Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 11 de novembro de 1999 Páx. 13.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de outubro de 1999 pola que se establecen medidas para a conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.

A nova Política Agraria Común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vista ó acceso do público e o ocio como instrumentos da política ambiental.

En particular, o Regulamento (CE) 2078/1992 do Consello, do 30 de xuño, promove métodos de producción agrícola propicios para o desenvolvemento dunha agricultura compatible coas esixencias ambientais e de conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas, cofinanciadas polo FEOGA-Garantía, para compensa-las perdas de renda orixinadas pola reducción da producción ou o aumento de custos que supoñen os ditos métodos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1º, 2º e 3º, regula a aplicación por parte dos estados membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona, e, no punto 4º, autoriza estes para estableceren o marco regulamentario xeral que dispoña a aplicación horizontal na totalidade do seu territorio dunha ou varias das axudas previstas.

Na súa virtude, e por proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), aprobouse o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro (BOE nº 33, do 8 de febreiro), polo que se establece un réxime de medidas horizontais para fomentar

métodos de producción agraria compatibles coas esixencias de protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte, a decisión da comisión C(95) 18, do 19 de xaneiro, aproba o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro programa de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se atopan medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia e con participación do FEOGA-Garantía nos gastos financiables.

Neste marco, o sector agrario de Galicia debe combina-la súa adaptación a sistemas productivos más eficientes que o mantemento dunha cultura agraria propia, derivada dunha acción continua nun medio, ás veces hostil, que deu lugar a prácticas culturais como a construcción de socalcos para evitar unha erosión incontrolada, á realización de labores de cultivo, rozas ou corta de matogueiras que manteñen o uso gandeiro do monte e evitan a propagación de incendios, contribuíndo, en xeral, á conservación dunha paisaxe singular en harmonía co ambiente.

O viñedo é un cultivo especialmente importante nesta Comunidade Autónoma, tanto pola extensión da superficie cultivada, como polo número de traballadores empregados no sector, abarcando cinco denominacións de orixe en materia de viños.

No val dos ríos Miño e Sil, nas provincias de Lugo e Ourense, existen zonas cunha paisaxe peculiar, caracterizada polo cultivo do viñedo en socalcos con muras de pedra, nas que a vide é coidada con métodos que evitan a erosión e aproveitan racionalmente as condicións naturais para a producción agrícola. Considérase necesario o establecemento dun programa de axuda que contribúa á permanencia desta paisaxe, ligada ó cultivo á man e a unha conservación cada vez máis custosa das muras, práctica mantida secularmente desde a época romana, evitando o abandono do cultivo, e a desaparición dos socalcos.

Segundo o disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a este a execución en Galicia das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as ambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde a regulación dos requisitos e procedementos para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento das axudas para a conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión en viñedos da Ribeira Sacra, no marco do fomento de práctica agrícolas compatible co ambiente, conforme o disposto no artigo 3, do Regulamento (CE) 2078/1992 do Consello, do 30 de xuño de 1992, que continuará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.

Artigo 2º.-Finalidade.

Os fins perseguidos co establecemento deste réxime de axudas son os seguintes:

1. Mante-la paisaxe peculiar que o cultivo de viñedo en socalcos proporciona nos vales dos ríos Sil e Miño na Ribeira Sacra.

2. Previ-la erosión nas ladeiras mantendo o sistema de cultivo con socalcos.

3. Mante-la actividade agrícola nestas terras evitando a invasión de matogueiras e o perigo de incendios.

4. Permiti-lo sostemento dunha poboación rural nunha zona na que a súa diminución é constante.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Este programa aplicarase nos viñedos das ribeiras do Miño e Sil pertencentes á zona de denominación de orixe Ribeira Sacra.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de viñedo situadas na zona de aplicación do programa e que cumpran os requisitos especificados a continuación:

1. Cultiva-lo viñedo en socalcos, cun máximo de 8 fileiras de cepas por socalco ou, no caso de ter máis fileiras por socalco, a pendente natural do terreo deberá ser superior ó 30%.

2. Mante-lo cultivo do viñedo en socalcos durante un período mínimo de 5 anos a partir da data de aprobación da solicitude.

3. Realiza-los traballos necesarios para o mantemento das muras dos socalcos, utilizando os materiais orixinais, fundamentalmente pedra da zona.

4. Levar a cabo prácticas de cultivo do viñedo tradicionais, empregando fundamentalmente fertilizantes orgánicos e labores de cava manuais, eliminando a utilización de fertilización nitroxenada mineral.

5. Realizar, como máximo, un tratamento herbicida, utilizando productos non residuais.

6. Cultivar unha superficie mínima de viñedo no sistema de socalcos de 1.000 m, en parcelas cunha superficie mínima de 100 m.

7. Cultivar, unicamente, variedades de vide autorizadas ou recomendadas, de forma que a porcentaxe da superficie total incluída no programa ocupada por variedades recomendadas sexa superior ó 60%.

8. Dispoñer dun técnico competente para efectua-lo seguimento do programa, ben directamente, ou o do Consello Regulador se é asociado deste.

9. Subscribir contrato coa D.X.P.A., para a realización do programa.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

Os beneficiarios deste programa poderán percibir unha axuda anual, por un período máximo de 5 anos, ata 70.000 ptas./ha.

En calquera caso, a subvención máxima por explotación e ano será de 2.500.000 ptas.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

No caso de que a asignación orzamentaria sexa inferior á suma dos importes das solicitudes, na concesión das axudas aplicaranse os criterios de prioridade que a seguir se indican:

a) Dentro do artigo 4º punto 1, terán prioridade as solicitudes nas que a pendente natural do terreo sexa maior (mínimo 30%).

b) Dentro do artigo 4º punto 7, terán prioridade as solicitudes nas que a porcentaxe da superficie total incluída no programa ocupada polas variedades de vide recomendadas sexa maior (mínimo 60%).

Artigo 7º.-Solicitude e documentación complementaria.

Así mesmo as solicitudes de axuda serán feitas polos titulares das explotacións en modelo oficial, conforme o anexo I(A) e (B) desta orde.

Deberá xuntárselle á solicitude a seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI/CIF do solicitante.

2. Relación das parcelas das que é titular e nas que se vai a aplica-lo programa, coas súas referencias catastrais (anexo II), (rexistro vitivinícola).

3. Plano do catastro das parcelas incluídas no programa.

4. Certificación do Consello Regulador acreditativa da pertenza á denominación de orixe.

5. Compromiso de desenvolvemento e seguimento do programa (anexo III).

6. Certificación da entidade financeira indicando o número de conta, en formato código conta cliente, aberta a nome do solicitante para o ingreso da axuda.

Artigo 8º.-Tramitación e control administrativo.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e os órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria funcionalmente dependentes daquela, realizarán as funcións de tramitación previas á resolución e pagamento, así como as inherentes ó servicio técnico, é dicir, efectuarán a recepción e rexistro, se é o caso, das solicitudes, a comprobación e verificación de que a documentación presentada está completa, solicitando se procede, a documentación complementaria necesaria co fin de informar sobre a adecuación dos feitos que serven de base para a determinación da cantidade que lle deberá ser aboada a un beneficiario, conforme a normativa comunitaria que resulte de aplicación a estatal e autonómica que a desenvolve. Posteriormente informatizarán as solicitudes e elaborarán a proposta correspondente para a súa aprobación polo director do Ilgga.

Unha vez aprobadas as axudas formalizaranse os correspondentes contratos entre a D.X. de Producción Agropecuaria e os beneficiarios.

As solicitudes atenderanse dando prioridade a criterios técnicos, en beneficio daqueles expedientes con maior incidencia na conclusión dos obxectivos do programa.

Artigo 9º.-Control e seguimento do programa.

O control da aplicación do programa en cada parcela e explotación será efectuado polo técnico competente do Consello Regulador, anotando as súas incidencias.

Os servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria efectuarán as comprobacións que consideren oportunas para garanti-la correcta execución do programa, tanto mediante o exame da documentación presentada como mediante controis sobre o terreo.

No obstante, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que considere necesario para comproba-lo cumprimento de calquera requisito esixido na normativa comunitaria, estatal ou autonómica que resulte de aplicación.

Artigo 10º.-Xustificación e aboamento da axuda.

1. A xustificación da execución do programa realizarase anualmente coa presentación dun informe técnico detallado das parcelas e explotacións nas que se desenvolve o programa satisfactoriamente e das incidencias habidas, asinado polo técnico responsable do seu seguimento e control antes do 30 de xuño de cada ano.

2. En todo caso, o pagamento anual da axuda estará supeditado ó informe técnico anual, elaborado polos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, da execución do programa e do cumprimento dos compromisos asumidos. A dita certificación servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

3. Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os beneficiarios titulares das explotacións, deberán colaborar nas medidas que se adopten para o control e seguimento do programa. En particular, deberán permiti-lo libre acceso á súa explotación, a toma de mostras e exame de datos e rexistros ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

4. Se da verificación e control realizados se deduce unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase, parcial ou totalmente, a axuda aprobada para o solicitante.

