Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 05 de novembro de 1999 Páx. 13.001

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 280/1999, do 4 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia.

A Lei 3/1999, do 11 de marzo, crea o Instituto Enerxético de Galicia, calificándoo como ente de dereito público, con personalidade xurídica e patrimonio propio, adscrito á consellería competente en materia de enerxía. Constitúe o instrumento de

actuación da política enerxética da Xunta de Galicia para a utilización racional da enerxía como factor clave da competitividade das nosas empresas e da calidade de vida dos cidadáns, impulsando o desenvolvemento simultáneo da economía e do emprego, para asegura-la satisfacción da demanda enerxética e alenta-lo desenvolvemento das enerxías renovables que procuren a diminución da dependencia exterior e a conservación do ambiente na busca dunha harmonía entre a utilización da enerxía e a calidade do ambiente.

A súa natureza, fins, funcións, organización, así como os seus recursos, réxime económico, persoal e control atópanse regulados na lei da súa creación, aínda que no que respecta á súa organización se require un desenvolvemento regulamentario.

Con independencia da remisión a regulamentacións concretas que a Lei 3/1999, do 11 de marzo, recolle en determinados aspectos, a disposición adicional primeira autoriza o Consello da Xunta de Galicia para que adopte cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento da mencionada lei, dentro dos seis meses seguintes ó da súa entrada en vigor e, en uso da autorización concedida na citada disposición adicional, díctase agora este decreto polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da citada Lei 3/1999.

Este decreto ten como obxecto a regulación dos órganos do instituto e do seu persoal, contendo así as normas de organización e funcionamento dos órganos rectores del e das competencias dos seus órganos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia, que se insire como anexo deste decreto.

Disposición transitoria

O Consello de Administración do Instituto Enerxético de Galicia aprobará, por proposta do director e nun prazo máximo de 15 días contados desde o seguinte ó da entrada en vigor deste decreto, o cadro inicial do persoal da entidade e os criterios de selección que terán que seguirse para a cobertura das prazas, respectando os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de enerxía para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o cumprimento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO

Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto.

Este regulamento ten como obxecto a regulación dos órganos do Instituto Enerxético de Galicia e do seu persoal, establecendo as normas de organización e funcionamento dos órganos rectores del e as súas competencias.

Artigo 2º.-Órganos do Instituto Enerxético de Galicia.

1. Son órganos de goberno do Instituto Enerxético de Galicia o Consello de Administración e o director.

2. O Instituto Enerxético de Galicia contará cun consello asesor como órgano de consulta e asesoramento.

3. Créase un comité de dirección como órgano de apoio e coordinación das funcións do director do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 3º.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración é órgano colexiado de goberno e ten as máis amplas facultades de dirección, actuación e xestión deste.

2. O Consello de Administración estará constituído por:

a) O presidente, que será o conselleiro competente en materia de enerxía.

b) O vicepresidente, que será o director xeral competente en materia de enerxía.

c) Un mínimo de seis vocais e un máximo de oito, dos que:

-Un será o director do Instituto Enerxético de Galicia.

-Dous vocais representarán a consellería competente en materia de enerxía e serán designados por esta.

-Un vocal representará a consellería competente en materia de economía e facenda e será proposto por esta.

-Un vocal representará a consellería competente en materia de ordenación territorial e será proposto por esta.

-Un vocal representará a consellería competente en materia de ambiente e será proposto por esta.

-Un vocal representará as corporacións locais e será proposto pola Fegamp.

d) O secretario do Consello de Administración, que actuará con voz pero sen voto.

3. Os vocais do Consello de Administración serán nomeados e separados polo conselleiro competente en materia de enerxía.

4. Para a válida constitución do órgano, para efectos de realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presencia do presidente e secretario ou, se é o caso, de quen os substitúan e a da metade, alomenos, dos seus membros.

5. O réxime de convocatorias regularase polo Regulamento do réxime interior, que será aprobado polo Consello de Administración.

6. Os acordos serán adoptados pola maioría de votos.

Artigo 4º.-O presidente do Consello de Administración.

