. O arquitecto colexiado no COAG ten dereito:

a) A tódalas consideracións debidas á profesión.

b) Á protección e defensa do COAG no exercicio recto e lexítimo da profesión.

c) Á igualdade de trato respecto dos demais colexiados en canto ó exercicio dos seus dereitos e deberes.

d) Ó recoñecemento dos seus traballos como propios e á protección da propiedade intelectual.

2. Con respecto ó colexio, o arquitecto colexiado no COAG ten dereito:

a) A participar no goberno do colexio, formando parte da xunta xeral.

b) A dirixirse ós órganos do colexio formulando peticións e queixas.

c) A exerce-lo dereito de recurso contra os acordos e resolucións dos órganos colexiais.

d) A pedir e obter información sobre a profesión en xeral e sobre a actividade colexial, e a examina-los documentos nos que se reflicta a actividade económica do colexio.

e) A pedir e obte-los datos que posúa o COAG nos que teña interese lexítimo, persoal e directo.

f) A usa-los servicios que preste o COAG na forma e nas condicións que se determinen para cada un deles.

g) A ser asesorado ou defendido polo colexio nas cuestións que se susciten relativas ós seus dereitos e intereses lexítimos de carácter profesional, na forma e nas condicións fixadas para o efecto.

h) A ser mantido no pleno uso dos seus dereitos mentres non se produza a súa suspensión ou baixa conforme estes estatutos.

i) A formar parte das agrupacións colexiais sen máis esixencia que o cumprimento dos requisitos establecidos polos respectivos regulamentos.

3. Os arquitectos colexiados residentes en Galicia terán dereito de sufraxio activo e pasivo.

4. Os arquitectos colexiados non residentes en Galicia terán dereito de sufraxio activo pero non pasivo.

5. Os arquitectos habilitados terán os mesmos dereitos que os colexiados excepto os seguintes:

-Dereito de participar na xunta xeral.

-Dereito de sufraxio, nin activo nin pasivo.

-Dereito de pedir e obter información sobre a profesión en xeral e sobre a actividade colexial.

-Dereito de examina-los documentos nos que se reflicta a actividade económica do colexio.

Artigo 16º.-Deberes dos colexiados e habilitados.

1. O cumprimento dos deberes dos arquitectos colexiados e habilitados constitúe o obxecto propio das potestades colexiais de control e disciplina reguladas por estes estatutos.

2. Con carácter xeral o arquitecto incorporado ó COAG como colexiado ou habilitado deberá:

a) Exerce-la profesión con liberdade e independencia de criterio, cumprindo o ordenamento xurídico e as súas obrigas profesionais e deontolóxicas.

b) Actuar con plena competencia profesional e dedicación ó traballo e non asumir tarefas que non poida atender debidamente.

c) Garda-los segredos que coñeza por razón do exercicio profesional, salvo que estea obrigado pola lexislación a revelalos.

d) Observa-las incompatibilidades profesionais e as causas de abstención legal ou deontoloxicamente establecidas.

3. Con respecto ó colexio e ós demais arquitectos, o arquitecto incorporado ó COAG como colexiado ou habilitado deberá:

a) Cumprir estes estatutos e as normas e resolucións dictadas polos órganos colexiais, sen prexuízo do dereito de formular queixas e recursos.

b) Ter para cos compañeiros de profesión as atencións derivadas do mellor espírito de irmandade.

c) Presta-lo debido respecto ós compañeiros que exerzan cargos colexiais.

d) Actuar con fidelidade e dilixencia no exercicio dos cargos para os que fose elixido ou nomeado.

e) Asistir ás asembleas, xuntas ou comisións para as que fose elixido ou nomeado e representa-lo COAG en organismos, comisións, tribunais, xurados e outros, unha vez aceptado o encargo, se este non fose obrigatorio.

f) Contribuír puntualmente ó levantamento das cargas colexiais de toda clase conforme estes estatutos e os acordos adoptados polos órganos colexiais para a súa aplicación.

g) Comunicarlle ó COAG calquera acto de intrusismo ou actuación profesional irregular dos que tivese coñecemento.

h) Comunicarlle ó COAG o seu modo ou modos de exercicio profesional no momento de solicita-la súa incorporación ó colexio, as variacións que nestes

modos se producisen posteriormente, os cambios de domicilio profesional e particular e demais circunstancias que deben ser de coñecemento do colexio segundo estes estatutos.

i) Actuar en todo momento de acordo coa normativa ordenadora da competencia leal entre arquitectos.

j) Presentar a visado colexial tódolos documentos profesionais que autorice coa súa sinatura.

k) Poñer en coñecemento inmediato do COAG o seu cesamento en calquera traballo profesional en curso de realización.

l) Cumpri-los requisitos estatutarios para acepta-la continuación dun traballo profesional en substitución doutro arquitecto.

m) Non acepta-lo encargo de traballos profesionais que non poida atender debidamente.

n) Non aceptar cargos nin postos de traballo que non se adecuen ás condicións do exercicio da profesión. Someterá á xunta de goberno as dúbidas que teña ó respecto.

o) Cumprir, como membro das agrupacións, coas obrigas establecidas nos respectivos regulamentos.

4. En relación cos seus clientes o arquitecto incorporado ó COAG como colexiado ou habilitado deberá:

a) Fixar con precisión, e por escrito se lle fose solicitado, o contido do traballo profesional que debe realizar e a previsión da correspondente remuneración.

b) Protexe-los intereses do seu cliente mentres non se opoñan ó ordenamento xurídico nin á normativa colexial.

c) Coida-lo desenvolvemento do seu traballo, singularmente nas obras de edificación, tanto no ámbito da responsabilidade profesional canto na adecuación ó proxecto aprobado.

Capítulo V

Ordenación do exercicio profesional

Artigo 17º.-Funcións de ordenación.

1. As competencias relativas a funcións colexiais que impliquen ou consistan en actos de control sobre a actividade profesional dos arquitectos son de natureza regulada conforme o disposto nestes estatutos e terán como único fin lexítimo mirar polo cumprimento da normativa legal, estatutaria e deontolóxica da profesión e defende-la lexítima actuación do arquitecto, sen prexuízo dos dereitos de quen contrata os seus servicios.

2. Están suxeitas a control colexial tódolas actuacións profesionais dos arquitectos para as cales sexa requisito legal a colexiación.

3. O control colexial sobre a actividade profesional dos arquitectos exércese a través do visado dos traballos profesionais, segundo apareza regulado no correspondente regulamento deste servicio.

4. A xunta de goberno é a titular das funcións de control. As xuntas directivas das delegacións exercerán estas funcións por delegación da xunta de goberno.

Artigo 18º.-Comunicación dos encargos.

1. Todo arquitecto comunicaralle ó colexio os encargos dos traballos profesionais que reciba, declarando as súas características técnicas e legais e demais circunstancias obxectivas de identificación e localización da misión encomendada que sexan precisas para o seu rexistro colexial. A comunicación do encargo será requisito necesario para o visado do traballo.

2. Recibida a comunicación de encargo polo colexio, este poderá, conforme a normativa, formular observacións ou reparos se observase circunstancias que puideran condicionar no seu momento o outorgamento do visado correspondente.

Artigo 19º.-Visado.

1. Son obxecto do visado colexial os traballos profesionais que se reflictan documentalmente e estean autorizados coa sinatura do arquitecto. Non están suxeitos a visado os traballos que, como contido da súa relación de servicio, realicen os arquitectos adscritos ás administracións públicas baixo réxime funcionarial ou laboral.

2. O visado comprende:

a) A acreditación da identidade do arquitecto ou arquitectos responsables e a súa habilitación actual para o traballo de que se trate.

b) A comprobación da veracidade, suficiencia e corrección formais da documentación integrante do traballo respecto as normas legais e requisitos colexiais de presentación.

c) A realización das demais constatacións que lle sexan encomendadas ó colexio polas leis, regulamentos e demais normas legais.

3. O procedemento de visado será regulado por regulamento aprobado pola xunta xeral. En todo caso, o prazo para resolver non excederá de vinte días hábiles contados desde a presentación do traballo, salvo suspensións do prazo para emendar deficiencias documentais. Cando a resolución fose denegatoria, deberá ser motivada e notificada en debida forma.

Artigo 20º.-Control técnico de proxectos.

Con independencia do contido específico do visado colexial o COAG poderá establecer un servicio técnico de carácter voluntario á disposición dos arquitectos para o control de calidade dos traballos profesionais, de acordo coas normativas de homologación e demais condicións que se determinen nas normas de funcionamento e utilización do servicio.

Artigo 21º.-Substitución de arquitectos.

1. A substitución dun arquitecto por outro na realización dun mesmo traballo profesional, cando non

conste por escrito a renuncia, require a venia do substituído. En defecto de venia será necesaria a autorización colexial.

2. Sen prexuízo do previsto nos puntos anteriores, cando un arquitecto deba cesar, por calquera causa, como director dunha obra en curso de execución, deberá comunicarllo de inmediato ó colexio, con achega de certificación que recolla o estado das obras realizadas baixo a súa dirección e a documentación técnica correspondente.

Artigo 22º.-Incompatibilidades.

O exercicio da profesión de arquitecto está sometido ás incompatibilidades que establece o ordenamento xurídico.

Artigo 23º.-Asociacións entre arquitectos para o exercicio da profesión.

1. Os arquitectos incorporados ó COAG poderán asociarse entre eles e con outros profesionais baixo calquera forma de asociación ou sociedade das recoñecidas polo ordenamento xurídico.

2. As sociedades ou asociacións constituídas poderán ser inscritas no Rexistro de Sociedades de Arquitectos do COAG sempre que reúnan os requisitos fixados na correspondente normativa.

3. A inscrición no Rexistro Colexial, mentres se manteña, implica o recoñecemento da entidade polo COAG para os efectos recollidos nestes estatutos e na normativa que os desenvolvan. En ningún caso a existencia e actuación destas entidades pode implicar alteración do conxunto de dereitos e obrigas dos arquitectos asociados na súa condición persoal de membros do COAG conforme estes estatutos, as normas que os desenvolvan e os acordos dos órganos colexiais de goberno.

Capítulo VI

Organización colexial e órganos de goberno

Sección 1ª

Estructura da organización colexial

Artigo 24º.-Estructura.

1. O COAG, para cumpri-los seus fins e funcións, adopta a seguinte estructura:

a) Unha organización central ou xeral que garante a unidade de expresión externa e a homoxeneidade de funcionamento interno do COAG.

b) Unha organización territorial que garante a proximidade da súa presencia ante os colexiados e ante a sociedade.

Artigo 25º.-Organización central.

1. A organización central ou xeral está materializada en tres órganos de goberno: a xunta xeral, a xunta de goberno e o decano, estende a súa xurisdicción a toda Galicia, exerce a alta representación do COAG, asume a titularidade patrimonial, mira polo control da legalidade, tanto normativa como de actuacións e resolve en materia disciplinaria.

2. A organización central garantirá:

a) A equidade no trato a tódolos arquitectos incorporados ó COAG.

b) A liberdade de inscrición en calquera delegación, sen ningunha limitación por razón de domicilio ou residencia habitual do arquitecto.

c) A coordinación xerárquica da normativa colexial.

Artigo 26º.-Organización territorial.

1. A organización territorial está materializada en dous tipos de órganos de goberno: as xuntas de delegación e as xuntas directivas de delegación, responde ó modo de asentamento dos arquitectos no ámbito colexial, e representa os intereses colexiais tanto ante os arquitectos que están inscritos nela como ante as persoas, entidades, corporacións e organismos de toda clase dentro do ámbito de actuación da delegación.

2. Cada arquitecto colexiado só poderá inscribirse nunha delegación colexial.

3. Serán de responsabilidade directa das delegacións:

a) A proxección da cultura arquitectónica no seu ámbito de actuación.

b) As relacións coa Administración local.

c) As actividades de formación dos seus colexiados.

Sección 2ª

A xunta xeral

Artigo 27º.-A xunta xeral: definición.

A xunta xeral é o órgano supremo de expresión da vontade colexial e está composta pola totalidade dos arquitectos colexiados que poderán asistir a ela con voz e voto.

Artigo 28º.-Reunións e competencias da xunta xeral.

1. A xunta xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces no ano, unha no mes de maio e outra no mes de decembro. A data deberá ser anunciada pola xunta de goberno polo menos cun mes de anticipación.

2. Correspóndelle á xunta xeral ordinaria do mes de maio:

a) Coñecer e sanciona-la memoria que lle debe somete-la xunta de goberno resumindo a súa actuación durante o ano anterior, así como a xestión dos demais organismos e comisións do COAG e os acontecementos de maior relevo na vida profesional que tiveran lugar nese prazo.

b) Aproba-las contas anuais, a liquidación do orzamento e as contas de gastos e ingresos do exercicio anterior.

c) Discutir e vota-los demais temas que figuren na orde do día.

3. Correspóndelle á xunta xeral ordinaria do mes de decembro:

a) Ler e aprobar-lo orzamento dos órganos centrais formulado pola xunta de goberno para o exercicio seguinte, e reunir nun único orzamento xeral do COAG, mediante consolidación, os orzamentos aprobados polas xuntas de delegación.

b) Determina-las cantidades que debe satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación, cotas e por calquera outro concepto.

c) Discutir e vota-los demais temas que figuren na orde do día.

4. Na orde do día das xuntas xerais ordinarias figurarán tamén, polo menos, os puntos destinados á aprobación de actas anteriores, información sobre a xestión do decano e da xunta de goberno e rogos, preguntas e proposicións.

5. Terán lugar ademais xuntas xerais extraordinarias cando sexa considerado necesario pola xunta de goberno, cando o pidan coas súas sinaturas a décima parte dos colexiados ou cando sexa oficialmente solicitado por tres delegacións colexiais por acordo das súas xuntas directivas. En particular, deberán ser obxecto de xunta xeral extraordinaria:

a) A autorización dos actos de disposición dos bens inmobles do COAG e dereitos reais sobre eles, así como dos restantes bens patrimoniais que figuren inventariados como de considerable valor.

b) A resolución de mocións de censura que se presenten contra a xunta de goberno ou algún dos seus membros.

c) A determinación das cantidades que, en concepto de achegas de carácter extraordinario, deban satisfacer colexiados ou habilitados.

d) A aprobación e modificación dos estatutos colexiais e dos regulamentos orgánicos e as súas modificacións, sen prexuízo da facultade da xunta de goberno para dicta-las correspondentes normativas de desenvolvemento.

6. As xuntas xerais extraordinarias ocuparanse unicamente do asunto ou asuntos obxecto da convocatoria.

7. As xuntas xerais extraordinarias convocaranse cunha antelación mínima de dez días. Nos casos de urxencia, o decano poderá reducir este prazo.

8. As convocatorias da xunta xeral, ordinarias ou extraordinarias, serán dadas a coñecer ós colexiados a través dos medios de difusión usuais do COAG con sinalamento dunha orde do día provisional.

9. Os colexiados poderán consultar nas secretarías das delegacións, e durante as horas de oficina, os antecedentes dos asuntos que se van tratar. Os colexiados que asistisen á anterior xunta xeral recibirán con antelación unha copia do borrador da correspondente acta.

10. Ata vinte días antes da realización dunha xunta xeral ordinaria os colexiados poderán presentar propostas que desexen someter a deliberación e acordo.

Artigo 29º.-Constitución da xunta xeral.

1. A xunta xeral terá lugar no día e hora sinalados en primeira ou, se procede, segunda convocatoria.

2. Se a unha xunta xeral non asistira a metade máis un dos colexiados, terá lugar media hora máis tarde co número de colexiados que concorresen.

3. A mesa da xunta xeral estará constituída polo decano, o secretario e outros tres membros da xunta de goberno designados por esta.

4. Estará presidida a mesa e dirixido o debate polo decano ou, en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou imposibilidade xustificada, polo membro da xunta de goberno que o substitúa.

5. Actuará como secretario o da xunta de goberno ou, en iguais circunstancias, o membro da xunta de goberno que o substitúa.

Artigo 30º.-Procedemento dos debates na xunta xeral.

O procedemento dos debates na xunta xeral será o establecido no regulamento que se aprobe para o efecto.

Artigo 31º.-Votacións.

1. Tódolos colexiados non suspendidos nos seus dereitos terán voz e voto na xunta xeral cando asistan a ela.

2. Tódolos colexiados poderán delega-lo seu voto en calquera compañeiro igualmente colexiado. A delegación de voto deberá facerse por escrito en modelo oficial e será comprobada e verificada pola mesa antes das votacións; deberá consignar coa debida claridade se está feita para tódolos puntos da orde do día ou só para algún ou algúns deles. Entenderase que o delegado recibiu facultades para votar segundo a súa vontade en relación con aquel ou aqueles puntos da orde do día que veñan comprendidos na delegación de voto, e teranse por nulas as delegacións que restrinxan ou condicionen esta liberdade. O máximo número de votos delegados nun mesmo colexiado será de dez.

3. As votacións serán públicas e a man alzada. Cando o soliciten polo menos o dez por cento dos colexiados asistentes, a votación será nominal ou secreta. En todo caso será secreta a votación nas mocións de censura e cando a cuestión afecte á dignidade persoal ou profesional dalgún colexiado.

Artigo 32º.-Acordos.

1. Os acordos serán aprobados, como norma xeral, por maioría dos votos emitidos, pero nos casos de modificación destes estatutos e nas mocións de censura será precisa a maioría dos colexiados con dereito a voto.

2. Os acordos aprobados pola xunta xeral obrigarán a tódolos colexiados, presentes, ausentes, disidentes e abstidos, sen prexuízo de que se poidan utiliza-los recursos que procedan.

3. Os acordos serán publicados nas circulares do COAG e deberán serlles comunicados directamente ós interesados os que lles afecten persoalmente; todo isto no prazo máis breve posible, e sempre antes da seguinte reunión ordinaria da xunta xeral.

4. Non se poderán aprobar acordos sobre asuntos que non figuren expresamente na orde do día.

Sección 3ª

A xunta de goberno

Artigo 33º.-A xunta de goberno: composición.

1. A xunta de goberno é o órgano que garante a coordinación e cohesión do resto dos órganos corporativos e que mira en todo momento pola boa marcha da actividade colexial. Correspóndelle a xestión directiva do COAG e está composta por:

a) O decano-presidente.

b) O tesoureiro-contador.

c) O secretario.

d) Os presidentes das xuntas directivas das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol, que terán a condición de vocais da xunta de goberno.

e) Outros tres vocais.

f) Un vocal máis por cada delegación con máis de 400 colexiados.

2. Os representantes que lle correspondan ó COAG na asemblea do consello superior dos colexios de arquitectos designaranse segundo determinan os estatutos xerais dos colexios oficiais de arquitectos e do seu consello superior.

Artigo 34º.-Competencias da xunta de goberno.

Son competencias exclusivas da xunta de goberno:

1. Con relación ós colexiados:

a) Resolver sobre a admisión dos arquitectos e sociedades que desexen incorporarse ó COAG como colexiados ou habilitados.

b) Mirar pola igualdade no trato de tódolos arquitectos incorporados ó COAG, pola solidariedade e axuda mutua entre os colexiados e pola correcta conducta social e profesional dos colexiados entre si, en relación cos seus clientes e en relación co colexio.

c) Intervir, mediante o visado, selado ou recoñecemento de sinatura, os traballos profesionais, que deberán quedar rexistrados no colexio.

d) Repartir equitativamente as cargas colexiais.

e) Aprobar normas para o desenvolvemento e aplicación destes estatutos e dos regulamentos orgánicos e demais acordos aprobados pola xunta xeral.

f) Convocar eleccións para a provisión de tódolos cargos colexiais e proclamar e publica-las candidaturas.

g) Coordinar e inspecciona-lo funcionamento de tódolos órganos colexiais, e mirar para que todos eles cumpran a normativa aplicable e os acordos colexiais, así como arbitra-las controversias que puideran xurdir entre eles.

h) Resolve-los recursos que lle sexan presentados.

i) Acorda-la convocatoria das xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, e fixa-la correspondente orde do día.

j) Elaborar e dar a coñecer á xunta xeral a memoria anual de actividades que recolla a xestión de tódolos organismos e comisións do COAG e os acontecementos de maior relevo na vida profesional.

k) Executar ou facer executa-los acordos da xunta xeral.

l) Exerce-las facultades disciplinarias resolutorias.

2. Con relación ó exterior:

a) Defende-los colexiados e habilitados nas cuestións relativas ó correcto exercicio da profesión.

b) Promover ante toda clase de organismos públicos o que considere proveitoso para o exercicio e a dignidade da profesión.

c) Denuncia-las autoridades e perseguir ante os tribunais de xustiza o intrusismo e os casos de exercicio profesional nos que non se cumpriren as vixentes disposicións legais.

d) Emiti-los dictames, informes e consultas que lle sexan pedidos ou encomendados polas administracións públicas, corporacións, institucións, entidades e particulares, ou polos seus mesmos colexiados.

e) Proceder á designación de peritos por requirimento dos órganos xurisdiccionais e das administracións públicas, de acordo co procedemento establecido para o efecto polo regulamento da Agrupación de Arquitectos Peritos e Forenses.

f) Designa-los representantes do COAG nos consellos, xurados, tribunais das oposicións, tanto oficiais como particulares, patronatos ou órganos consultivos ou executivos das administracións públicas, corporacións e entidades privadas.

g) Exerce-las funcións de arbitraxe de equidade nas cuestións que sexan sometidas á súa consideración.

3. Con relación á vida económica do COAG:

a) Recadar, distribuír e administra-los fondos do COAG.

b) Redacta-los orzamentos, propoñendo ó mesmo tempo os recursos económicos que terán que financialos, para o seu sometemento á xunta xeral.

c) Cerrar e someter á xunta xeral as contas anuais, a liquidación dos orzamentos vencidos e as contas de ingresos e gastos.

Autorizar, en execución dos acordos da xunta xeral, tódolos actos que supoñan modificación do patrimonio do COAG.

Artigo 35º.-Delegación de competencias da xunta de goberno.

1. A xunta de goberno poderá delegar nas xuntas directivas das delegacións as competencias descritas nos puntos 1 b); 1 c); 1 j); 2 a); 2 b); 2 c); 2 e) e 2 g) do artigo anterior.

2. A resolución dos asuntos de trámite poderá delegalos a xunta de goberno nunha comisión executiva, creada para estes efectos, que estará formada polo decano, o tesoureiro-contador, o secretario e os vocais da xunta de goberno que esta considere oportuno. Un, polo menos, destes vocais será un dos presidentes de xuntas directivas de delegación.

Artigo 36º.-Reunións da xunta de goberno.

1. A xunta de goberno reunirase obrigadamente unha vez por trimestre e cantas veces sexa preciso para o exercicio das súas funcións, por iniciativa do decano ou por petición por escrito dun tercio dos seus membros, que deberá atende-lo decano no prazo de seis días.

2. A convocatoria será cursada por escrito a través da secretaría por mandato do decano, con suficiente antelación e xunto coa orde do día e documentación complementaria.

3. Para que poida adoptar validamente acordos será indispensable que concorra a maioría dos membros que a integran. Os debates rexeranse pola normativa das xuntas xerais no que sexa de aplicación. As votacións serán sempre nominais. Os acordos aprobaranse por maioría de votos dos membros presentes e, no caso de empate, o voto do decano será de calidade. Os acordos aprobados pola xunta de goberno obrigarán a tódolos colexiados, sen prexuízo de que se poidan utiliza-los recursos que procedan.

4. Os acordos da xunta de goberno que sexan de interese xeral serán publicados na circular do COAG e deberán serlles comunicados directamente ós interesados os que lles afecten personalmente; todo isto no prazo máis breve posible, e sempre antes da seguinte reunión ordinaria da xunta de goberno.

5. A asistencia será obrigatoria. Os membros da xunta de goberno percibirán a retribución e as axudas de custo que se aprobasen na xunta xeral.

Artigo 37º.-Mocións de censura contra a xunta de goberno.

1. A moción de censura contra a xunta de goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en xunta xeral extraordinaria convocada para este efecto.

2. Terán lexitimación para propoñer mocións de censura:

a) A xunta de goberno, respecto dalgún ou algúns dos seus membros.

b) Tres xuntas directivas de delegación conxuntamente.

c) A décima parte dos colexiados.

3. Os que presentasen unha moción de censura, e se esta non prosperase, non poderán formular ningunha outra contra a mesma xunta de goberno ou membro dela no prazo dun ano.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros determinados da xunta de goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados e a posterior convocatoria de eleccións para cubri-las vacantes.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade da xunta de goberno implicará o cesamento inmediato de toda ela. A mesma xunta xeral que a aprobase nomeará unha xunta de goberno provisional formada por un ex-decano e seis colexiados, dous por cada tercio de antigüidade de colexiación, que deberá convocar eleccións no prazo de trinta días para cubri-los cargos vacantes.

6. En ningún caso poderá presentarse moción de censura na xunta xeral contra un vocal da xunta de goberno na súa calidade de presidente de xunta directiva de delegación.

7. En caso de aprobarse unha moción de censura contra un presidente de xunta directiva de delegación por razón de cometidos que tivera asignados na xunta de goberno, cesará só no exercicio dos citados cometidos, e non no cargo de presidente da xunta directiva da delegación.

Artigo 38º.-O decano.

Correspóndelle ó decano:

a) Te-la representación legal do COAG en tódalas relacións cos tribunais de xustiza, administracións públicas, entidades e corporacións de toda clase e particulares, e outorga-los poderes necesarios.

b) Representa-lo COAG ante o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, como membro do seu pleno de conselleiros.

c) Convoca-la xunta xeral e a xunta de goberno.

d) Presidir e dirixi-las discusións e deliberacións da xunta xeral, a xunta de goberno e as reunións doutros órganos colexiais ás que asista. Excepto nas reunións da xunta xeral, o seu voto será dirimente en caso de empate.

e) Conformar, co seu visto e prace, as actas e certificacións redactadas polo secretario da xunta de goberno.

f) Expedi-los libramentos para a disposición dos fondos do COAG.

g) Designar a un dos membros da xunta de goberno como vicedecano para os efectos de representación e delegación.

h) Representa-lo COAG nos actos oficiais.

Artigo 39º.-O tesoureiro-contador.

Correspóndelle ó tesoureiro-contador:

a) Recadar e custodia-los fondos do COAG.

b) Tomar razón e paga-los libramentos ordenados polo decano.

c) Informar periodicamente o decano e a xunta de goberno sobre a execución do orzamento e a situación de tesourería.

d) Forma-las contas anuais do exercicio económico vencido e a liquidación do orzamento.

e) Elabora-lo proxecto de orzamento do exercicio seguinte.

f) Leva-los rexistros contables que sexan necesarios de acordo co ordenamento xurídico aplicable.

g) Ingresar e retirar fondos dos establecementos de crédito conxuntamente co decano.

h) Custodiar e levar un inventario actualizado dos bens do COAG.

i) Dirixir toda a contabilidade do COAG e verifica-la caixa.

j) Efectua-la anotación interventora de tódolos documentos que reflictan movementos de fondos.

k) Coordina-las actividades económicas das delegacións.

Artigo 40º.-O secretario.

Correspóndelle ó secretario:

a) Tramita-las citacións e convocatorias para tódolos actos dos órganos centrais do COAG, coa antelación necesaria e de conformidade coas indicacións do decano.

b) Redacta-las actas das xuntas xerais e das xuntas de goberno.

c) Cumprir ou facer cumpri-los acordos da xunta xeral e da xunta de goberno.

d) Leva-los rexistros necesarios para o servicio: actas, altas e baixas colexiais, correccións disciplinarias, etc.

e) Darlle conta ó decano de tódalas solicitudes, comunicacións e escritos que se reciban nos órganos colexiais e dispoñe-lo seu rexistro.

f) Librar, co visto e prace do decano, os certificados que sexa necesario despachar de acordo coa normativa aplicable e estes estatutos.

g) Organizar e dirixi-la actividade administrativa dos órganos centrais do COAG e coordina-la das delegacións, e exerce-la xefatura de todo o personal do COAG.

h) Leva-lo rexistro de colexiados co seu historial no COAG.

i) Revisar e establecer, ó final do ano, a lista de arquitectos colexiados, habilitados e sociedades, con indicación da data do título, domicilios particular e profesional, teléfonos, cargos oficiais, modalidade de exercicio da profesión e posto de traballo en calquera Administración pública.

j) Ter ó seu cargo a custodia dos arquivos e selos do COAG.

k) Redacta-la memoria anual de actividades do COAG.

Artigo 41º.-Os vocais.

Correspóndelles ós vocais a substitución nos casos de vacantes, ausencias ou enfermidades dos anteriores cargos nominativos. Un dos vocais poderá, á elección do decano, desempeña-lo cargo de vicedecano e substituí-lo decano nos casos regulamentarios.

Sección 4ª

As delegacións

Artigo 42º.-As xuntas de delegación: definición.

As xuntas de delegación son órganos de expresión da vontade colexial compostos pola totalidade dos arquitectos colexiados inscritos en cada delegación colexial que poderán asistir a ela con voz e voto.

Artigo 43º.-Reunións e competencias das xuntas de delegación.

1. As xuntas de delegación reuniranse con carácter ordinario polo menos catro veces no ano, dúas delas nos meses de abril e novembro, preparatorias das xuntas xerais ordinarias. A data deberá ser anunciada pola xunta directiva cunha semana de anticipación. A mesa da xunta de delegación estará constituída polos membros da xunta directiva.

2. Correspóndelle á xunta de delegación do mes de abril:

a) Coñecer e sanciona-la memoria que lle debe somete-la xunta directiva resumindo a súa actuación durante o ano anterior, así como a xestión das comisións da delegación e os acontecementos de relevo na vida profesional que tivesen lugar nese prazo.

b) Liquida-lo orzamento e aproba-las contas anuais e as contas de gastos e ingresos da delegación no exercicio anterior.

c) Discutir e vota-los temas que figuren na orde do día.

