Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 02 de novembro de 1999 Páx. 12.813

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 276/1999, do 21 de outubro, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

A liberalización das telecomunicacións e o relanzamento do sector audiovisual supuxo un reto de especial importancia que nos obrigou a adoptar medidas para cubri-las necesidades que a Comunidade Autónoma de Galicia vai demandar no futuro, correspondéndolles ás administracións públicas xogar un papel de motor que faga ver ó resto da sociedade as vantaxes que comporta a utilización destas novas técnicas, tanto desde o punto de vista económico coma social, pola transcendencia no eido do desenvolvemento económico, cultural e de ocio que as telecomunicacións e o sector audiovisual teñen e terán máis no futuro.

Neste sentido, a Lei 31/1987, do 18 de decembro, de ordenación das telecomunicacións, estableceu un marco xurídico básico das telecomunicacións, creándose polo Decreto 307/1995, do 13 de xullo, no que atinxe á Comunidade Autónoma galega, o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, sucesivamente modificado polos Decretos 354/1996, do 19 de setembro, e 199/1998, do 2 de xullo.

A entrada en vigor da Ley 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, supón un feito de singular importancia, ó ordenar un marco normativo definidor das liñas fundamentais do sector audiovisual galego co fin de potencia-lo seu crecemento e o seu desenvolvemento e permitirlles ós cidadáns e ós axentes profesionais e empresariais expresarse cos medios oportunos dentro do noso espacio audiovisual e cultural.

Por iso a dita lei obriga a unha nova regulación daqueles organismos que desempeñan actividades directamente relacionadas co sector audiovisual galego co fin de adaptalos ás súas previsións.

Neste sentido, a Lei do audiovisual de Galicia dálle un pulo máis ó Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creando na súa estructura comisións sectoriais de operadores, usuarios e empresas relacionadas coas actividades audiovisuais, propiciando o autocontrol dos axentes do sector no respecto ós principios que rexen a súa actividade, e os dereitos fundamentais e liberdades públicas.

Por outra banda, co fin de lles garantir ós usuarios unha oferta de servicios competitivos, atribúenselle ó Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual funcións de arbitraxe na resolución dos conflictos que poidan xurdir.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Regúlanse a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que é o máximo órgano asesor do Goberno da Comunidade Autónoma en materia de telecomunicacións e audiovisual.

2. O Consello Asesor adscríbese, sen prexuízo da súa independencia funcional, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 2º

Son funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia:

a) Propoñerlle, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, á Xunta de Galicia cantas medidas considere oportunas no ámbito das telecomunicacións e o audiovisual.

b) Coñecer e emitir informe sobre as liñas estratéxicas de actuación recollidas no libro branco das telecomunicacións, así como no futuro libro branco do audiovisual de Galicia, que poñerá en marcha a Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

c) Coñecer e emitir informe sobre os proxectos lexislativos e regulamentarios en materia de telecomunicacións e audiovisual que sexan competencia da Comunidade Autónoma.

d) Emitir informes sobre os temas relacionados coas telecomunicacións e audiovisual que o presidente do consello someta á súa consulta.

e) Coñecer, mediar e resolver a través do procedemento de arbitraxe os conflictos que lle sometan os interesados, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei do audiovisual de Galicia.

f) Propicia-la cualificación e o autocontrol en relación cos contidos dos medios de difusión audiovisuais específicos do ámbito da Comunidade Autónoma, en coordinación coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

g) Calquera outra función que, no marco das súas competencias, se lle atribúa por algunha disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 3º

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia estará composto por:

-Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

-Vicepresidente I: o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Vicepresidente II: o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Vicepresidente III: o director da Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

-Vocais:

1. En representación da Administración autonómica, designados polo presidente do Consello Asesor e por proposta dos titulares dos departamentos respectivos:

-Dous representantes da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Un representante da Consellería de Economía e Facenda.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Dous representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Dous representantes da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Tres representantes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Un representante da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-Dous representantes da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Un representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Un representante da Consellería de Medio Ambiente.

-Un representante da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

2. En representación da Administración local:

-Un representante por cada unha das deputacións provinciais galegas, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta de cada deputación.

-Dous representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta da dita federación.

-Un representante de cada unha das sete cidades maiores de Galicia, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta de cada concello.

3. Un representante por cada unha das tres universidades de Galicia, especialistas en temas de telecomunicación e audiovisual, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta de cada un dos respectivos rectores.

-Un representante do Centro de Supercomputación de Galicia, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta do mencionado centro.

-Un representante da Escola de Imaxe e Son, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

-Un representante da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

4. En representación dos sindicatos, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta das ditas organizacións:

-Un representante de cada un dos sindicatos dos catro máis representativos en Galicia.

5. En representación dos usuarios:

-Un representante das asociacións de usuarios industriais de servicios de telecomunicacións, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquelas.

6. En representación dos industriais e comercializadores, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia:

-Dous representantes da industria de fabricación de equipos de telecomunicacións.

-Un representante dos comercializadores e importadores de equipos de telecomunicacións.

7. En representación dos operadores de servicios de telecomunicacións, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daqueles:

-Un representante por cada un dos operadores que presten servicios na nosa Comunidade Autónoma.

8. Tres representantes da Compañía de Radiotelevisión de Galicia, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

9. En representación de televisión e radiodifusión:

-Un representante de Radiotelevisión Española en Galicia, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

-Un representante por cada unha das televisións privadas, con delegación en Galicia, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquelas.

-Un representante por cada unha das asociacións de emisoras locais de radiodifusión sonora e das televisións locais, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquelas.

-Un representante por cada unha das cadeas privadas de onda media ou de frecuencia modulada da nosa Comunidade Autónoma, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquelas.

10. Un representante por cada un dos xornais impresos galegos, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daqueles.

11. Dous representantes das asociacións máis importantes do audiovisual de Galicia, designados polo presidente do Consello Asesor, por proposta

conxunta de todas elas ou, no seu defecto, da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Un representante das asociacións de telespectadores e radioíntes, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta conxunta de todas elas.

-Un representante de empresas de servicios de publicidade, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia.

12. Un representante da Fundación Galicia-Europa, designado polo presidente do Consello Asesor, por proposta daquela.

13. Ata un máximo de once vocais, designados polo presidente do Consello Asesor, entre personalidades de recoñecido prestixio no sector das telecomunicacións e do audiovisual.

-Secretario: un funcionario da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, con voz e voto.

Artigo 4º

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia funcionará en pleno, comisión permanente e a través das comisións ás que se refire o artigo 15 da Lei do audiovisual de Galicia e, así mesmo, de cantas decida crea-lo propio consello dentro das súas competencias.

Artigo 5º

Compoñerán o Pleno do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia o presidente, os vicepresidentes, os vocais e o secretario.

Artigo 6º

O Consello Asesor rexerase, canto á súa convocatoria, deliberacións e adopción de acordos, polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como polo disposto no seu regulamento de funcionamento.

Artigo 7º

O Pleno do Consello reunirase unha vez ó ano en sesión ordinaria, e en extraordinaria por decisión do presidente ou cando o solicite a metade máis un dos seus membros.

Artigo 8º

1. A Comisión Permanente estará composta polos seguintes membros:

-Presidente: o vicepresidente I do Consello Asesor.

-Vicepresidentes: os vicepresidentes II e III do Consello Asesor.

-Vocais:

-Dous do punto 1, do artigo terceiro.

-Un do punto 2, do artigo terceiro.

-Un do punto 3, do artigo terceiro.

-Un do punto 4, do artigo terceiro.

-Un dos puntos 5 e 6, do artigo terceiro.

-Dous do punto 7, do artigo terceiro.

-Un do punto 8, do artigo terceiro.

-Un do punto 9, do artigo terceiro.

-Un do punto 10, do artigo terceiro.

-Un do punto 11, do artigo terceiro.

-O do punto 12, do artigo terceiro.

-Tres do punto 13, do artigo terceiro.

-Secretario: o secretario do Consello Asesor.

Para a constitución da comisión permanente, cada un dos grupos de entidades representadas que se citan propoñerán a designación, pola súa vez, de entre os seus membros electos, do vocal ou vocais que corresponda. No caso de non realizar ningunha proposta de designación, quedará aquela validamente constituída cos vocais propostos, sen prexuízo da súa designación ulterior co obxecto da súa constitución definitiva.

2. Serán funcións da comisión permanente:

a) Elevarlle ó Pleno, co seu parecer, os estudios e informes dos grupos de traballo constituídos e das comisións sectoriais, así como as propostas de acordo que considere necesarias.

b) Coñecer e emitir informe sobre os proxectos previstos no artigo 2º c) deste decreto, salvo que o seu presidente decida expresamente sometelos ó coñecemento do Pleno.

c) Exercer, logo do informe da comisión sectorial correspondente, as funcións de arbitraxe na resolución de conflictos que lle sometan os interesados, de acordo co previsto no artigo 14 da Lei do audiovisual de Galicia.

d) Elaborar un informe anual, de carácter público, sobre a actividade dos respectivos sectores no ámbito da Comunidade Autónoma.

e) Aquelas funcións que acorde delegarlle o Pleno ou lle asigne o regulamento de funcionamento do consello.

Artigo 9º

1. Para o estudio de temas concretos e como órganos de traballo do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia poderanse constituír, de acordo co previsto no artigo 15 da Lei do audiovisual de Galicia, comisións especializadas integradas por ata un máximo de seis vocais designados pola comisión permanente, que serán presididas polo vocal que designe o presidente. Poderán estar asistidas por representantes caracterizados do sector ou por expertos nos temas obxecto de estudio.

2. Os informes emitidos polas comisións non terán carácter vinculante e elevaranse á comisión perma

nente que dará traslado deles ó Pleno e á consellería competente por razón da materia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 307/1995, do 13 de xullo, polo que se crea o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia e se establece a súa composición e o seu réxime de funcionamento, agás o parágrafo primeiro do artigo primeiro, o Decreto 354/1996, do 19 de setembro, e o Decreto 199/1998, do 2 de xullo.

Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo