Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 12 de novembro de 1999 Páx. 13.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 1999 pola que se convoca unha Xornada sobre notificacións, sinatura e comercio electrónicos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Revista de Dereito das Telecomunicacións e Infraestructuras en Rede, unha Xornada sobre notificacións, sinatura e comercio electrónicos, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Estudia-lo novo sistema de sinatura electrónica desde a súa regulación e os efectos que se derivan nos diversos campos, tanto na súa vertente xurídica como na comercial existente na actualidade, sobre todo en canto o que ó comercio electrónico se refire, novo motor das transaccións do futuro inmediato.

Segunda.-Contido.

Trataranse estes temas:

-As comunicacións electrónicas coa Administración.

-Estudio do Real decreto lei 14/1999, do 17 de setembro, de sinatura electrónica.

-O comercio electrónico en España.

-O comercio electrónico en Europa e no mundo.

-A administración electrónica na Xunta de Galicia.

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada terá lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela) o día 2 de decembro de 1999.

Quinta.-Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 30 de novembro de 1999.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-As solicitudes do persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega, e dos interesados en xeral, cubriranse segundo o modelo que figura como anexo I desta convocatoria.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, de 10 a 14.45 horas, o día 1 de decembro, ós seguintes números da EGAP: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate da xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente, cando a súa asistencia a ela sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública