Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 25 de outubro de 1999 Páx. 12.597

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación mineira Frades 6.705 fracción 3ª en terreos dos termos municipais de Mesía e Frades (provincia da Coruña) e promovido por Epifanio Campo Fernández.

De acordo co disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 22 de xaneiro de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación mineira Frades 6.705, fracción 3ª en terreos dos termos municipais de Mesía e Frades, provincia da Coruña e promovido por Epifanio Campo Fernández, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Na Coruña, 10 de setembro de 1999.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese exclusivamente ás tres zonas de actuacións mineiras de explotación realizadas sobre unha superficie total de 25 ha, sendo

a superficie aproximada de 9 ha para a zona 1, de 8 ha para a zona 2 e 8 ha para a zona 3. No que se refire á duración da explotación establécese nos 10 anos que veñen definidos no proxecto de referencia e resumidos no anexo I.

Tanto para outras zonas ou áreas que se van explotar como para unha duración superior á prevista, precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

Adoptaranse as medidas necesarias na explotación de xeito que, nos núcleos habitados próximos ás zonas de explotación, non se superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, de 6 febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro (BOE nº 96, do 22 de abril de 1975; corrección de erros en BOE nº 137, do 9 de xuño), de protección do ambiente atmosférico. En concreto, terase especial coidado nos núcleos de Osende próximo á zona 2 e A Xestosa próximo á zona 1.

2. Protección das augas.

2.1. Co fin de evitar que as augas de escorrentía superficial da zona 1 ocupada pola explotación poidan afectar ó rego Fervenza é as augas das zonas 2 e 3 ó rego Fervenza e ó río Maruzo (afluente do río Tambre), conduciranse axeitadamente as augas das zonas explotadas, xunto coas provenientes de calquera outro labor relacionado directa ou indirectamente coa explotación, a balsas de decantación, previamente ó seu vertido, para o que disporán de autorización previa do Organismo de Cunca.

Os valores límite de vertido, para os parámetros que se indican a continuación, serán, segundo o establecido na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, os seguintes:

pH: 5, 5-9, 5.

Sólidos en suspensión (mg/l): 80.

Materiais sedimentables (ml/l); 0,5.

Sólidos grosos: ausentes.

2.2. As augas residuais de cada unha das zonas da explotación, que se xeren nos servicios hixiénicos destinados ós operarios, deberán ser conducidas a unha fosa séptica ou outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento.

2.3. Os labores de mantemento da maquinaria levaranse a cabo fóra das zonas en explotación ou xa explotadas, debendo ser recollidos os seus residuos conforme a súa natureza e entregados a un xestor autorizado.

3. Protección do solo.

3.1. Acopiarase a terra vexetal nun lugar dentro da explotación onde quede asegurado que non existan perdas ó exterior dela. E no caso de que o período de tempo de almacenamento de terra vexetal sexa superior a un ano, someterase a coidados, mediante

un removido temporal, regas, achega de fertilizante mineral e plantación con leguminosas (En asociacións de Festuca sp., e Melilotus sp. i.e.), co fin de protexer da erosión eólica e hídrica. Os acopios deberán realizarse de xeito que non estean en pendente nin en zonas susceptibles de aborrallamento. Estes acopios disporanse formando cordóns lonxitudinais que non sobrepasen os 1,5 m de altura, dotándose perimetralmente dunha gabia que reconduza as augas froito da erosión do acopio ata unha balsa de decantación.

3.2. Os lodos procedentes da limpeza das balsas de decantación, en ningún caso se poderán depositar fóra do perímetro da zona obxecto da presente DIA, e estarán localizados en terreos acondicionados para o efecto, con gabias perimetrais, de xeito que non se perdan por lavado, e dean lugar a contaminación posterior.

3.3. Dado que no proxecto non se recolle a existencia de entulleiras, non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes, ningún tipo de residuo sólido diferente dos acopios temporais de terra vexetal e dos lodos, prohibíndose de forma específica o seu vertido noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a esta.

3.3. Respectaranse as servidumes e zonas de protección establecidas en relación á estrada CN 634 que se dirixe de Ordes a Lanzá próxima á zona 2 denominada O Penedo.