3. Correspóndelle á xunta de delegación do mes de novembro:

a) Ler e aproba-lo orzamento da delegación formulado pola xunta directiva para o exercicio seguinte.

b) Determina-las cantidades que debe satisfacer cada colexiado por cotas de delegación e por cal

quera outro concepto, de acordo coa normativa aplicable.

c) Discutir e vota-los temas que figuren na orde do día.

4. As outras dúas xuntas ordinarias de delegación ocuparanse do exame, debate e votación dos temas que figuren na orde do día.

5. Na orde do día das xuntas de delegación figurarán ademais os puntos destinados á aprobación de actas anteriores, información da xestión da xunta directiva e rogos, preguntas e proposicións.

6. Terán lugar xuntas extraordinarias de delegación para debater e vota-los temas que figuren na orde do día, cando sexa considerado necesario pola xunta directiva e cando o pidan coas súas sinaturas a décima parte dos colexiados adscritos á delegación. En particular, deberá ser obxecto de xunta extraordinaria o debate e a resolución de mocións de censura que se presenten contra a xunta directiva da delegación ou algún dos seus membros.

7. As xuntas extraordinarias de delegación ocuparanse unicamente do asunto ou asuntos obxecto da convocatoria.

8. Con carácter xeral, será aplicable ás xuntas de delegación a normativa colexial referente á xunta xeral do COAG.

9. No caso de aprobación dunha moción de censura contra a totalidade da xunta directiva, a mesma xunta de delegación que a aprobara nomeará unha xunta directiva provisional formada por un ex-presidente e dous colexiados do tercio de maior antigüidade de colexiación, que actuará mentres non se cubren por elección os cargos.

Artigo 44º.-As xuntas directivas de delegación: definición e composición.

1. As xuntas directivas de delegación son os órganos colexiais que teñen a representación corporativa nos seus respectivos ámbitos de actuación, onde asumen a xestión ordinaria dos cometidos asignados ó COAG, organízanse funcional e economicamente con plena autonomía e responsabilidade co fin de atende-las obrigas colexiais e servicios de atención ós arquitectos e custodian e conservan os bens patrimoniais do COAG que teñen adscritos.

2. As xuntas directivas de delegación están compostas por tres colexiados que desempeñarán os cargos de presidente, tesoureiro e secretario da xunta directiva.

Artigo 45º.-Competencias das xuntas directivas.

1. As xuntas directivas de delegación asumirán estas competencias:

a) Desenvolver no ámbito de actuación da respectiva delegación as actividades correspondentes ós fins e funcións do COAG, de acordo coas leis, este estatuto e os regulamentos e acordos aprobados polos órganos centrais e territoriais do COAG.

b) Exercer, por delegación da xunta de goberno, a intervención colexial dos traballos profesionais.

c) Acorda-la convocatoria das xuntas de delegación, fixando a correspondente orde do día.

d) Executar ou facer executa-los acordos da respectiva xunta de delegación.

e) Elabora-la memoria anual de xestión da respectiva delegación e propoñe-la liquidación do orzamento e a conta de ingresos e gastos do exercicio precedente para presentalo na xunta de delegación ordinaria do mes de abril, así como o orzamento do exercicio seguinte que debe ser presentado na xunta de delegación ordinaria do mes de novembro.

f) Organizar e xestiona-lo servicio voluntario de cobramento de honorarios profesionais.

g) Recadar cotas, administra-los recursos propios da delegación e custodiar e conserva-los bens patrimoniais do COAG adscritos á delegación.

h) Iniciar expedientes en materia disciplinaria.

i) Emiti-los dictames, informes e consultas que lle sexan pedidos ou encomendados polas administracións públicas, corporacións, institucións, entidades e particulares, ou polos colexiados, dando coñecemento á xunta de goberno.

j) Defender, no seu ámbito de actuación, os colexiados e habilitados nas cuestións relativas ó correcto exercicio da profesión.

k) Informa-los seus colexiados inscritos sobre materias que poidan afectarlles profesionalmente.

l) Proceder á designación de peritos, por requirimento dos órganos xurisdiccionais e das administracións públicas, de acordo co establecido para o efecto no regulamento da Agrupación de Arquitectos Peritos e Forenses.

m) Decidir sobre a aplicación da normativa dos servicios que se presten na delegación, e mirar polo seu correcto funcionamento.

n) Propoñerlle á xunta de delegación, con detalle dos custos, a creación de servicios ou a concertación ou prestación conxunta deles, por interese mutuo, con outra delegación, así como a supresión dos existentes ou a cancelación dos concertados.

o) Recibi-las solicitudes de incorporación de colexiados e de inscrición das sociedades de arquitectos e envialas á secretaría da xunta de goberno do COAG.

p) Comunicarlle á xunta de goberno o orzamento do exercicio seguinte, a liquidación do orzamento e as contas do exercicio vencido e a memoria de xestión do anterior, para os efectos materiais de control da legalidade e consolidación do orzamento e contas colexiais nos primeiros casos e de recompilación no segundo.

q) Acordar sobre as materias delegadas pola xunta de goberno e a xunta xeral.

r) Determina-la contía dos recursos ordinarios correspondentes á delegación, excepto as cotas que deban paga-los colexiados e as percepcións polo uso individualizado dos servicios que sexan de uso obrigado en virtude dos estatutos e regulamentos.

s) Denunciar ante as autoridades do seu ámbito de actuación os casos de exercicio profesional nos que non se cumpriren as vixentes disposicións legais.

t) Elevar propostas á xunta de goberno.

2. As xuntas directivas trasladaranlle á xunta de goberno no prazo de dez días os acordos das correspondentes xuntas de delegación.

Artigo 46º.-Reunións das xuntas directivas.

1. As xuntas directivas reuniranse obrigadamente unha vez por mes e cantas veces sexa preciso para o exercicio das súas funcións, logo de convocatoria cursada pola secretaría por orde do presidente.

2. Para que poida adoptar validamente acordos será indispensable que concorran, polo menos, dous dos membros que a integran. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade o tesoureiro substituirá o presidente ou o secretario e este último o tesoureiro. Os acordos tomaranse por maioría de votos dos asistentes.

3. A asistencia será obrigatoria. Os membros das xuntas directivas percibirán a retribución e as axudas de custo que se aprobaren na xunta de delegación.

Artigo 47º.-O presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) Desempeña-la representación do COAG no ámbito de actuación da respectiva delegación.

b) Desempeña-la representación permanente da delegación no ámbito colexial.

c) Convocar e presidi-la xunta de delegación, a xunta directiva e as comisións da delegación das que forme parte, e dirixi-las deliberacións. Nas reunións que presida, excepto nas xuntas de delegación, o seu voto será dirimente en caso de empate.

d) Mirar polo debido cumprimento dos acordos da xunta xeral, xunta de goberno, xunta de delegación e xunta directiva.

e) Conformar, co seu visto e prace, as actas e certificacións redactadas polo secretario da xunta directiva.

f) Expedi-los libramentos para a disposición dos fondos da caixa da delegación.

g) Representa-la delegación e a súa xunta directiva ante a xunta de goberno do COAG co carácter de vocal nato, e designar outro membro da xunta directiva para que o substitúa en caso de imposibilidade de asistencia.

Artigo 48º.-O tesoureiro.

Correspóndelle ó tesoureiro:

a) Recada-los fondos colexiais producidos na delegación, custodiar e remiti-las achegas e cotas correspondentes ás diversas caixas colexiais e administra-los fondos da delegación.

b) Tomar razón e paga-los libramentos ordenados polo presidente.

c) Informar periodicamente o presidente e o secretario da execución do orzamento da delegación e da situación da tesourería.

d) Forma-las contas anuais do exercicio económico vencido e a liquidación do orzamento.

e) Elabora-lo proxecto de orzamento da delegación para o exercicio seguinte.

f) Leva-los rexistros contables que sexan precisos de acordo co ordenamento xurídico aplicable.

g) Ingresar e retirar fondos dos establecementos de crédito conxuntamente co presidente ou persoa delegada pola xunta directiva.

h) Dirixi-la contabilidade da delegación, segundo as directrices colexiais comúns, e verifica-la caixa.

i) Efectua-la anotación interventora de tódolos documentos que reflictan movementos de fondos da delegación.

Artigo 49º.-O secretario.

Correspóndelle ó secretario:

a) Escribir e envia-las citacións e convocatorias para as xuntas de delegación, coa antelación necesaria e de conformidade coas indicacións do presidente.

b) Redacta-las actas das xuntas de delegación e das xuntas directivas.

c) Cumprir ou facer cumpri-los acordos da xunta de delegación e da xunta directiva.

d) Leva-los rexistros necesarios para o servicio.

e) Darlle conta ó presidente de tódalas solicitudes, comunicacións e escritos que se reciban na delegación e dispoñe-lo seu rexistro.

f) Librar, co visto e prace do presidente, os certificados que sexa necesario despachar de acordo coa normativa aplicable e estes estatutos.

g) Organizar e dirixi-la oficina da delegación.

h) Ter ó seu cargo a custodia dos arquivos e selos da delegación.

i) Redacta-la memoria anual de actividades da delegación.

Artigo 50º.-Comisións e servicios.

1. A xunta xeral e a xunta de goberno para a totalidade do ámbito colexial, e as xuntas de delegación e as súas xuntas directivas para o seu ámbito respectivo, poderán crear, modificar e suprimir todas aquelas comisións e servicios permanentes e tem

porais que sexan precisos para o mellor desenvolvemento da actividade colexial e do servicio prestado ós colexiados, e á sociedade en xeral, como as xa existentes de cultura, planeamento e asesoramento tecnolóxico.

2. As funcións e o réxime destas comisións e servicios serán determinados polo acordo de creación delas ou polo correspondente regulamento aprobado polo mesmo órgano que as crease.

Sección 5ª

Outras organizacións colexiais

Artigo 51º.-Agrupacións.

1. Poderanse formar agrupacións de arquitectos vinculadas ó COAG que reúnan a colectivos de colexiados por razón de formas de exercicio ou de especialidades profesionais, sempre que sexa necesario para unha mellor defensa e representación dos intereses destes colectivos.

2. A regulamentación e o funcionamento das agrupacións deberá aterse ós seguintes principios:

a) Os fins e funcións das agrupacións estarán dentro dos que son propios do COAG.

b) A adscrición dos colexiados a cada agrupación será voluntaria. A pertenza a unha agrupación non será o medio obrigado para acceder a determinados traballos ou a determinadas formas de exercicio profesional amparadas pola titulación única de arquitecto, nin tampouco limitará a competencia de quen forme parte dela.

c) As agrupacións non terán personalidade xurídica independente da do COAG. O seu domicilio legal será o mesmo do COAG.

d) Cada agrupación levará na súa denominación referencia á especialidade ou modalidade de exercicio profesional de que se trate, seguida do nome do COAG.

e) O ámbito de actuación das agrupacións será coincidente co do COAG.

f) Os órganos de goberno de cada agrupación serán unha asemblea xeral e unha xunta directiva; os cargos desta última serán gratuítos, aínda que terán dereito a percibi-las axudas de custo que se aprobaren na xunta xeral do COAG por asistencia ás reunións dela.

g) A coordinación entre cada agrupación e a xunta de goberno establecerase a través dun membro da xunta de goberno, nomeado por esta, que terá a condición de vocal delegado dela na agrupación e participará nas reunións da súa xunta directiva.

h) Os orzamentos de ingresos e gastos das agrupacións incorporaranse ó orzamento dos órganos centrais do COAG.

i) Salvo o que se acorde transitoriamente para o período de inicio das súas actividades, os orzamentos de cada agrupación deberán ser autosuficientes e as achegas que cada unha perciba dos ingresos xerais

do colexio non serán superiores ó importe dos servicios que ela lle preste ó COAG.

j) A función disciplinaria corresponderalle en exclusiva ó COAG.

k) O funcionamento administrativo e o réxime de oficinas e de personal das agrupacións dependerá da xunta de goberno.

l) Non existirá no COAG máis dunha agrupación da mesma ou similar forma de exercicio profesional ou especialidade.

m) As agrupacións recoñecidas poderán unirse federativamente coas similares doutros colexios de arquitectos, baixo homologación do consello superior dos colexios, nas condicións establecidas polos estatutos xerais dos colexios de arquitectos e do seu consello superior.

3. A iniciativa de creación dunha agrupación poderá partir da xunta xeral, da xunta de goberno ou dun grupo non menor de 50 colexiados.

4. Feita a proposta de creación dunha agrupación, a xunta de goberno nomeará unha comisión xestora, presidida por un dos vocais da xunta, para que prepare o correspondente proxecto de regulamento, que deberá conter:

a) A denominación, fins e funcións da agrupación.

b) Os requisitos para formar parte dela.

c) A composición da xunta directiva e o modo de elección dela.

d) Os recursos económicos e o réxime orzamentario.

5. O proxecto de regulamento será sometido á xunta de goberno do COAG para a súa aprobación provisional e posteriormente elevado á xunta xeral para a aprobación definitiva. A aprobación definitiva determinará a constitución da agrupación. As posteriores modificacións do regulamento seguirán o mesmo procedemento.

Capítulo VII

Réxime electoral

Artigo 52º.-Eleccións.

1. Tódolos membros da xunta de goberno e das xuntas directivas de delegación serán elixidos por sufraxio dos colexiados entre os candidatos legalmente proclamados.

2. Para a renovación da xunta de goberno e das xuntas directivas das delegacións levaranse a cabo eleccións cada catro anos nun mesmo día da segunda decena de maio.

3. A xunta de goberno convocará as eleccións para a provisión de tódolos cargos colexiais electivos cunha antelación mínima de 60 días, e daralle publicidade á convocatoria mediante comunicación a tódolos colexiados, con sinalamento do prazo de presentación de candidaturas, data de proclamación delas, período de campaña electoral e data das votacións.

4. Os aspirantes ós cargos deberán presenta-las súas candidaturas ante a xunta de goberno e, de cumpriren os requisitos de elixibilidade, serán proclamados candidatos.

5. Os candidatos proclamados terán dereito a utilizaren en pé de igualdade os medios de difusión colexiais para darlles a coñece-lo seu programa electoral a tódolos colexiados.

Artigo 53º.-Requisitos de elixibilidade.

1. Para que un colexiado poida formar parte da xunta de goberno será necesario:

a) Estar incorporado ó COAG como colexiado residente.

b) Non estar sancionado disciplinariamente e ter canceladas as correccións que lle foran impostas.

c) Non estar en situación de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio profesional.

d) Ser elixido mediante votación segundo o procedemento establecido nestes estatutos.

2. Para que un colexiado poida formar parte da xunta directiva dunha delegación será necesario, ademais, estar adscrito a esa delegación colexial.

3. Se resultar elixido para calquera cargo un colexiado que preste servicios no COAG como contratado ou asalariado, deberá pasar á situación de excedencia obrigatoria, se tivese este dereito, ou rescindi-lo seu contrato antes da súa toma de posesión.

4. Os mandatos durarán catro anos. Os que cesen nos seus cargos poderán ser reelixidos unha soa vez. A cualidade de elixible recupérase cada vez que o colexiado cesase por un mandato.

Artigo 54º.-Procedemento electoral.

1. Son electores tódolos colexiados inscritos no COAG na data da convocatoria e non suspendidos nos seus dereitos. Son electores nas votacións para a elección da xunta directiva dunha delegación os colexiados adscritos a esa delegación na data da convocatoria e non suspendidos nos seus dereitos.

2. Convocada unha elección, as listas de electores poñeranse de manifesto, á disposición de tódolos colexiados, para a formulación de reclamacións sobre inclusións ou exclusións, para o cal haberá un prazo de oito días, que serán resoltas pola xunta de goberno na mesma sesión na que se acorde a admisión de candidaturas e, en todo caso, no prazo de trinta días. As listas definitivas de electores poñeranse á disposición das candidaturas proclamadas.

3. O voto exercerase en persoa ou por correo.

4. A votación por correo require que quede constancia do envío, que se acredite a identidade do votante, que se garanta o segredo do voto e que este sexa recibido pola mesa electoral antes de finaliza-la votación. O procedemento axustarase ós seguintes requisitos:

a) O colexiado que desexe utilizar este procedemento deberá comunicarllo á secretaría do colexio

ou da delegación correspondente cunha antelación mínima de cinco días á data da votación. A comunicación poderá facerse por escrito ou por comparecencia persoal e quedará anotada nas listas electorais.

b) A secretaría expediralle ó colexiado unha acreditación persoal e facilitaralle as papeletas de votación e os sobres para o seu envío. O sobre exterior deberá ser identificado co selo colexial e numeración ou clave coincidente coa da acreditación. O colexiado recollerá persoalmente este material ou poderá solicita-lo envío a domicilio por medio que deixe constancia da súa recepción.

c) O colexiado introducirá a papeleta de voto elixida dentro do correspondente sobre anónimo, e este sobre ou sobres, xunto coa acreditación persoal, dentro do sobre exterior que remitirá á secretaría colexial correspondente á súa mesa de votación, ben por correo certificado, ben por servicio de mensaxería.

d) O colexiado pode revoga-lo seu voto por correo comparecendo a votar en persoa. Nese caso o sobre do voto por correo será destruído no mesmo acto e na súa presencia.

5. A elección de tódolos cargos terá lugar simultaneamente nun mesmo día.

6. Haberá unha mesa electoral en cada delegación. Formarán as mesas electorais tres colexiados por mesa designados por sorteo entre os adscritos á delegación que non sexan candidatos. O de colexiación máis antiga será presidente da mesa e os outros dous terán a condición de secretarios escrutadores.

7. Cada colexiado votará na mesa da súa delegación. Os colexiados non adscritos a ningunha delegación votarán na mesa de Santiago, en urna separada da dos colexiados desta delegación. Os membros das mesas levarán unha relación dos colexiados que emitan o seu voto.

8. Haberá urnas diferentes para a elección dos membros da xunta de goberno elixidos por tódolos colexiados e para a elección da xunta directiva da delegación.

9. Os sobres interiores dos votos emitidos por correo, logo de comprobación da autenticidade do sobre exterior e da acreditación do colexiado votante, serán introducidos nas urnas rematado o tempo de votación e antes de dar comezo ó escrutinio.

10. O escrutinio terá lugar inmediatamente despois de rematada a votación. Unha vez comezado, o acto do escrutinio non poderá ser interrompido. Rematado o escrutinio levantaranse actas separadas da elección dos membros da xunta de goberno elixidos por tódolos colexiados e da elección da xunta directiva da delegación. Autenticaranse e remitiranse por telefacsímil, ou por outro medio de igual rapidez, á sede central do COAG, sen prexuízo da remisión inmediata das actas orixinais xunto coas listas de votantes. Acto seguido a mesa de cada delegación proclamará os resultados da elección da respectiva xun

ta directiva. Os interesados dispoñerán de dous días de prazo para presenta-las reclamacións e protestas que consideren convenientes.

11. No prazo máis breve posible e, en todo caso, no de quince días, a comisión electoral, formada por tódolos presidentes das mesas e presidida polo colexiado máis antigo dos que a compoñan, verificará as actas orixinais, dirimirá os incidentes e reclamacións que se produzan e fará a proclamación definitiva dos resultados, sen prexuízo da pendencia das impugnacións que houbera.

12. As impugnacións e os recursos contra as resolucións e decisións das mesas electorais interpoñeranse ante a comisión electoral. As resolucións da comisión electoral son recorribles na vía xudicial ordinaria mediante recurso contencioso-administrativo.

13. As papeletas conservaranse na oficina onde estivese cada mesa electoral, baixo a custodia do secretario da dependencia respectiva, polo tempo necesario, co fin de poder poñelas á disposición do órgano competente, se por este foren reclamadas, para resolver nos casos de impugnacións.

14. Os colexiados electos tomarán posesión dos seus cargos na xunta xeral ordinaria de maio, ou nunha xunta xeral extraordinaria, de se celebrar algunha antes daquela.

Artigo 55º.-Cesamentos e provisión de vacantes.

1. Os membros da xunta de goberno e das xuntas directivas cesarán polas seguintes causas:

a) Expiración do prazo para o que fosen elixidos.

b) Renuncia dos interesados.

c) Aprobación de moción de censura que lles afecte.

d) Perda dalgunha condición necesaria para formar parte das ditas xuntas.

2. Nos casos de cesamentos antes da expiración do prazo, convocaranse eleccións parciais para a cobertura das vacantes polo período que restase do dito prazo.

Capítulo VIII

Réxime xurídico

Artigo 56º.-Normativa aplicable.

A actuación do COAG rexerase pola seguinte normativa:

a) A lexislación sobre colexios profesionais.

b) Outras disposicións do Estado e da Xunta de Galicia que sexan de aplicación.

c) Os estatutos xerais dos colexios de arquitectos e do seu consello superior.

d) Estes estatutos.

e) Os acordos do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España que obriguen ó COAG.

f) As regulamentacións sobre materias específicas que aprobe a xunta xeral do COAG para o desenvolvemento e a aplicación destes estatutos.

g) Os acordos dos órganos de goberno do COAG, adoptados dentro do ámbito das súas respectivas competencias.

h) En materia de procedemento rexerá supletoriamente a lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.

Artigo 57º.-Eficacia dos acordos.

1. Tódolos acordos dos órganos de goberno do COAG serán eficaces de inmediato, agás que conteñan pronunciamento en contra respecto da súa entrada en vigor.

2. A eficacia producirase coa publicación da referencia do acordo nas circulares informativas do COAG nos casos nos que tiveren interese xeral, ou coa notificación ó interesado de se tratar de acordos de interese particular, e con independencia da interposición de recursos ou impugnacións contra a súa aprobación.

3. As resolucións ou acordos particulares, ou que afecten de xeito especial e inmediato ós dereitos ou intereses de colexiados determinados, deberán ser notificados a estes incluíndo motivación suficiente e indicación dos recursos que procedan e dos prazos para os interpoñer.

4. Logo de solicitude razoada de calquera colexiado formulada no prazo de quince días a partir da súa publicación ou notificación, os mesmos órganos de goberno que adoptaron un acordo poderán acorda-la suspensión da súa execución polo tempo que sexa necesario.

Artigo 58º.-Nulidade de acordos e actos.

Son nulos de pleno dereito, conforme o artigo 8 da Lei de colexios profesionais, os actos ou acordos dos órganos de goberno do COAG nos seguintes supostos:

Os manifestamente contrarios á lei; os adoptados con notoria incompetencia; aqueles que sexan de contido imposible ou constitutivos de delicto; os dictados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

Tamén o son os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional e os demais que enumera o artigo 62 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas ou poida establecerse expresamente nunha disposición de rango legal.

Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso por simple desviación de poder.

Aínda así, o defecto de forma soamente determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requi

sitos formais indispensables para acada-lo seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

A realización de actuacións administrativas fóra do tempo establecido para elas soamente implicará a anulabilidade do acto cando así o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 59º.-Impugnación de acordos.

1. Tódolos acordos e resolucións dos órganos de goberno do COAG, mesmo os actos de trámite se impiden a continuación dun procedemento ou producen indefensión, son impugnables mediante os recursos correspondentes.

2. Os recursos posibles contra os acordos e resolucións dos órganos colexiais son os seguintes:

a) Recurso ordinario ante a xunta de goberno do COAG, se o acordo é dunha xunta directiva ou dunha xunta de delegación.

b) Recurso contencioso-administrativo, se o acordo é da xunta xeral, da xunta de goberno ou da comisión electoral do COAG e o acto está suxeito ó dereito administrativo.

3. Con carácter potestativo, e non preceptivo, poderá interpoñerse recurso ordinario contra calquera acordo da xunta xeral, da xunta de goberno ou da comisión electoral do COAG, e ante o mesmo órgano que aprobou o acordo, nun prazo dun mes a partir da súa publicación ou notificación. Se o recurso ordinario está dirixido contra un acordo da xunta xeral, será sometido á primeira xunta xeral que teña lugar, a non ser que a xunta de goberno acorde convocar unha xunta xeral extraordinaria.

4. Os recursos ordinarios ante a xunta de goberno resolveranse no prazo máximo de tres meses, agás as dilacións causadas polos trámites de audiencia ou dilixencias probatorias que se requiran. Transcorrido o prazo sen que se produza resolución poderán os interesados entender desestimados os seus recursos.

5. Antes de resolve-los recursos sobre os que se deba pronunciar, a xunta de goberno poderá, con suspensión de prazo e notificación ós interesados, solicitarlle informe non vinculante ó Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

6. Contra a denegación expresa ou tácita dos recursos ordinarios que versen sobre materias suxeitas ó dereito administrativo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

7. A interposición de recursos contencioso-administrativos contra acordos dos órganos de goberno deberá ser posta en coñecemento do COAG mediante escrito dirixido ó decano.

8. O procedemento para a interposición de recursos rexerase supletoriamente polo que dispón a normativa vixente sobre procedemento administrativo común.

Artigo 60º.-Recursos ante o consello superior de colexios.

Poderá interpoñerse recurso ante o consello superior dos colexios de arquitectos, á parte do previsto en materia disciplinaria, unicamente contra os regulamentos ou acordos colexiais xerais que teñan por obxecto o desenvolvemento e a aplicación no ámbito colexial das normas deontolóxicas da profesión ou das normativas básicas acordadas polo consello superior de colexios no exercicio das funcións que estatutariamente teña asignadas.

Capítulo IX

Réxime económico

Artigo 61º.-Recursos económicos: definición e asignación.

1. Os recursos ou ingresos do COAG son ordinarios e extraordinarios.

2. Son recursos ou ingresos ordinarios correspondentes ós órganos centrais do COAG:

a) Os rendementos económicos que produzan os bens e dereitos e obrigas do patrimonio do COAG.

b) Os dereitos de colexiación e de habilitación por razón da incorporación ó COAG.

c) Os honorarios pola elaboración remunerada de informes, dictames e estudios realizados polos órganos centrais.

d) As percepcións pola expedición de certificados emitidos pola secretaría da sede central.

e) Os ingresos que se obteñan polas publicacións do COAG ou polo uso individualizado doutros servicios ou actividades remuneradas que o colexio realice. O cobramento por servicios que sexan de uso obrigado en virtude dos estatutos e regulamentos deberá facerse segundo as condicións aprobadas pola xunta xeral.

f) A cota fixa, que terá que cubrir co seu producto, como máximo, o cincuenta por cento (50%) do orzamento dos órganos centrais. Esta cota fixa será igual para tódolos arquitectos incorporados ó COAG como colexiados, o cal non inclúe os habilitados, sen prexuízo de reduccións que a xunta xeral poida acordar para colexiados durante os primeiros anos de exercicio profesional.

g) A cota variable aplicada para cada traballo visado ou tramitado no COAG sobre bases fixadas en razón de criterios obxectivos determinados regulamentariamente con suxeición ós principios de xeneralidade, equidade e proporcionalidade, no suposto de que os demais recursos enunciados nos parágrafos anteriores fosen insuficientes para cubri-los orzamentos dos órganos centrais. A porcentaxe correspondente sobre a dita base será aprobada para cada exercicio conxuntamente co orzamento da sede central do COAG.

h) As cantidades que por calquera outro concepto lle corresponda percibir ó colexio.

3. Son recursos ou ingresos ordinarios correspondentes ás delegacións:

a) Os rendementos financeiros que produzan os fondos propios e alleos que administren.

b) Os honorarios pola elaboración remunerada de informes, dictames e estudios realizados polas delegacións.

c) As percepcións pola expedición de certificados emitidos pola secretaría da delegación.

d) Os ingresos que se obteñan polas publicacións da delegación ou polo uso individualizado dos servicios ou actividades remuneradas que realicen as delegacións. O cobramento por servicios que sexan de uso obrigado en virtude dos estatutos e regulamentos deberá facerse segundo as condicións aprobadas pola xunta xeral.

e) A cota variable aplicada para cada traballo visado ou tramitado na delegación, calculada sobre a mesma base usada para o cálculo da cota variable destinada ó orzamento dos órganos centrais do COAG. A porcentaxe correspondente sobre a dita base será aprobada para cada exercicio conxuntamente co orzamento da delegación.

f) As cantidades que por calquera outro concepto lles corresponda percibir ás delegacións.

4. Son recursos ou ingresos extraordinarios que corresponderán ós órganos centrais do COAG:

a) As subvencións e os donativos, herdanzas e legados en efectivo metálico dos que poida o COAG ser beneficiario.

b) As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ó COAG pola administración de bens alleos, salvo que esta sexa delegada nas delegacións.

c) O producto da venda de bens do patrimonio do COAG.

d) Os ingresos derivados do endebedamento do COAG e destinados a investimentos.

e) As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ó colexio.

5. Son recursos extraordinarios que lles corresponderán ás delegacións as cantidades que, por conta do orzamento da sede central, sexan transferidas ás delegacións que corresponda para lles garantir un nivel mínimo de servicios que non poidan acadar cos seus restantes recursos propios. O nivel mínimo de servicios será determinado pola xunta xeral.

Artigo 62º.-Orzamento.

1. O orzamento do COAG é a expresión cifrada, conxunta e sistemática dos gastos e investimentos que se prevé que serán realizados, e dos ingresos que se prevé que serán percibidos durante o exercicio correspondente pola súa sede central e polas delegacións colexiais. Todo isto entendido baixo o Principio de Devengo no sentido que dispón o Plan Xeral de Contabilidade na súa primeira parte, Principios Contables.

2. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural.

Artigo 63º.-Liquidación, aplicación de superávit e cobertura de déficit.

1. O orzamento de cada exercicio liquidarase o último día do ano recolléndose na dita liquidación os ingresos e gastos efectivamente realizados, así como os investimentos efectuados e o seu financiamento, respectando sempre o principio de devengo.

2. No caso de que a liquidación do orzamento produza superávit, este poderá destinarse a:

Incrementa-lo Fondo Social e/ou

Constituír unha reserva ou provisión para o destino que o COAG considere conveniente.

3. No caso de que a liquidación do orzamento produza déficit, este deberá ser absorbido polo Fondo Social.

Artigo 64º.-Operacións de crédito.

A xunta de goberno e as xuntas directivas poderán concertar créditos de tesourería para equilibrar transitoriamente os respectivos orzamentos, de acordo coas seguintes condicións:

a) Sen limitación de cantidade, e por convenio entre as xuntas, se o crédito é concertado entre a xunta de goberno e unha xunta directiva ou entre xuntas directivas.

b) Coa limitación do 12 por 100 dos gastos correntes dos respectivos orzamentos se o crédito é concertado cunha entidade de crédito ou de aforro.

Artigo 65º.-Auditorías.

A xunta de goberno por propio acordo, por requirimento da xunta xeral ou logo de solicitude de dúas delegacións, poderalles encargar a persoas físicas ou xurídicas a realización de auditorías sobre determinadas actividades ou servicios.

Artigo 66º.-Administración do patrimonio.

1. O patrimonio do COAG será administrado pola xunta de goberno, que poderá delegar nas xuntas directivas a administración dos bens adscritos á respectiva delegación.

2. As xuntas directivas no seu ámbito respectivo e xunta de goberno no que lle corresponda acordarán sobre o depósito e custodia dos correspondentes fondos.

Artigo 67º.-Inventario do patrimonio.

1. Os bens integrantes do patrimonio do COAG serán rexistrados nun inventario que estará ó coidado do tesoureiro-contador da xunta de goberno.

2. A estructura do inventario e os datos que deba conter serán determinados pola xunta de goberno.

3. Os tesoureiros das xuntas directivas enviaranlle ó tesoureiro-contador da xunta de goberno a información precisa sobre as delegacións para a elaboración do inventario.

Capítulo X

Réxime disciplinario

Artigo 68º.-Responsabilidade disciplinaria, órganos e competencias.

1. Os arquitectos incorporados ó COAG como colexiados quedan sometidos a responsabilidade disciplinaria polo incumprimento dos seus deberes legais, profesionais e deontolóxicos. Igualmente quedan suxeitos á potestade disciplinaria do colexio os arquitectos habilitados cando a infracción fose cometida ou producise o seu efecto no ámbito territorial do COAG.

2. As xuntas directivas son os órganos colexiais competentes para a incoación dos expedientes disciplinarios respecto ós arquitectos inscritos que exerzan na respectiva delegación.

3. A xunta de goberno é o órgano colexial competente para o exercicio da función disciplinaria no que toca á cualificación das infraccións e á imposición das correccións que correspondan. Igualmente incoará os expedientes disciplinarios no caso dos arquitectos non adscritos a ningunha delegación e dos que desempeñen cargos das xuntas directivas de delegación e da propia xunta de goberno.

4. É competencia exclusiva do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España a imposición das sancións de suspensión no exercicio profesional fóra do territorio galego, así como a cualificación das infraccións, e a imposición das correccións que correspondesen, se o arquitecto encausado fose membro da xunta de goberno do COAG e mentres permaneza no exercicio do seu cargo. É tamén competencia do consello a resolución de expedientes que se incoaren ou tivesen que ser resoltos unha vez expirado o mandato, sempre que teñan por obxecto actuacións relacionadas directamente co exercicio das respectivas funcións. Exercerá, así mesmo, a potestade sancionadora o consello superior sobre os arquitectos non colexiados no COAG que realizaren actuacións profesionais en Galicia con omisión do deber de habilitación.

5. En materia disciplinaria a xunta de goberno decidirá en pleno e non en comisión, sen prexuízo da delegación da función instructora.

6. A apertura de información previa ou reservada é competencia indistinta da xunta de goberno e das xuntas directivas das delegacións.

7. O labor da instrucción de expediente disciplinario será delegado pola xunta de goberno na xunta directiva da delegación á que considere competente. Excepcionalmente, poderá a xunta de goberno reservarse a instrucción do expediente.

Artigo 69º.-Infraccións.

1. Constitúe infracción suxeita a responsabilidade disciplinaria calquera acción ou omisión que vulnere as disposicións reguladoras da profesión de arquitecto, estes estatutos, os regulamentos, normas e acordos colexiais e as normas deontolóxicas de actuación profesional.

2. As infraccións serán cualificadas como graves, leves ou moi graves.

3. Terán a cualificación de graves as que correspondan a algún dos casos seguintes:

a) Exercicio da profesión no territorio de Galicia sen estar dado de alta no COAG ou estando inhabilitado ou suspendido no dito exercicio.

b) Incumprimento das disposicións reguladas polo ordenamento xurídico en materia de incompatibilidades.

c) Colaboración entre arquitectos que implique encubrimento de situacións de incompatibilidade legal.

d) Complicidade ou encubrimento de intrusismo profesional.

e) Actuación con infracción da normativa ordenadora da competencia leal entre arquitectos.

f) Substitución doutro arquitecto en traballos profesionais sen obte-la venia ou autorización correspondente na forma regulamentaria.

g) Usurpación da autoría de traballos profesionais alleos.

h) Incumprimento dos deberes profesionais de forma tal que se prexudique gravemente a dignidade da profesión ou os lexítimos intereses de terceiros.

i) Falseamento ou grave inexactitude da documentación profesional.

j) Ocultación ou simulación de datos que o colexio deba coñecer no exercicio das súas funcións de control ou para o reparto equitativo das cargas colexiais.

k) Actuacións públicas en notorio desprestixio da profesión ou doutros profesionais, ou con menosprezo da autoridade lexítima do colexio.

l) Exercicio dos cargos colexiais con infidelidade ou con reiterada neglixencia dos deberes correspondentes.

m) Incumprimento reiterado das obrigas económicas colexiais.

4. Son leves as infraccións que non están comprendidas no punto anterior e as que, aínda que estean, revistan menor importancia por concorrer conxuntamente falta de intencionalidade, escasa importancia do dano causado e ánimo dilixente de emenda-la falta ou remedia-los seus efectos.

5. As infraccións graves serán cualificadas como moi graves, e as infraccións leves serán cualificadas como graves cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Manifesta intencionalidade na conducta.

b) Neglixencia profesional inescusable.

c) Desobediencia reiterada a acordos ou requirimentos colexiais.

d) Dano ou prexuízo grave do cliente, doutros arquitectos, do COAG ou de terceiras persoas.

e) Existencia dun lucro ilexítimo, propio ou alleo, posibilitado pola actuación irregular do arquitecto.

f) Abuso da confianza depositada polo cliente, en especial se concorren as circunstancias de cargo público ou de actuación simultánea como promotor ou constructor.

g) Estar no exercicio dun cargo colexial ou público ó comete-la infracción, sempre que iso derive nun maior desprestixio para a imaxe e a dignidade da profesión ou ben cando a infracción se cometera prevaléndose do cargo.

h) Ser sancionado anteriormente por resolución firme a causa de calquera infracción grave non cancelada.

Artigo 70º.-Correccións.

1. As correccións ou sancións que poderán ser impostas serán:

1ª Apercibimento por escrito.

2ª Reprensión pública.

3ª Suspensión no exercicio profesional no ámbito do COAG por un prazo non maior de seis meses.

4ª Suspensión no exercicio profesional no ámbito do COAG por un prazo entre seis meses e un día e un ano.

5ª Suspensión no exercicio profesional no ámbito do COAG por un prazo entre un ano e un día e dous anos.

6ª Suspensión no exercicio profesional no ámbito do COAG por un prazo entre dous anos e un día e catro anos.

7ª A corrección 6ª e ademais proposta de suspensión no exercicio profesional en todo o territorio español por un prazo non maior de dous anos.

8ª Expulsión do COAG con proposta de suspensión no exercicio profesional en todo o territorio español por un prazo non maior de catro anos.

As correccións 3ª a 8ª levarán como accesorias a suspensión dos dereitos electorais polo tempo da súa duración e o cesamento nos cargos colexiais que se exerceran.

2. A comisión de infraccións leves imporá as correccións 1ª e 2ª. As correccións que poderán ser impostas pola comisión de infraccións graves son a 3ª, a 4ª e a 5ª. As correccións que lles corresponden ás infraccións moi graves son a 6ª, 7ª e 8ª.

3. As circunstancias de agravación e atenuación das infraccións actuarán tamén como determinantes para precisa-la corrección aplicable segundo as seguintes regras:

a) A concorrencia dunha soa circunstancia de agravación determinará que se impoña pola infracción agravada a corrección menos gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

b) A concorrencia dunha soa circunstancia de atenuación determinará que se impoña pola infracción atenuada a corrección máis gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

c) A concorrencia de dúas ou máis circunstancias de agravación determinará que se impoña pola infracción agravada a corrección máis gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

d) A concorrencia de dúas ou máis circunstancias de atenuación determinará que se impoña pola infracción atenuada a corrección menos gravosa de entre as previstas para a dita cualificación.

4. Cando conforme as regras precedentes non fose posible precisa-la concreta sanción aplicable, esta será determinada pola xunta de goberno segundo o seu prudente arbitrio e valorando as circunstancias de toda orde presentes no suposto considerado de acordo coas regras da sa crítica.

5. Tódalas correccións impostas, cando sexan firmes, serán anotadas no correspondente expediente persoal, rexistradas no libro de correccións disciplinarias, publicadas na circular informativa do COAG (excepto a corrección 1ª) e comunicadas ó Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Artigo 71º.-Prescrición.

1. As infraccións e as correccións disciplinarias correspondentes prescribirán:

a) Se son leves, ós seis meses.

b) Se son graves, ós dous anos.

c) Se son moi graves, ós catro anos.

2. Os prazos de prescrición contaranse desde o momento no que se cometera a infracción ou desde a imposición da sanción correspondente.

3. A prescrición interromperase por calquera acto colexial documentado dirixido a investiga-la presunta infracción ou a executa-la sanción.

Artigo 72º.-Cancelación e rehabilitación.

1. As correccións cancélanse, por petición do sancionado:

a) Se fosen por infracción leve, ós seis meses.

b) Se fosen por infracción grave, ós dous anos.

c) Se fosen por infracción moi grave, ós catro anos.

d) Se fosen por expulsión, ós seis anos.

2. Os prazos anteriores contaranse desde o día seguinte a aquel no que a corrección fose executada ou rematase o seu cumprimento ou prescribise.

3. A cancelación da corrección produce os seguintes efectos:

a) Borra-la anotación no correspondente expediente persoal.

b) Rexistra-la cancelación no libro de correccións disciplinarias.

c) Rehabilita-lo sancionado, quen, no caso de expulsión, poderá pedi-lo seu reingreso no COAG.

d) Comunica-la rehabilitación ó Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Artigo 73º.-Procedemento disciplinario.

1. A imposición de corrección disciplinaria debe facerse obrigadamente a través da incoación, instrucción e resolución dun expediente disciplinario estrictamente axustado ó disposto nestes estatutos.

2. En materia de procedemento disciplinario rexerán supletoriamente as normas de procedemento administrativo vixentes en Galicia.

Artigo 74º.-Incoación, instrucción e resolución.

1. O procedemento disciplinario será incoado por un acordo da xunta directiva de delegación, ou da xunta de goberno, de oficio ou ben como consecuencia de denuncia formulada por calquera órgano de goberno do COAG, arquitecto colexiado ou habilitado ou persoa física ou xurídica que teña interese lexítimo no asunto. Non serán atendidas como denuncia as comunicacións anónimas, calquera que fose a forma na que se produzan.

2. Iniciado o procedemento, a xunta directiva ou a de goberno poderán acorda-la instrucción de información reservada, con carácter de dilixencias previas, co fin de determinar se hai mérito suficiente para a incoación do expediente disciplinario propiamente dito. Para este labor non será preceptivo o nomeamento de instructor.

3. Practicada a información reservada, de se facer, e, en calquera caso, dentro dos dous meses seguintes á iniciación, acordarase o arquivado do expediente se non aparecen indicios suficientes de infracción. No suposto contrario, acordarán a xunta directiva ou a de goberno a incoación formal de expediente disciplinario.

4. A incoación de expediente disciplinario por unha xunta directiva será notificada inmediatamente á xunta de goberno que, con remisión das actuacións se é o caso, delegará na xunta directiva da delegación correspondente a instrucción do expediente e o nomeamento de instructor. O instructor deberá ser un colexiado con dez anos de antigüidade, como mínimo.

5. A incoación do expediente e o nomeamento de instructor seranlle comunicados ó interesado para os efectos de posible recusación. O instructor nomeado poderá ser recusado por causa xustificada ante a xunta de goberno.

6. Transcorrido o prazo legal para a recusación ou substanciado o incidente verbo desta materia, o instructor practicará, no prazo de dous meses, as dilixencias encamiñadas á comprobación dos feitos, e logo propoñeralle á xunta de goberno, como órgano competente, o sobresemento e arquivado do expediente, ou ben formulará o prego de cargos no que se precisen, separados e numerados, os feitos imputados e os deberes que se presumen infrinxidos, mais

as sancións que puidesen ser procedentes, con referencia ós artigos 69º e 70º.

7. En calquera caso, as resolucións da xunta de goberno que acorden o arquivado dun expediente deberán expresa-las causas que as motivaren e dispoñer, se procede, o que se entenda pertinente respecto do denunciante. De non ser conforme a xunta de goberno co sobresemento, designará do seu seo un relator para a formulación do prego de cargos.

8. O prego de cargos será trasladado ó interesado, que dispoñerá do prazo dun mes para presenta-lo seu descargo e propoñe-las probas que lle conveñan. Son utilizables tódolos medios de proba admisibles en dereito.

9. O instructor, no prazo de dous meses, admitirá e fará practica-las probas propostas que considerase pertinentes, e aqueloutras que considere oportuno para mellor prover e, realizado isto, trasladará e elevará a súa proposta de resolución no prazo común de quince días ó expedientado e mais á xunta de goberno, ante a cal será concedido ó interesado trámite de audiencia oral, co fin de que, salvo renuncia expresa pola súa parte, poida alegar canto conveña ó seu dereito, por si ou por medio doutro colexiado, ou asistido de letrado.

Se o expedientado renunciase á audiencia oral, poderá presentar escrito de alegacións no prazo de quince días, contados desde que lle fose conferido o dito trámite.

Das probas practicadas quedará debida constancia no expediente e do resultado da audiencia levantarase acta sucinta.

10. O instructor non poderá intervir nas deliberacións da xunta de goberno sobre o expediente.

11. Para o cumprimento do seu cometido o instructor dispoñerá dos servicios do COAG que precise, e actuará en todo momento asesorado por letrado.

12. A xunta de goberno, no termo doutro mes, contado desde a data da audiencia oral ou da recepción do escrito de alegacións do interesado, resolverá en primeira instancia.

13. A tramitación do expediente disciplinario non poderá demorar máis de doce meses, incluíndo a resolución e os tempos que medien entre a aprobación de cada actuación e a súa recepción por quen corresponda, agás causa xustificada que apreciará a xunta de goberno, por si ou, se é o caso, por proposta do instructor.

Artigo 75º.-Garantías.

1. A xunta de goberno resolverá os expedientes disciplinarios dictaminando en conciencia, con apreciación global da proba segundo as regras da sa crítica e dilucidando tódalas cuestións propostas.

2. As resolucións condenatorias da xunta de goberno serán acordadas por maioría absoluta; as resolucións absolutorias precisarán unicamente maioría

simple. Tódalas resolucións nesta materia deberán estar motivadas e conte-la relación dos feitos probados en congruencia co prego de cargos, a valoración das probas practicadas, a determinación da infracción ou infraccións e a súa fundamentación, con cualificación da súa gravidade.

3. A decisión final poderá ser de imposición dunha corrección, de absolución por falta de probas, de absolución por inexistencia de conducta sancionable, ou de sobresemento por prescrición das infraccións.

4. A resolución aprobada seralle notificada integramente pola secretaría do COAG ó interesado, na forma prevista na lexislación do procedemento administrativo común, con expresión dos recursos que procedan contra tal resolución e dos prazos para interpoñelos. Notificaráselle igualmente á xunta directiva que iniciara o expediente e ó arquitecto ou arquitectos que proceda, se directa ou indirectamente resultaren afectados pola resolución.

5. A firmeza da resolución de imposición dunha corrección producirase:

a) Pola non-interposición de recurso contra ela en tempo e forma.

b) Pola súa confirmación unha vez esgotados tódolos recursos na vía xudicial.

6. Mentres un expediente non estivese concluso e a imposición dunha corrección non sexa firme deberán ser respectados tódolos dereitos do colexiado interesado, incluso o da non-difusión, nin accidental, nin intencionada, da corrección imposta, nin sequera do feito de estar sometido a expediente disciplinario.

Artigo 76º.-Recursos en materia disciplinaria.

1. Contra o acordo da xunta de goberno en materia disciplinaria o interesado, a xunta directiva que iniciara o expediente e, se é o caso, os arquitectos que directa ou indirectamente resultaren afectados pola resolución poderán interpor, no prazo dun mes, recurso ordinario con carácter potestativo e non preceptivo. O recurso deberá ser resolto pola xunta de goberno no prazo de tres meses desde a súa interposición.

2. Contra a desestimación expresa ou tácita do recurso potestativo ordinario, ou directamente contra a resolución de instancia da xunta de goberno, poderase recorrer en vía contencioso-administrativa perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a notificación, logo de anuncio dirixido á xunta de goberno, consonte o artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. As xuntas directivas das delegacións carecen de personalidade para recorrer ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3. No caso de que a corrección disciplinaria incorpore proposta de suspensión temporal no exercicio profesional en todo o territorio español, o expediente e a resolución colexial serán remitidos ó Consello

Superior dos Colexios de Arquitectos de España para ratificación. Se o consello confirmase a proposta en todo ou en parte, o recurso contra a sanción na súa totalidade será ante o mesmo consello; se a rexeitase, o expediente será devolto ó colexio, indicándolle ó interesado o recurso procedente.

Disposicións adicionais

Primeira.-As agrupacións de arquitectos peritos e forenses e de arquitectos ó servicio da Administración pública deberán adecua-los seus regulamentos a estes estatutos no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deles.

Segunda.-A xunta de goberno elaborará un calendario para que se produza no prazo máximo dun ano a adaptación a estes estatutos das regulamentacións relativas a materias particulares vixentes ata o de agora.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os membros da xunta de goberno e das xuntas directivas das delegacións e subdelegacións conservarán o seu mandato, e a xunta de goberno a súa actual composición, ata que se cumpra o prazo para o que foron elixidos (maio de 1999). As atribucións respectivas de tesoureiro e contador seguirán rexéndose ata ese momento polo Regulamento de réxime interno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Segunda.-Mentres non se produza a promulgación e entrada en vigor dos estatutos xerais dos colexios e do consello superior, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado do correspondente real decreto, seguirán sendo aplicables as normas dos estatutos para o réxime e goberno dos Colexios de Arquitectos de España, aprobados polo Decreto do 13 de xuño de 1931, no relativo ó réxime de recursos e á actuación do tribunal profesional e da comisión de deontoloxía profesional do colexio, sen prexuízo doutras disposicións de carácter xeral, segundo o principio de xerarquía normativa.

Terceira.

1. Producida a promulgación citada na disposición transitoria segunda, o Tribunal Profesional e a comisión de deontoloxía profesional cesarán automaticamente nas súas funcións.

2. Os recursos pendentes de resolución do tribunal profesional, se son sobre materia disciplinaria ou contra acordos da xunta de goberno ou da xunta xeral do COAG, terán inmediatamente aberta a vía do recurso contencioso-administrativo ante os tribunais ordinarios, circunstancia que será debidamente notificada ós recorrentes polo secretario do COAG. Non obstante o anterior, os interesados, no prazo dun mes desde a data da devandita notificación poderán interpor, con carácter potestativo e non preceptivo, recurso ordinario ante o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

3. Os recursos pendentes contra acordos dunha xunta directiva ou dunha xunta de delegación ou subdelegación serán resoltos como recurso ordinario ante a xunta de goberno do COAG.

4. Os asuntos pendentes de resolución da comisión de deontoloxía profesional, en calquera estado procesual no que se atopen, pasarán á xunta de goberno para a súa tramitación consonte o réxime destes estatutos.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o regulamento de réxime interno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Segunda.-Quedan sen efecto os demais regulamentos orgánicos e acordos corporativos naqueles aspectos que se opoñan ó establecido nestes estatutos.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.