Correspóndelle ó presidente do Consello de Administración:

a) Desempeña-la superior representación do Instituto Enerxético de Galicia.

b) Acorda-la convocatoria das sesións e a fixación da orde do día.

c) Presidi-las sesións, modera-lo desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para efectos de adoptar acordos.

e) Asegura-lo cumprimento das leis.

f) Visa-las actas e certificacións dos acordos do órgano.

g) Coordina-la actuación dos membros do consello, así como das comisións que, se é o caso, se creen.

h) Nomear, nos termos previstos neste regulamento, os vocais do consello asesor.

i) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

Artigo 5º.-O secretario.

O Consello de Administración, por proposta do director do Instituto Enerxético de Galicia, nomeará un secretario de entre o persoal pertencente ó dito instituto, que será igualmente secretario do consello asesor.

2. Correspóndelle ó secretario:

a) Asistir ás reunións.

b) Efectua-la convocatoria das sesións do órgano por orde do seu presidente, así como as citacións ós membros del.

c) Recibi-los actos de comunicación dos membros co Consello de Administración.

d) Prepara-lo despacho dos asuntos, redactar e autoriza-las actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, dictames e acordos aprobados.

f) Calquera outra que lle encomende o presidente do Consello de Administración que estea relacionada co funcionamento do propio consello.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 6º.-O director.

O director do Instituto Enerxético de Galicia exercerá as funcións que lle atribúe o artigo 8 da citada Lei 3/1999, do 11 de marzo, e aqueloutras que lle delegue o Consello de Administración e/ou o presidente do instituto.

Artigo 7º.-O Comité de Dirección.

El director do Instituto Enerxético de Galicia estará asistido por un comité de dirección composto polos directores dos departamentos e polo secretario do Consello de Administración, no caso de que este non exerza posto de director do departamento.

Artigo 8º.-O Consello Asesor.

O Consello Asesor é o órgano de consulta e asesoramento do Instituto Enerxético de Galicia.

2. O Consello Asesor estará integrado polos seguintes membros:

a) O presidente, que será o presidente do instituto.

b) O vicepresidente, que será o director do instituto.

c) Un mínimo de 15 vocais e un máximo de 30, en representación da Administración autonómica, das asociacións municipais, dos colexios profesionais relacionados co sector enerxético, das universidades galegas, da industria e, en particular, das productoras e distribuidoras de enerxía e doutras institucións e organismos relacionados coas funcións do instituto, de entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito enerxético.

Os vocais serán nomeados e separados polo presidente do Instituto Enerxético de Galicia por proposta do director, escoitadas as entidades e os organismos ós que pertenzan.

3. O cargo de membro do Consello Asesor non será remunerado, sen prexuízo das indemnizacións que poidan corresponderlles, se é o caso, pola asistencia ás súas reunións.

4. O Consello Asesor reunirase como mínimo unha vez ó ano.

5. Correspóndenlle ó Consello Asesor as seguintes funcións:

a) Coñecer e informar sobre os programas de actuación do Instituto Enerxético de Galicia.

b) Propoñer cantos acordos e disposicións sexan convenientes para o mellor funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia.

c) Informar sobre calquera asunto que, no ámbito das competencias do Instituto Enerxético de Galicia, lle solicite o presidente do consello.

d) Asesorar e informa-lo Consello de Administración de tódalas cuestións relacionadas coas finalidades do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 9º.-Persoal do instituto.

1. O persoal da entidade poderá estar integrado, conforme o cadro que aprobe o Consello de Administración, por:

a) Persoal laboral, contratado respectando os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

b) Persoal funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, que se poderá adscribir ó Instituto Enerxético de Galicia, a través dos sistemas de provisión de postos de traballo previstos na normativa vixente, sen alteración da súa situación administrativa.

c) Persoal de alta dirección, ó que será de aplicación o réxime previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, sobre actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

2. Pertencer ó Consello de Administración ou ó Consello Asesor non xerará en ningún caso dereitos laborais.