Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 26 de outubro de 1999 Páx. 12.625

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de outubro de 1999 pola que se regula o procedemento para a transmisión mortis causa da titularidade das autorizacións temporais de carácter experimental nos polígonos de viveiros.

No Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, establécense as condicións de outorgamento, obrigas dos beneficiarios, réxime aplicable e causas de revogación das autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos de viveiros.

Por Orde do 17 de setembro de 1998, regúlase o procedemento para o outorgamento deste tipo de autorizacións.

Procede agora desenvolve-lo procedemento para a tramitación e resolución dos expedientes administrativos de transmisión da titularidade dos preceptivos títulos habilitantes.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitude.

1. No caso de falecemento do titular da autorización experimental, os seus habentes-causa comunicaranllo á Administración no prazo de tres meses, a partir do feito causante da sucesión, indicando expresamente a data de defunción, e deberán manifestar ante a Administración o seu propósito de subrogarse nos dereitos e obrigas daquel, no prazo máximo dun ano contabilizado desde a data do falecemento.

2. As solicitudes de transmisión mortis causa (anexo I desta orde) presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e comarcais ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes irán xunto co orixinal ou fotocopia cotexada da seguinte documentación:

a) Acreditación da representación e DNI do representante, para efectos das relacións entre a comunidade herdeira e a consellería.

b) DNI dos herdeiros.

c) Xustificante de ter realizada a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

d) Certificado de defunción.

e) Certificado do rexistro de derradeiras vontades.

f) Copia auténtica do testamento ou declaración de herdeiros.

g) Caderno particional da herdanza, de se-lo caso.

h) Solicitude ou carta de pagamento do imposto de sucesións e doazóns ou do imposto de transmisións patrimoniais, de se-lo caso.

Artigo 2º.-Tramitación.

1. Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos esixidos, a Dirección Xeral de Recursos Mariños requirirá o interesado para que no prazo de dez días repare a falta ou remita os documentos preceptivos, con indicación expresa de que se, así non o fixese, se lle considerará decaído na súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 citada.

2. Completada a documentación, procederase a solicita-los correspondentes informes, e recibidos estes, á avaliación do expediente e remisión ó Servicio Técnico Xurídico para o seu informe, previo á resolución.

Artigo 3º.-Resolución.

1. A decisión sobre a transmisión da titularidade adoptará a forma de resolución do director xeral de Recursos Mariños. No caso de ser favorable conterá, como mínimo, as seguintes alíneas:

a) Tipo de viveiro e identificación.

b) Finalidade da autorización experimental.

c) Especie ou especies autorizadas.

d) Data inicial de outorgamento.

e) Vixencia do título habilítante, con indicación da data da súa finalización.

f) Nome, apelidos e DNI/CIF do antigo titular.

g) Nome, apelidos e DNI/CIF do novo titular.

h) Indicación expresa de que o novo titular se subroga no prazo, dereitos e obrigas do anterior.

i) Condicións particulares, se as houbese, baixo as que se outorga o cambio de titularidade.

2. Na resolución indicarase expresamente que non pon fin á vía administrativa e que contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes desde o día seguinte ó da súa notificación, segundo dispón o artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses. Aínda que o vencemento do prazo sen ter notificada a resolución expresa non exime a Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo poderase entender desestimada, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias a que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura