Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 29 de outubro de 1999 Páx. 12.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas para a obtención do certificado CE de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable.

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación de cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas esixe, como medida de seguridade preventiva, que as empresas que realicen tales transportes e as que efectúen operacións de carga ou descarga a eles vinculadas disporán dun ou varios conselleiros de seguridade, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro (BOE nº 251, do 20), incorpora a citada directiva ó ordenamento xurídico interno; para iso regula a obriga das empresas que transporten mercadorías perigosas ou realicen operacións de carga e descarga ligadas ós ditos transportes, a designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a eles, a cualificación profesional esixida e o procedemento que hai que seguir para avalia-la formación requirida.

A orde ministerial do 21 de outubro de 1999 (BOE nº 254, do 23), de desenvolvemento do citado Real decreto 1566, sobre obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade no transporte de mercadorías perigosas, establece as distintas modalidades do certificado e o contido dos exames e dispón que estes serán convocados polo órgano competente da Comunidade Autónoma onde se realicen, na súa virtude

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas para a obtención do certificado CE de formación para os conselleiros

de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, para os modos de transporte por estrada, ferrocarril ou vía navegable para as especialidades seguintes:

-Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

-Clase 2 (gases).

-Clase 7.

Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas (ADR).

Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

BASES

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas para a obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, para os modos de transporte por estrada, ferrocarril ou vía navegable para as especialidades antes citadas.

Segunda.-Exercicios.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estructura e forma de cualificación serán as establecidas na orde do Ministerio de Fomento do 21 de outubro de 1999 (BOE nº 254, do 23), reguladora das probas citadas.

Os exercicios de capacitación para a obtención do certificado CE de formación para conselleiros de seguridade, versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo do citado Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro.

Os exames constarán de dúas probas; unha primeira consistente en 50 preguntas tipo test e unha segunda proba na que se permitirá a consulta de libros, apuntes ou textos, consistente na realización dun suposto, referido ó modo de transporte e á especialidade correspondente, que versará sobre as tarefas e obrigas que o conselleiro deberá realizar e cumprir.

O tempo de que disporán os aspirantes para a realización das dúas probas será dunha hora e 30 minutos.

Terceira.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade co modelo que se xunta a esta orde (anexo I), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Á solicitude deberá xuntarse a fotocopia do DNI e o impreso de taxa autoliquidación correspondente á Administración, cando se produzan as circunstancias

regulamentariamente previstas que posibiliten presentarse ás probas, nun lugar distinto daquel no que o solicitante teña o seu domicilio habitual, os documentos acreditativos das citadas circunstancias, tendo validez para estes efectos os certificados que acrediten a residencia na Comunidade Autónoma galega, emitidos polas asociacións de transportistas residenciadas nesta Comunidade Autónoma.

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que corresponda.

Cuarta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co artigo 21.2º da Lei 13/1991, do 9 de decembro (DOG nº 241, do 13 de decembro) e Lei 1/1998, do 7 de abril (DOG nº 68, do 9 de abril de 1998), os dereitos de exame establécense na cantidade de dúas mil novecentas cinco pesetas (2.905 ptas.), por cada unha das clases mencionadas ás que cada interesado se presente, e ingresaranse logo de formalización dos impresos de taxas (Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Cód. COD. 06; delegación de SS.CC., Cód. 13, Servicio de Transportes, Cód. 02; Denominación: dereitos de exame probas transportista; clave 31.01.06), que se poderán obter nos servicios centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servicios provinciais de Transportes ou nas delegacions provinciais da citada consellería.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda procederá á revisión delas.

Ultimado o proceso exporanse nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior a lista provisional de excluídos, con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da exposición da citada lista, para poderen subsanar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de admitidos e excluídos nos organismos a que fai referencia o punto 1º da base cuarta.

5. Devolveranse os dereitos de exame ós solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de referencia no punto 4º da base cuarta, e o soliciten co modelo que figura na resolución como anexo II.

Quinta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: Juan Carlos Villarino Tejada, director xeral de Transportes.

Presidente suplente: Javier García de Bidegain, subdirector xeral de Ordenación do Transporte.

Vocais:

Carlos González Rodríguez, subdirector xeral de Inspección e Sancións.

David González Coalla, xefe de servicio da Dirección Xeral de Transportes.

Manuel Grande Grande, xefe de servicio da Dirección Xeral de Transportes.

Vocais suplentes:

Jorge Veiga Lendoiro, xefe de servicio da Dirección Xeral de Transportes.

Mª Cruz Tomé Navas, xefa do Servicio Provincial de Transportes de Pontevedra.

Alberto Eiras Martínez, xefe de servicio da Dirección Xeral de Transportes.

Secretario: Jesús Magariños Negreira, xefe de negociado da Dirección Xeral de Transportes.

Secretaria Suplente: Mª Pilar Méndez Vázquez, xefa de negociado da Dirección Xeral de Transportes.

Para os efectos do disposto no artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG nº 106, do 1 de xuño), o tribunal avaliador das probas cualificarase como de primeira categoría.

2. Calendario, horario e lugar.

Os exercicios realizaranse o día 4 de decembro de 1999 no Pazo de Congresos, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela. O horario dos exercicios publicarase xunto coa lista definitiva de admitidos e excluídos.

Sexta.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes terán que lle presentar ó tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo esta-lo domicilio que figure neste incluído no ámbito territorial ó que se estenda a actuación do citado tribunal.

2. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para os efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o error na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio del.

3. Cando se produzan cambios de domicilio que non sexa posible reflectir no DNI, o domicilio poderase xustificar mediante un certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello ou certificado de residencia emitido por unha asociación de transportistas residenciada nesta Comunidade Autónoma. Cando se trate de persoas que estean prestando o servicio militar fóra do seu lugar de residencia, poderán presentarse as probas nun lugar distinto deste, se presentan o orixinal do certificado expedido para o efecto polo xefe da súa respectiva unidade.

4. As persoas que xustifiquen te-lo seu domicilio en territorio estranxeiro poderán concorrer ás probas ante este tribunal.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 1999.

Juan Carlos Villarino Tejada

Director xeral de Transportes