4. Protección da fauna e flora.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas lindantes e a zona de explotación, mediante a instalación, nas partes superiores da explotación, dun peche de malla cunha altura non inferior a 1,50 m, quedando expresamente prohibido o uso de arame de espiño.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación, que sirva coma pantalla visual, acústica e contra o po en calquera das zonas que se van explotar. A eliminación da vexetación da área que se vai explotar será sempre mediante sistemas de roza.

5. Protección da paisaxe.

5.1. Co fin de integrar paisaxisticamente a explotación, desde o inicio dos labores, disporanse pantallas vexetais arbóreas a base Pinus pinaster (en marco 4x2,5 m aliñados, ocupando unha franxa de 10 m de largo e de 3 m de altura), de xeito que: a zona 1 non sexa visible dende os núcleos habitados do Formigueiro, Xindras, Albixoi, Os Novas, A Lata, A Fieiterira, a zona 2 non deberá verse desde a estrada CN 634 e a zona 3 non será visible desde a estrada CL 2240.

As especies vexetais seleccionadas deberán vir orzamentadas no plan de restauración.

A zona de apantallamento vexetal deberá acondicionarse de xeito que garanta o enmascaramento da explotación desde o inicio dos labores.

6. Restauración.

En relación ó plan de restauración previsto, teranse en conta as seguintes consideracións:

6.1. Procederase a restaurar tódalas superficies que se modifiquen ou se creen, non podendo existir en ningún momento máis dun fronte activo.

6.2. Os labores de restauración realizaranse paralelamente ás de extracción de maneira progresiva, procedéndose ó remodelado dos noiros ata acadar pendentes 3/1 (H/V) a continuación da retirada de arxilas de cada franxa de 20 m, segundo o indicado no proxecto.

6.3. A profundidade mínima de terra vexetal será de 80 cm de xeito que o volume total de terra vexetal retirada e almacenada estenderase posteriormente nos ocos de explotación para a súa restauración. Nas zonas con pendente 3/1 (H/V) o espesor da capa de terra vexetal que se estenderá será de 50 cm de espesor.

No caso de que a cantidade de terra vexetal existente na explotación non fose suficiente para acadar este obxectivo, faríanse precisas achegas externas que contarán coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas.

O fertilizante mineral que se vai empregar será o complexo N-P-K (10-20-15), de acordo co especificado no proxecto. A fertilización orgánica será a base de esterco cun contido mínimo de nitróxeno do 3,5%. Finalmente e co fin de neutraliza-la acidez, aplicaranse emendas calizas tales como cal apagado ou carbonato cálcico.

En toda a superficie alterada implantarase unha pradeira a base de especies de leguminosas (70%) e gramíneas (30%) coas especies indicadas no proxecto e cunhas doses mínimas de 120 Kg/ha.

Os labores de revexetación realizaranse en outono ou primavera, fóra do período vexetativo, en función das especies seleccionadas, procedéndose á rega regular, fertilizado mineral de reforzo anual. A resementeira das superficies revexetadas deberá realizarse cando a porcentaxe de marras sexa superior ó 10%, ata que se asegure a viabilidade da plantación.

6.4. Ó finaliza-la explotación, desmantelaranse tódalas instalacións (balsas de decantación, canles perimetrais, etc.) e procederase ó peche e recuperación das pistas de acceso, deixando o medio nas condicións precisas para o uso previsto para o terreo e conservando unicamente as servidumes propias ou redefinidas.

6.5. Os lodos obtidos das balsas de decantación empregaranse na súa totalidade para a restauración dos ocos de explotación.

6.6. Non se empregarán na restauración materiais diferentes da terra vexetal e dos lodos de decantación, e prohíbese o vertido de entullos producto de derribos de construcción ou de calquera outro

material diferente dos mencionados anteriormente, os cales deberán xestionarse de acordo coa lexislación vixente.

7. Protección do patrimonio.

7.1. De acordo coa prospección arqueolóxica para o estudio de impacto da explotación de arxilas Frades 6705.3, deberá establecerse unha cautela razonable con respecto á zona 2 O Penedo, ante a proximidade do núcleo habitado de Ousende pola súa referencia toponímica en relación a un pobo tardorromano ou altomedieval.

8. Documentación adicional.

8.1. Nun prazo máximo dun (1) mes de ser notificada a presente DIA, e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor presentará diante do órgano substantivo, que á súa vez o remitirá a esta dirección xeral para a valoración e, se procede, a imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven desta declaración, os seguintes informes:

* Plano a escala axeitada, e dotado de coordenadas U.T.M., no que se localicen as superficies que se van ocupar diferenciando as correspondentes ós frentes de explotación, instalacións auxiliares (servicios hixiénicos), balsas de decantación, fosa séptica, canles perimetrais, zonas de acopios de terra vexetal e lodos.

* Representación en planos a escala axeitada e dotados de coordenadas U.T.M. das pantallas visuais, de acordo co mapa de concas, cos perfís visuais e co indicado no punto 5.1. da presente declaración. As ditas pantallas visuais deberán vir reflectidas no orzamento do plan de restauración.

* Proxecto do sistema de depuración de augas fecais a empregar incluíndose a localización do punto de vertido das mesmas.

* Proxecto das balsas de decantación e mais do sistema de drenaxe das augas procedentes da explotación e dos acopios, incluíndose a localización dos puntos de vertido, de acordo co establecido no punto 2.1. da presente DIA.

* Modificación do orzamento de restauración de cada unha das superficies de explotación (25 ha totales), incluíndo as medicións e valoración, segundo prezos actuais de mercado, de tódalas unidades de obra e tendo en conta a aplicación das medidas correctoras e protectoras ambientais que se deriven da aplicación da presente DIA.

8.2. Previamente ó inicio da actividade mineira se presenterá, a través do órgano substantivo, unha copia da autorización de vertido emitida polo Organismo de Conca.

A avaliación da documentación solicitada nos puntos anteriores será obxecto dunha resolución que será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

9. Vixilancia ambiental.

9.1. O promotor remitirá a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, e xuntamente co plan de labores anual no mes de xaneiro de cada ano, un informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se describa o estado da explotación así como dos traballos de restauración levados a cabo segundo a planificación proxectada, indicando as variacións producidas con respecto a esta, xunto coa previsión dos labores de restauración para o vindeiro ano.

10. Condición adicionais.

10.1. Para os efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental, a data de notificación da DÍA ó promotor.

10.2. A proposta do aval que deberá fixarse polo órgano substantivo, para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será de 8.000.000 de ptas./ha, que para a superficie de actuación considerada (25 ha) ascende á cantidade de douscentos millóns de pesetas (200.000.000 de ptas.).

10.3. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

10.4. As condicións indicadas nesta DIA, son de obrigado cumprimento para o promotor, sen embargo, a empresa promotora, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao, nun prazo máximo de tres meses, desde que lle sexa notificada a presente DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

10.5. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

10.6. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstos, poderán ser causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las

medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.7. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións expostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.8. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

10.9. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO E MEDIDAS CORRECTORAS

-Resumo:

O proxecto consiste nunha explotación de arxilas a ceo aberto mediante bancos de 4 m de altura e 20 m de largura do oco parcial, no termo municipal de Mesía e Frades, na provincia da Coruña.

O ritmo de explotación esperado é de 200.000 T/ano, sobre unha superficie total de 25 ha dividida en 3 zonas.

O arranque farase mediante pas mecánicas, non sendo necesario o uso de explosivos.

A duración estimada da explotación é de 10 anos.

Non se producirán estériles como consecuencia da extracción, polo que se presenta a restauración dos ocos procurando acadar unha morfoloxía o máis parecida posible á inicial, quedando os noiros finais cunha pendente 3/1 (H/V). O uso final previsto para os terreos explotados e restaurados é o de pasteiro.

-Medidas correctoras:

Solo: retirada de terra vexetal e acopio, co tratamento adecuado para evitar perdas por arrastre e das súas características edáficas.

Augas: sucos nas arxilas en zonas onde a velocidade do auga poida producir erosións no solo e conducción delas ata pozos de decantación e perda de velocidade, sendo posteriormente conducidas ó seu leito natural.

Atmosfera: durante a estación seca, rego con camión cisterna das pistas e explanada. Reducción ó mínimo dos tempos entre fase de explotación e restitución. Mantemento dos equipos móbiles e motores Diesel.

Vexetación e fauna: restauración do espacio e explotación en franxas de largura limitada (20 m).

Procesos xeofísicos: deseño dos noiros.

Paisaxe: reducción ó mínimo dos tempos entre fase de explotación e restitución. Restauración do espacio e explotación en franxas de largura limitada (20 m). Uso de especies similares ás existentes para a restauración.

Medio socio-cultural: adecuación da zona alterada de forma que poida mante-lo seu uso tradicional de explotación agrícola-forestal. Contratación de persoal nas poboacións do contorno. Toma periódica de datos de emisións de po e niveis de ruído en casas da proximidade que poidan verse afectadas.

Outras medidas correctoras: limita-la velocidade dos vehículos. Reparar periodicamente os camiños. Transporta-lo material en húmido ou tapado con lonas. Reduci-la actividade en períodos de vento intenso.

ANEXO II

RESULTADO DAS CONSULTAS REALIZADAS

Do contido dos informes recibidos, cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais emite informe favorable, puntualizando con relación ó ruído:

Nas inmediacións dos núcleos de poboación e das casas illadas máis próximas, deberá realizarse un control da intensidade sonora, de tal modo que non deben sobrepasarse os valores límites establecidos pola lexislación. No caso de que así ocorra, deberán instalarse barreiras de protección acústica.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo informa que dado que o proxecto de referencia situase nun solo non urbanizable común, deberá someterse á autorización do órgano urbanístico competente da Administración autonómica, seguindo o trámite do artigo 42 da Lei 11/1985, de adaptación da Lei do solo a Galicia, tendo en conta o establecido na disposición adicional segunda da Lei 7/1995, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo e na orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 27 de setembro de 1995.

Considerando o impacto que se produce no solo e na paisaxe, estímase imprescindible que a explotación de arxilas como recurso natural da zona se efectúe de forma racional e que o plan de restauración se poña en práctica e se leve a cabo seguindo o calendario proposto tal e como consta no documento presentado, imprescindible para consegui-la recuperación e integración da zona impactada co seu contorno e a utilización productiva do solo.

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental informa favorablemente a Memoria sobre a Prospección Arqueológica para el Estudio de Impacto de la Explotación de Arcillas Frades nº 6705.3. Indicando que as conclusións da devandita memoria se incluirán na correspondente declaración ambiental.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, informa que a corrección do impacto ambiental causado sobre as augas superficiais está incompleta, polo que terá que aplicarse a seguinte medida correctora:

Tódalas augas de escorrentía, así como as procedentes dos sistemas de drenaxe do interior da explotación, conduciranse a dúas balsas de decantación que estarán unidas entre sí por desbordamento. A profundidade mínima das balsas, medida desde a superficie da lámina de auga ata o sedimento depositado será de 1 metro. Sendo as augas, posteriomente conducidas ó seu leito natural completamente limpas.

Tendo en conta a medida correctora antes citada, a valoración dos demais impactos ambientais previsibles na explotación proxectada, considérase axeitada e viables as medidas correctoras propostas para estes impactos.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable do referido estudio e considera necesaria a recollida no condicionado dos seguintes puntos:

1. Ámbito territorial da declaración: refírese ás actuacións mineiras de explotación sinaladas nos planos aportados;

Zona 1: 9 ha aproximadamente.

Zona 2: 8 ha aproximadamente.

Zona 3: 8 ha aproximadamente.

2. Calidade do aire: os niveis de emisión de partículas sólidas non sobrepasarán os límites establecidos no Decreto 833/1975, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección del ambiente atmosférico.

A composición dos gases dos motores de combustión interna deberán axustarse en todo momento ós valores regulamentados.

A velocidade da maquinaria móbil, dentro do ámbito da explotación, non sobrepasará os 15 km.

3. Viais e pistas: haberá que aterse ó disposto na I.T.C. 07.1.03.

4. Flora: respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación que sirva como pantalla visual ou acústica.

5. Residuos: queda expresamente prohibido o depósito, vertido ou acumulación, tanto na zona de explotación, como de instalacións ou adxacentes, de calquera tipo de residuo. Os aceites usados deberán ser entregados a xestor autorizado.

6. Medidas de control e vixilancia ambiental: tanto o órgano ambiental como o substantivo, poderán dictar, en calquera momento, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan no desenvolvemento da explotación e da restauración dos terreos afectados ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non recollido actualmente.

7. Condicións finais: o promotor presentará informes anuais, ante o órgano substantivo, das medidas correctoras e do desenvolvemento dos traballos de restauración levados a cabo, achegando o preceptivo Plan de Labores, que serán remitidos seguidamente ó órgano ambiental.

En cuanto á prestación de garantías suficientes que aseguren o cumprimento do plan de restauración presentado, haberá que aterse ó disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.