Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 11 de novembro de 1999 Páx. 13.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 1999 pola que se convocan dúas bolsas de formación no Gabinete Técnico do Consello Económico e Social de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 18.6º da Lei 6/1995, do 28 de xuño, e no artigo 21 f) do Regulamento de réxime interior do CES-Galicia e de conformidade coa autorización da Comisión Permanente 7/1999, con data do 31 de maio de 1999, faise pública esta convocatoria, que se rexerá polas seguintes

Bases:

Primeira.-Obxecto.

A convocatoria ten por obxecto a adxudicación de dúas bolsas de formación para participar nas tarefas

do Gabinete Técnico do CES-Galicia colaborando na redacción de informes, estudios ou dictames sobre materias socioeconómicas relacionadas coas funcións encomendadas ó organismo.

Segunda.-Duración.

O período de desfrute comprende un ano de duración, que comezará a contarse desde o 1 de xaneiro do ano 2000. A bolsa non poderá ser obxecto de prórroga.

Terceira.-Dotación.

Para a concesión das bolsas convocadas nesta resolución destinarase ata un máximo de 1.980.000 ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria «Subvencións concedidas pola empresa, do orzamento de explotación do CES-Galicia» do ano 2000.

Cuarta.-Requisitos.

1. Estar realizando en calquera das universidades de Galicia, polo menos durante as dúas terceiras partes do período de desfrute da bolsa, cursos de terceiro ciclo (doutoramento, programas de posgrao e outros) en áreas de economía, estatística ou socioloxía. Unha, alomenos, das bolsas convocadas adxudicarase ós alumnos que realicen estudios de terceiro ciclo na área de economía.

2. Posuí-la nacionalidade dun Estado membro da UE e ser veciño ou estar domiciliado en calquera municipio da Comunidade Autónoma de Galicia

3. Non estar desfrutando doutra bolsa, axuda ou remuneración, financiada con fondos públicos ou privados.

Quinta.-Solicitudes.

1. A solicitude, segundo o modelo anexo, remitirase ó CES-Galicia, rúa da Algalia de Abaixo 24, 15704 Santiago de Compostela, xuntamente coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación de estar matriculado nos cursos de terceiro ciclo que se esixe como requisito da convocatoria.

-Currículum vitae ó que se xuntará certificación académica persoal completa que exprese con detalle o historial académico do solicitante.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia e de non desfrutar doutra bolsa, axuda ou remuneración tal como se expresa no punto cuarto.3.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

2. O prazo de presentación é de 15 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria.

3. A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Selección.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión integrada por 3 membros da Comisión Permanente do Consello, designados por ela, que será presidida polo presidente do Consello. O secretario do CES-Galicia levantará acta dos acordos adoptados.

A avaliación dos méritos acreditados realizarase de acordo cos seguintes criterios:

1. Ó expediente académico acreditaráselle a puntuación da nota media que lle corresponda, obtida de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Ás calificacións obtidas asignaránselle os seguintes valores numéricos:

Suspenso: 0,10 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Notable: 2 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Matrícula de honra: 4 puntos.

Validacións: 1 punto.

As cualificacións correspondentes ás materias cuadrimestrais dividiranse por 2.

Se as cualificacións fosen de orde cuantitativa os valores numéricos correspondentes serán os seguintes:

Entre 0 e menos de 5: 0,10 puntos.

Entre 5 e menos de 7: 1 punto.

Entre 7 e menos de 9: 2 puntos.

Entre 9 e 10: 3 puntos.

Matrícula de honra: 4 puntos.

Validacións: 1 punto.

1.2. A media aritmética será o cociente de dividi-la suma das cualificacións obtidas polo número das materias cursadas. As materias cuadrimestrais consideraranse como media materia.

1.3. O título de grao de licenciado valorarase con 0,50, 0,25 ou 0,10 puntos se a cualificación obtida fose, respectivamente, de sobresaliente, notable ou aprobado. O premio extraordinario no referido exame de grao valorarase con 1 punto.

2. O curso de iniciación de galego ou certificado equivalente valorarase con 0,25 puntos e o curso de perfeccionamento ou certificado equivalente con 0,50 puntos.

3. Ós restantes méritos alegados poderá outorgárselles, en conxunto, unha puntuación máxima de 0,50. Non será obxecto de valoración a circunstancia de estar realizando os cursos de terceiro ciclo, que son condición necesaria para optar á bolsa que se convoca.

Sétima.-Formalización da concesión.

A resolución onde se acorde a concesión das bolsas seralles notificada persoalmente ós bolseiros seleccionados e publicada no taboleiro de anuncios do CES-Galicia.

No prazo de 20 días desde a publicación e notificación, sinalada no parágrafo antedito, os bolseiros seleccionados deberán asinar un documento de aceptación no que expresamente se especificará o tipo e mailas condicións da tarefa encomendada ó bolseiro e o compromiso de levala a cabo nos termos establecidos.

A negativa a formaliza-lo documento de aceptación dará lugar á cancelación da bolsa.

Oitava.-Obrigas do bolseiro.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas dentro dos dez días naturais seguintes a aquel no que se asine o documento de aceptación. De non facelo así, sen causa suficiente ó xuízo do presidente, o CES poderá chama-lo seguinte candidato por orde de puntuación, da relación formada para este efecto de acordo co disposto na base anterior.

2. Permanecer no CES un máximo de 20 horas semanais, en horario compatible coas súas obrigas docentes.

3. Atende-las instruccións que dicte o secretario xeral do CES, órgano encargado do seguimento e control das bolsas, e do persoal do Gabinete Técnico.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por ela.

5. Cubri-los informes ou partes de actividades que lle sexan requiridos.

No caso de que durante o período de desfrute destas bolsas se producise algunha circunstancia que motivase a interrupción da colaboración do bolseiro, este deberá informar inmediatamente o secretario xeral do CES para a adopción das medidas oportunas.

Novena.-Dereitos do bolseiro.

1. Á percepción mensual, na súa conta corrente, do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade íntegra a retención fiscal que proceda.

2. A ter cuberta a continxencia de accidentes de traballo, a través dunha póliza de seguro para o efecto.

3. O adxudicatario adquire exclusivamente a condición de bolseiro, coas obrigas e dereitos propios desta, conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co CES.

4. Ó remate do período de desfrute da bolsa, o bolseiro terá dereito a que o secretario xeral do CES lle expida un informe detallado sobre a actividade que desenvolveu e o grao de aproveitamento obtido.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1999.

Luis Suárez-Llanos Gómez

Presidente do Consello Económico e Social

de Galicia