4.1. Consideraranse como causa de perda da axuda para a parcela correspondente:

a) A existencia de muras destruídas nela na data de finalización anual do programa.

b) A existencia de muras construídas con materiais alleos ós tradicionais de zona na data de finalización anual do programa.

c) A utilización de fertilización nitroxenada mineral ou herbicidas residuais

4.2. Considerarase como causa da perda da axuda para a totalidade da explotación:

a) A existencia de muras destruídas ou construídas con materiais non adecuados, na data de finalización do programa, en máis do 50% das parcelas da explotación incluídas no programa.

b) A utilización de fertilización nitroxenada mineral ou herbicidas residuais en máis do 50% da superficie das parcelas incluídas no programa.

5. O prazo máximo en que se deberá dictar resolución será o 30 de decembro do ano en curso, entendéndose desestimadas aquelas solicitudes non resoltas expresamente no devandito prazo.

Artigo 11º.-Réxime sancionador.

11.1. Aplicaranse as sancións correspondentes, de acordo co establecido no punto seguinte deste artigo, cando se dea algún dos seguintes supostos:

1. Que exista discrepancia entre a superficie declarada e a comprobada.

2. Cando se observe incumprimento dos compromisos técnicos e ambientais.

3. Cando non se presente a solicitude anual de renovación dos compromisos plurianuais.

11.2. Ante a falsa declaración, ben deliberadamente ben por neglixencia grave, rescindirase o contrato e o beneficiario non poderá reincorporarse ó programa ata transcorreren dous anos.

En todo caso será de aplicación o disposto no regulamento (CE) 746/1996, en relación co establecido nos regulamentos (CE) 3887/1992, 3508/1992 e 1648/1995 relativos ó sistema integrado de xestión e control.

Artigo 12º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As axudas recollidas na presente orde serán compatibles coas relativas á protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas de pastoreo, e para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

Así mesmo, serán acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento (CEE) 2078/1992, do 30 de xuño de 1992.

Artigo 13º.-Agricultor a título principal.

1. Cando o titular da explotación exerza a súa actividade como agricultor a título principal (ATP) de acordo coa a definición do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, as contías establecidas das axudas incrementaranse nun 20%, tendo en conta o establecido no artigo anterior.

2. A xustificación da condición de ATP realizarase, como norma xeral, mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa rematase o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales polo mesmo durante

tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos imputaraselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

a) As da actividade agraria da explotación.

b) As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas polos traballos desenvolvidos fóra da explotación, incluídas as perdas e haberes pasivos que fiscalmente estea obrigado a declarar.

c) O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

Deberá xuntarlle á citada xustificación un informe da vida laboral emitido pola Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 14º.-Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de axuda presentaranse, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ademais de nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación da presente orde.

Artigo 15º.-Financiamento das actuacións.

1. As accións previstas na presente orde financiaranse de acordo co convenio de colaboración establecido ou que se estableza entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía no seu financiamento.

3. No exercicio 1999, as axudas concedidas por primeira vez con cargo á presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.712-A.773.0 «Apoio á eficacia dos sistemas productivos» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, no que existe crédito adecuado para esta finalidade por un importe de 8.000.000 de pesetas.

Artigo 16º.-Solicitantes de anos anteriores.

Os beneficiarios destas axudas no ano anterior, cando non variasen as parcelas nin outros medios,

nin métodos de producción no ano actual, poderán presenta-la solicitude correspondente sen incluí-los anexos II e III, utilizando só o anexo IV.

Disposición transitoria

Tendo en conta que o Regulamento (CE) 2078/1992, do Consello do 30 de xullo, estará en vigor ata o 31 de decembro de 1999, os novos contratos asinaranse para este ano e incluirán o compromiso do beneficiario de integrarse e adaptarse ós novos plans que emanen do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando nun mesmo ámbito territorial coincidan accións relacionadas coa aplicación desta orde con outras que xurdan como consecuencia da aplicación do Regulamento (CE) 2080/1992, sobre forestación de terras agrarias ou do Real decreto 378/1993, do 12 de marzo, polo que se establece un réxime de axudas para fomenta-los investimentos forestais en explotacións agraria e accións de desenvolvemento e aproveitamento dos bosques en zonas rurais, coordinaranse as actuacións precisas para a aplicación de ámbolos regulamentos.

Segunda.-Ós procedementos para a concesión de axudas e subvencións regulados na presente orde seralles de aplicación o sistema de recursos establecidos no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para desenvolver e executa-lo disposto na presente orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar, por resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde cando se deban a modificacións habidas na normativa estatal ou comunitaria reguladora da presente axuda.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria