Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 04 de novembro de 1999 Páx. 12.956

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 400 kV, de entrada e saída na subestación de Cartelle de Castrelo de Miño a Pazos de Borbén, nos térmos municipais de Castrelo de Miño e Cartelle (Ourense). (Expediente IN407A 98/17-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A., (en diante Red Eléctrica) con enderezo para efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes nº 177; La Moraleja; Alcobendas; 28109-Madrid, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 7 de outubro de 1998, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 400 kV de entrada e saída na subestación de Cartelle de Castrelo de Miño a Pazos de Borbén, nos termos municipais de Castrelo de Miño e Cartelle (Ourense).

Segundo.-Coa data do 2 de novembro de 1998, a citada empresa solicita a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña de alta tensión a 400 kV, en dobre circuíto, cunha lonxitude de 7.327 m, en conductor dúplex raíl (AW), apoios metálicos de celosía, derivada desde o apoio nº 6 da liña 400/220 kV, Castrelo de Miño-Pazos de Borbén e finaliza na subestación de Cartelle, capacidade térmica de transporte: 2780/3280 MVA (verán/inverno). Lonxitude da liña compartida coa liña

entrada e saída de Cartelle da L.A.T. Castrelo-Velle: 1.882 m.

Terceiro.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 18 de novembro de 1998, publicada no DOG do 11-1-1999, BOP de Ourense do 21-12-1998, o diario La Región de Ourense do 14-12-1998, en extracto no BOE do 6-2-1999, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Castrelo de Miño e de Cartelle e na delegación provincial; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación e, no caso de titulares descoñecidos ou de enderezo ignorado, deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Cuarto.-Durante o período no que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1) Manuela Rodríguez Rodríguez, propietaria do predio nº 247, solicita un cambio do trazado da liña e a expropiación total dunha parcela de 6.000 m.

2) José Manuel Rodríguez , propietario do predio nº 248, 248/1, solicita un cambio do trazado da liña e a expropiación total da parcela.

3) José Iglesias Fernández, propietario do predio nº 219 fai constar que hai un erro na cualificación do citado predio, que foi cualificado de prado e é de labradío.

4) José Fernández Álvarez, presidente da Asociación de Montes en Man Común Rega-Palmeiro, solicita aclaracións ou ampliación de datos da forma de afección da liña ós predios: nº 151, 168, 172 e 174.

5) Herminia Armada Vázquez, propietaria do predio nº 282, solicita: aclaracións ou ampliación de datos da forma de afección da liña ó mencionado predio.

6) Josefina Parente Alverte, propietaria do predio nº 163, solicita aclaracións ou ampliación de datos da forma de afección da liña ó mencionado predio.

As alegacións remitíronse á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Ourense, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións previstas no artigo 25 nin conxuntamente as limitacións do artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento

no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/68, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

1) Non procede acepta-lo cambio de trazado solicitado por Manuela Rodríguez Rodríguez e José Manuel Rodríguez, xa que non propoñen ningún trazado alternativo e calquera variación posible afectaría a terceiros non incursos no expediente.

2) A expropiación total dos predios nº 247, 248 e 248/1 resulta improcedente porque a servidume de paso da liña eléctrica non impide o aproveitamento agrícola ou forestal destas, deixando a salvo a dita servidume e que os prexuízos que pode ocasiona-la instalación da liña eléctrica serán valorados no momento procedemental oportuno se as partes interesadas non chegan a un mutuo acordo.

3) A empresa tivo en conta a alegación presentada por José Iglesias Fernández e o erro será rectificado se se constatase no relativo á cualificación do predio.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria